O Museo Etnográfico Monte Caxado presenta o Caderno n.o 8, unha edición especial polo 40 aniversario da súa creación
O acto terá lugar o vindeiro venres 10, ás 19:30 horas, na Praza da Igrexa das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), coa intervención do autor da publicación, José María López Ferro, e do director do Museo Etnográfico da Capela, Secundino García Mera
O Museo Etnográfico Monte Caxado presentará o vindeiro venres 10, ás 19:30 horas, na Praza da Igrexa das Pontes, o Caderno n.o 8 do Museo, unha publicación especial
editada con motivo do 40 aniversario da creación do Museo Etnográfico Monte Caxado.
O acto contará coa intervención de José María López Ferro, autor do caderno e director do Museo, que estará acompañado por Secundino García Mera, director do Museo Etnográfico da Capela.
Este novo número dos cadernos do Museo recolle a evolución da entidade desde a súa creación no curso escolar 1984-1985 como proxecto pedagóxico no Colexio Público Monte Caxado ata a súa concepción actual como centro de investigación, conservación e divulgación da cultura material e inmaterial das Pontes e da súa bisbarra.
A publicación conta, ademais, cun prólogo do museólogo Felipe-Senén López Gómez, quen por motivos persoais non poderá participar no acto de presentación.
Desde a Fundación do Museo Etnográfico Monte Caxado queren expresar o seu agradecemento pola colaboración desinteresada e pola disposición que, brindou xenerosamente a este proxecto, ao longo de toda a vida do museo.
A edición do Caderno n.o 8 foi financiada con cargo a unha achega económica da Deputación da Coruña, mentres que na organización do acto colabora o Concello das Pontes.
A presentación será de entrada libre e todas as persoas asistentes recibirán como agasallo un exemplar da publicación.
Con esta edición especial, o Museo Etnográfico Monte Caxado continúa a súa liña de traballo arredor da recuperación, estudo e difusión da memoria colectiva, poñendo en valor catro décadas de compromiso coa cultura, o patrimonio e a identidade das Pontes e da súa contorna.
Nova cortesía FUNDACIÓN MUSEO ETNOGRÁFICO MONTE CAXADO