O museo etnográfico das Pontes presenta en xullo o número 4 dos seus cadernos etnográficos adicado á mitoloxía das bisbarras do Eume e Ortegal
O vindeiro día 8 de xullo de 2022 ás 20:30 horas na Praza da Igrexa das Pontes terá lugar a presentación pública do cuarto caderno que edita anualmente a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado en colaboración coa Deputación da Coruña e que leva por título “Lendas ilustradas do Eume e Ortegal”.
Este novo número presenta a través das súas 136 páxinas, 47 lendas, contos e tradicións, recollidos ate o momento no territorio de referencia e que chegaron ate nós por medio da transmisión oral. Ademais, o seu autor José María López Ferro, introduce cada unha das lendas a través de debuxos orixinais realizados ex profeso para a publicación. O traballo incorpora ademáis unha introdución a respecto dos valores culturais asociados ao patrimonio inmaterial e á súa conservación e difusión para as xeracións vindeiras.
Este novo caderno é unha ferramenta excepcional para o apoio á diversidade cultural e lingüística, xa que ademáis de estar escrita en lingua galega, contén un conxunto de elementos do patrimonio cultural inmaterial, nalgúns casos con moitos paralelismos lendarios noutros puntos da Península Ibérica, e mesmo nas Illas Británicas e a Bretaña Francesa. Asemade constitúese como un vehículo de salvagarda de saberes e tradicións presentes na oralidade popular galega e que a día de hoxe están en grave risco de desaparición.
A entrada ao acto de presentación será de balde e cada asistente recibirá como agasallo un exemplar da publicación.
Máis información en www.montecaxado.gal