Apróbanse definitivamente os orzamentos deste exercizo
[Diario de Ferrol] O Concello de As Pontes celebrou onte un pleno de carácter extraordinario no que se aprobaron definitivamente os orzamentos da administración local para este exercicio e que aínda estaba pendente de aprobar. Na sesión deuse resposta tamén ás cinco alegacións presentadas polo BNG.
O Concello de As Pontes aprobou onte o seu orzamento para o 2008 nun pleno de caracter extraordinario onde o asunto da economía foi o único punto na orde do día. Asimesmo, na devandita sesión plenaria resolvéronse as reclamacións presentadas ás contas municipais por parte do Bloque Nacionalista Galego.
Das cinco alegacións formuladas polos nacionalistas, segundo informaron dende o Consistorio, os técnicos municipais só admitiron a trámite unha delas, a relacionada coa modificación do complemento específico de dous dos traballadores do Concello que, a xuízo dos nacionalistas é ilegal.
Así, o edil de Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, aclarou que o único motivo polo que os técnicos municipais aceptaron esta alegación radicou nun defecto no aspecto procedimental, non polo seu fondo, xa que o servizo de intervención non tivo tempo para fiscalizar a partida destinada a este complemento, explicou. Así as cousas, os membros do grupo municipal do PSOE abstivéronse na votación desta reclamación, alegando que non irían en ningún momento en contra do recollido polos informes elaborados polos técnicos municipais.
Por outra banda, non contaron coa aprobación dos técnicos as outras catro alegacións dos nacionalistas. A primeira delas tratábase da necesidade de aplicar os orzamentos antes do 31 de outubro, data límite legal para que entren en vigor as contas municipais. Noutras dúas reclamacións o BNG aglutinaba varios asuntos vinculados co persoal municipal, como o proceso de amortización de prazas que, segundo os membros da formación frontista, non permitirá ao personal laboral do Concello acceder a un posto de funcionario ou a incorporación dunha nova limpadora para o servizo municipal ao atoparse unha delas de baixa. Asemade, dende o BNG tamén esixiron a través das súas reclamacións o incremento do plantel adicado ao servizo de axuda a domicilio.
Así, segundo se recolle no informe municipal, os técnicos do Concello non poden operar xa que se trata de decisións de carácter político, libres, non obrigatorias. Igual resposta obtivo a alegación do BNG sobre o traslado da partida orzamentaria para o parque tecnolóxico de Vilabella para o 2009.
Partidas
Deste xeito o Concello das Pontes disporá duns orzamentos de 15,1 millóns de euros para este exercizo. Ademais, entre os puntos máis relevantes destas contas dende o Concello salientan a redución dun 5% no capítulo adicado ao persoal, ao que se destinarán 5,5 millóns de euros, e que permitirá optimizar os recursos municipais pero sen afectar aos servizos que se prestan aos cidadáns.
O edil de Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, xa salientaba no día da presentación dos presupostos ante a corporación municipal -no mes de xullo-, que as contas son un exemplo de responsabilidade, realismo, sensatez e boa xestión.