Maxia, luz e compañeirismo en Trasona: Así vivimos o IV Festival Anochecer de Barco Dragón
A fin de semana do 4 e 5 de outubro, o noso equipo de barco dragón do Grupo Xuvenil desprazouse ata Trasona (Asturias) para participar no IV Festival Anochecer de Barco Dragón, unha cita incrible onde o compañeirismo e a convivencia están sempre por enriba das medallas.
Este gran festival reuniu a máis de 600 palistas e 23 clubs de toda España nun formato moi especial: regatas que se desenvolven durante a tarde e a caída da noite, regalando imaxes preciosas cos barcos iluminados con luces sobre a auga.
Ademais, trátase de probas de relevos sobre unha distancia de 2.000 metros, nas que os equipos se forman mesturando os diferentes clubs. Unha experiencia única de compañeirismo e aprendizaxe en todos os sentidos.
A nosa participación:
O noso equipo estivo presente nas categorías BCS, feminino e open, deixando moi altas as nosas cores. Cómpre destacar especialmente a brillante actuación do equipo open, que logrou ser o 6º barco máis rápido dos 56 que participaron!
Ademais, é un gran orgullo para nós sinalar que o Grupo Xuvenil é un dos poucos clubs de España que conta con mulleres timoneis, demostrando o noso compromiso co lideraxe e a presenza feminina na auga.
Unha experiencia inesquecible que nos deixa un gran sabor de boca e moitas ganas de seguir crecendo. Seguimos sumando quilómetros e ilusións!
Nova cortesía do Grupo Xuvenil

Los comentarios están cerrados, pero trackbacks Y pingbacks están abiertos.