Amigus
As Pontes

Hume: Xornadas de outono 2017

Durante os próximos fins de semana, a Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume, celebrará as súas xornadas de Outono.

A primeira cita será o domingo 26 de novembro, ás 18:00 horas no Mercado Vello, baixo o título “POLAFíA – As Pontes”

As Polafías son un proxecto nacido en 2007 da man da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e que, con coordinación de Antonio Reigosa, ten como obxectivo recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular, por medio dunha adaptación das antigas xuntanzas tradicionais (fiadas, polavilas, etc) aos tempos actuais, nos que os recursos técnicos permiten darlle un carácter estable e con garantía de futuro á creación espontánea dos asistentes.

A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora nos axudamos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de internet, para conseguir unha ampla difusión deste patrimonio…

O venres 1 de decembro, ás 20:00 horas en Casa Dopeso, será o turno de Eduardo Rico Boquete e Araceli Freire Cedeira, que falarán dos “/0 anos de repoboación forestal forzada e as súas consecuencias”

Eduardo Rico Boquete é Doutor en Historia da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1995, coa tese A riqueza forestal de Galicia non século XX: produción e explotación, dirixida polo Profesor Ramón Villares Paz.

Na actualidade é Profesor titular de Historia Contemporánea na mencionada institución. En 1995 publicou Política forestal e repoboacións en Galicia (1941-1971) e posteriormente tamén colaborou en diversas obras colectivas, entre outras en Charles Watkins (ed), European Woods and Forests: Studies in Cultural History, Cabi Publishing, Oxon (Ou.K.),1998; M. Agnoletti and S. Anderson (eds.), Forest History: International Studies on Socioeconomic and Forest Ecosystem Change, Cabi Publishing, New York, 2000; Andrée Corvol-Dessert (ed.), Les forêts d’Occident. Du Moyen Age à nos jours, Presses Universitaires du Mirail, Toulouse (France), 2004.

O seu libro máis recente, realizado en colaboración con D. José Manuel Mangas Navas, titúlase A política de montes protectores en España (1908-1936), e foi publicado polo Ministerio de Agricultura en 2013.

O venres 15 de decembro as 20:00 no Mercado Vello, se presentará a revista nº 10 de HUME, así como a entrega de premios do II Premio de Investigación “HUME”

Cúmprense este 2017 dez anos da aparición do primeiro número da revista Hume. Constitúe un orgullo para todos os membros da asociación sacar á luz este numero que ten algo de especial por cumprirse xa unha década. Orgullo e satisfacción por ser feito entre todos e por manternos dez anos traballando na procura da recuperación da historia do noso municipio e comarca. Unha historia local que non polo feito de ser local é menos importante, senón que é tamén necesaria coñecer, estudar e ensinar.

O número 10 que vos presentamos ábrese cun magnífico traballo que foi merecedor do primeiro premio de investigación Hume As Pontes do que son autores os arquitectos, Nuria Prieto González e Pablo Rodríguez Rodríguez. Estes realizan un estudo comparativo de tres poboados industriais como son As Veigas, Compostilla e Belesar. O segundo premio recaeu en Gustavo Daniel Cabarcos Randazzo, investigador arxentino, que publicamos neste número e que recolle un estudo xenealóxico da familia Cabarcos nos séculos XVI ao XIX. A continuación presentamos un documentado artigo firmado por Manuel Lara Coira, profesor da Escola Politécnica de Esteiro, no que recupera a memoria dos aproveitamentos hidroeléctricos no termo municipal das Pontes de García Rodríguez. Nel poderemos buscar nos mapas que achega os muíños e plantas de luz existentes no noso concello. Logo a nosa compañeira de Hume, Nieves Seijo Sabín, preséntanos un documento de vital importancia para a súa utilización por outros investigadores ou mestres onde poderán atopar as distintas publicacións, institucións e webs sobre o patrimonio galego na rede o nos medios de comunicación. Máis adiante o historiador madrileño, David Serrano Lozano achéganos un profundo estudo epigráfico sobre unha ara romana que se atopou nas escavacións da ermida de Santa Eulalia do Portorroibo e que actualmente se conserva nos soportais da Casa Consistorial.

A continuación, aparece unha pequena achega ao mundo dos cines ponteses e a súa arquitectura escrito polo que vos presenta a revista. Carlos Romero Castro, economista e empregado da central térmica, analiza e descúbrenos co seu traballo, esplendidamente ilustrado, diversos aspectos das inauguracións da central térmica de 32 MW e da fábrica de abonos da Empresa Nacional Calvo Sotelo. Logo aparece o merecido homenaxe que o noso compañeiro, Ovidio García Pazos, realiza a Manuel Vicente Castro Fernández, “Freixo”. Por último, o grupo de etnografía da man de Marisol Souto López, achega as entrevistas realizadas a Pilar Domínguez Casal e Antonio Abeijón Fábregas, persoas que tiveron vivencias especiais na nosa vila nos anos 60 e 70.

También podría gustarte
Comentarios