Amigus
As Pontes

‘Existe unha relación constante entre a enxeñería e o patrimonio cultural’

Felipe Arias Vilas, Director Xeral de Patrimonio Cultural na Consellería de Cultura
Entrevista publicada na Revista del colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos de Galicia. Xaneiro 2008, nº 6, pp. 18-19, A Coruña
FelipeArias.jpgFelipe Arias é licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago. A súa tese de final de carreira sobre as “Murallas romanas de Lugo” recibiu o Premio Extraordinario de Licenciatura e foi publicada un ano despois. Arias Vilas exerceu coma profesor de Historia e Arqueoloxía, actividade que conxugaba coma bolseiro de investigación na Universidade de Santiago. Entre 1976 e 1984 foi director-conservador do Museo Provincial de Lugo. Dende 1983 dirixiu o Museo do Castro de Viladonga e os traballos arqueolóxicos neste xacemento castrexo e galaico-romano. En agosto de 2005 fíxose cargo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Felipe Arias é autor de máis de duascentas publicacións e colaboracións (só ou en obras colectivas) sobre temas de Arqueoloxía, Historia Antiga, Museoloxía e Patrimonio Cultural, e ten participado en máis de duascentas cincuenta conferencias e mesas redondas sobre estes temas dentro e fóra de Galicia.


