José Miguel Varela: «A vila de As Pontes medrou porque se fixo a ponte dos Ferros»
Varela activou, a través da plataforma Change.org, unha iniciativa para rehabilitar a pasarela
Subliña que a súa é unha iniciativa «a título particular». O pontés José Miguel Varela Lamigueiro activou unha petición para demandar a rehabilitación da ponte dos Ferros, situada nun dos accesos principais ao municipio e enraizada co barrio da Vila. «O estado actual da zona é deplorable», asegura.
-De onde lle veu a idea de lanzar una petición a través da plataforma?
-Isto vénse cocendo desde moito tempo atrás. A verdade é que sempre tiven un vínculo moi forte coa zona da Vila, desde ben pequeniño. E fíxose aínda máis forte porque a miña muller ten unha casa alí. A raíz diso pasamos máis tempo nese entorno, pero por alí teño paseado millóns de veces. Sempre estiven moi pendente do seu estado en xeral e da ponte en particular. A idea de facer algo neste sentido xa a tiña desde fai moito tempo. Pero sempre esperaba que desde o Concello tomaran algunha iniciativa.
-Cal foi o detonante?
-O mes pasado estaba paseando por alí e, como xa leva moito tempo descoidada, pensei: ¡Xa está ben!. Imos facer algo porque isto está esquecido completamente. A raíz de aí, e de que hoxe en día as tecnoloxías teñen moita forza, ocorréuseme o da plataforma Change.org porque non fai falta que a iniciativa sexa a nivel mundial, tamén pode ser local. Penseino un pouco e para adiante.
-¿Que reclama?
-No texto da petición apostei por dar unha mensaxe sinxela porque a xente busca textos breves, que expliquen ben a situación, como están as cousas. Hai que deixar claros os puntos de acción que, neste caso, son o da peonalización -que creo que é fundamental-, realizar unha restauración integral da ponte e poñer en valor o monumento entre a sociedade pontesa. Non é suficiente rozar e facer limpezas puntuais da zona. A reforma ten que ser total. Gustaríame ver a ponte restaurada e que fose impulsada por técnicos competentes. Entendo que aquí Patrimonio ten moito que dicir.
-A eles se dirixe -aos responsables de Patrimonio-, pero tamén aos membros do Concello.
-Efectivamente, eu diríxome aos que teñen capacidade de actuar que son o Concello e a Dirección Xeral de Patrimonio. Ata onde sei eu, o goberno local non podería facelo de forma unilateral. Non teño os coñecementos necesarios para saber que lle compete a cada un, pero si conto con moita ilusión para apostar por este proxecto.
-E aos veciños?
-Supoño que é unha chamada de atención para todos, polo que estendo a chamada de atención. Isto é patrimonio común de toda a sociedade pontesa, así que é algo que nos incumbe a todos.
-Nos últimos anos impulsouse a rehabilitación da zona da Vila.
-Non quero ser crítico porque supoño que nun municipio sempre hai moitas frontes, pero no caso da ponte, desde o Concello, non se fixo nada. Só se realizan reparacións periódicas do piso porque pasan coches, nada máis. Pero rómpense as baldosas, entra auga e todo isto pasa para a pedra. Gustaríame coller a onda do Museo Etnográfico Monte Caxado para que axude de revulsivo para o resto da Vila. A iniciativa non vai en contra de ninguén senón a favor da ponte. As Pontes medrou porque se fixo unha ponte aí e, a partir dese punto, comezou o tráfico comercial. A As Pontes non a fundou Endesa no 76, xa estabamos antes.
-Está preto de conseguir as duascentas firmas. Está satisfeito?
-Para min a iniciativa xa triunfou polo feito de que teña repercusión. Só conseguir que se fale disto xa é un éxito. Logo os políticos terán que tomar nota. Neste sentido, xa houbo un contacto, vía redes sociais, cun membro do goberno local. Parece que xa teñen en marcha un estudio para determinar as actuacións necesarias.
Fonte La Voz de Galicia