P- Cómo se atopa actualmente o patrimonio cultural de Galicia?
R-
Un dos problemas que ten o patrimonio cultural de Galicia é que é extraordinariamente abundante, moi numeroso, e ademais, e pola mesma razón, está moi espallado. Esta dispersión e esta abundancia inciden nas condicións de protección e no seu coñecemento público.
A dispersión foi que o seu estado sexa moi irregular. Para explicar a súa abundancia hai que entender que dentro do patrimonio cultural non se inclúen só os grandes mosteiros, castros ou cruceiros singulares. É, polo tanto, moi amplo, e isto afecta tamén a vellos camiños como son vías romanas, camiños reais ou corredoiras recentes…
Todo isto ten un impacto moi grande na paisaxe e cultura do país e, en xeral, non gozan de demasiada protección legal, pois é imposible protexelos todos a pesar de que son patrimonio cultural, ao igual que o Mosteiro de Oseira ou a Torre de Hércules.
P- Cal é a relación entre o patrimonio e a enxeñería de Camiños, Canais e Portos?
R-
Dende o punto de vista da investigación as vías romanas protagonizan unha parte importante do patrimonio e da historia, parte delas usáronse como calzadas medievais, moitas delas como rutas de peregrinación ou camiños reais. Algunhas convertéronse actualmente en estradas ou, incluso, en autopistas e, outras quedaron como corredoiras ou camiños. Dende o punto de vista patrimonial todas son importantes, e algunhas teñen figuras de protección aínda que moitas delas problemáticas. Nos últimos dez ou quince anos, os itinerarios culturais, as vías romanas, os camiños dos arrieiros están máis considerados polos propios enxeñeiros, ao igual que dende o propio ámbito do patrimonio cultural e dende o paisaxístico e medioambiental.
P- Que papel xoga a enxeñería de camiños na defensa do patrimonio?
R-
Considero que xoga un papel fundamental en canto aos camiños históricos. Os enxeñeiros polo seu propio oficio, actúan sobre o territorio e a paisaxe, e nos seus proxectos e trazados atópanse con elementos do patrimonio cultural, de maneira que a administración competente nesta materia sempre ten que estar atenta e pendente para que as novas infraestructuras afecten o menos posible a elementos do patrimonio, ás veces directamente a un camiño, unha igrexa, un conxunto de hórreos… En fin, afecta ao territorio histórico. As actuais vías de comunicación inciden moito máis no territorio que hai unhas poucas décadas. Existe unha relación constante entre a enxeñería e o patrimonio cultural, por iso, estes profesionais deben procurar traballar co máximo respecto a este patrimonio, non velo como elementos illados, senón coma un territorio histórico. Unha obra pode respectar unha capela románica, pero a cuneta non se pode trazar mesmo polo seu adro.
P- Teño entendido que a enxeñería de camiños aportou moito aos inventarios das pontes históricas con iniciativas dende a súa ETS na Coruña?
R-
Afortunadamente, o mundo das pontes históricas en Galicia está ben tratado e nas boas mans dalgúns enxeñeiros. Na maior parte das comunidades non existen traballos como o que se fixo aquí da man de Alvarado, Durán e Nárdiz. Seguiuse a traballar e traballarase sempre. Así, hai tamén unha liña de programación aberta en patrimonio cultural sobre as pontes históricas. Pero é imposible amañar todas as pontes históricas, é impensable intentar atender a todas as que o necesitan, e hai que priorizar moito pois existen realmente verdadeiras “obras de arte”. A sensibilidade cambiou no mundo da enxeñería e da arquitectura e isto nótase nos traballos de alumnos e de profesores.
P- Que nos pode dicir dos Camiños de Santiago?
R-
Os camiños teñen un problema engadido ao que levamos dito ata o de agora, e é a súa utilización masiva como, no caso do Camiño Francés no verán. Andan por el moitos turistas peregrinos, excursionistas, sendeiristas… Actualmente teñen moito máis uso e usos, non só se produce nos anos santos, senón xa tódolos anos, e este feito pode incidir negativamente na conservación dos propios camiños e dos seus elementos asociados. Os camiños pasan por zonas cultivadas, zonas urbanas, infraestruturas viarias e isto tamén interesa aos concellos, que queren que os camiños pasen por eles e, para iso, hai uns criterios que cumprir e unhas servidumes ás que atender.
P- Existe unha sensibilidade maior polo patrimonio despois do cambio de política que se deu en Galicia e, con isto refírome á posibilidade de restrinxir o paso de turistas á Catedral de Santiago e outras posibles actuacións que se barallan?
R-
Para restrinxir, ou mellor para ordenar e organizar a entrada na catedral de Santiago hai que facer uns estudos previos conrespecto ás súas condicións de conservación, porque pode ser, ás veces, negativo para a súa propia pervivencia. En ocasións, a utilización turística vai en detrimento dos elementos patrimoniais. Un exemplo citado a miúdo é a cova de Altamira, que se pechou porque non resistía o ritmo de visitas e, agora, ten un sistema de visitas moi restrinxido e existe unha reprodución ao lado. A utilización do patrimonio debe ser responsable e sostible, senón acabaremos con toda a nosa historia cultural. Se nos preguntan aos de patrimonio cultural se queremos que un elemento patrimonial dure mil anos máis ou teña un millón de visitantes, por suposto que nós preferimos que perdure no tempo, ainda que os profesionais do turismo dirían posiblemente o contrario.
P- Estamos a falar de sensibilización, non si?
R-
Actualmente existe unha maior sensibilización global de cara aos temas de patrimonio cultural, medio ambiente, tráfico,… Pódese lograr unha boa conciencia patrimonial, porque non se pode desfacer unha mámoa, unha vía romana ou un camiño histórico. Para acadar esta sensibilización pódese chegar a través de diferentes camiños. En primeiro lugar hai que ter bos inventarios e catálogos actualizados dos elementos patrimoniais; isto permitirá ter unhas adecuadas figuras de protección, e neste tema son fundamentais os planeamentos municipais, e por suposto e como sempre, a educación, a cultura e a información.
A maiores hai que utilizar, queirámolo ou non porque así está na normativa legal, unha vía complementaria como é a sancionadora e punitiva. É a que menos se debe potenciar e a que menos gusta, pero está aí como en calquera lei.
P- Destaque algún traballo relacionado coa enxeñería, que estean realizando neste momento.
R-
Fundamentalmente, a atención ao territorio dende o punto de vista patrimonial, é dicir o coidado dos territorios históricos, tratar a paisaxe coma elemento puramente patrimonial, coma memoria patrimonial; un exemplo moi claro é a Ribeira Sacra, como paisaxe natural pero con diferentes núcleos de interese cultural, entre os cales destacan varios mosteiros. Todo o seu conxunto conforma o patrimonio cultural, ademais do medioambiental e natural. O papel da enxeñería, en canto que incide no territorio, é fundamental para que se coide o patrimonio cultural cando se actúe sobre aquel.

También podría gustarte
Comentarios