AS PONTES RENDIU HOMENAXE Á BANDA MUSICAL DE RIBADEUME E ÓS SEUS FUNDADORES
Este sábado, 14 de novembro, celebrouse na parroquia pontesa de Ribadeume un máis que merecido homenaxe á súa Banda Musical con motivo do centenario da súa fundación, así como ós seus fundadores.
Ó acto asistiron máis de cen persoas en representación das diversas asociacións culturais e musicais do concello, o alcalde e membros da corporación municipal, antigos alumnos e discípulos desta xa histórica banda de música, músicos e familiares dos homenaxeados, ademais dos lugareños desta parroquia que ten tras súa unha longa e gran tradición musical. Tamén estaban convidados os alcaldes de Aranga, lugar de nacemento do cura Juan Vázquez, e o da Capela, xa que por aquel entón a parroquia de Ribadeume pertencía ó concello da Capela.
Esta histórica Banda Musical de Ribadeume foi fundada polo párroco desta parroquia, JUAN VÁZQUEZ VÁZQUEZ. Un cura nado no veciño concello de Aranga (1873) e que durante medio século, de1906 a 1956, foi párroco de Ribadeume e Bermui. Os seus fregueses lémbrano como unha boa persoa, de carácter firme e que aprendeu a moitos veciños a música, fundando unha banda alá polo ano 1909 e que se mantivo ata 1943, séndolle concedido o título de Banda Municipal da Capela en sesión plenaria celebrada o 11 de marzo de 1928.
Juan Vázquez foi o primeiro director desta banda de música que chegou a contar con máis de vinte músicos procedentes de distintos lugares desta comarca do Eume. Foi substituído na dirección polo mestre DOMINGO ANTONIO PICO BLANCO, nado en Ribadeume en 1895 e falecido na Coruña en 1985. Persoa tamén moi apreciada polos veciños, contaba con once anos cando chegou á parroquia Juan Vázquez, sendo un alumno moi avantaxado na música, polo que co paso dos anos sucedeu ó seu mestre, don Juan, o cura de Ribadeume. Acadou o título de mestre de primeira ensinanza en 1918, concedido naquela época polo entón rei de España Alfonso XIII. Foi mestre de Piñeiro e Ribadeume “e fixo a partitura do himno das Pontes, cuxa letra é de Francisco Cabo Pastor, que foi médico da localidade”.
Comezou este bonito e emotivo acto cun discurso do presidente da asociación veciñal de Ribadeume e Bermui, Abelardo Pena Permuy, quen, en relación á festividade de Santa Icía que tódolos anos se celebra nas Pontes, dixo: Observamos que cando se fala de posibles homenaxeados sempre aparece o nome de alguén destas parroquias de Bermui e Ribadeume. Non podía ser por casualidade, tiña que haber algún motivo e decatámonos que tiña que ser polo traballo desenrolado por dúas persoas destacadas no século pasado, o cura don Juan Vázquez Vázquez e o mestre don Domingo Antonio Pico Blanco. Baixo a batuta destes dous personaxes creouse unha verdadeira escola de músicos chegando a fundarse a Banda Musical de Ribadeume
Dela saíron profesionais que traballaron en orquestras e grupos por toda a xeografía galega e incluso no estranxeiro, algúns aínda en activo como Pedro Cupeiro ou Andrés Gómez, outros ata hai ben pouco, como Olegario e Aurelio
.
Despois tomou a palabra o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, quen loou o traballo que se fai nas Pontes a prol da música. De seguido procedeuse á inauguración do monumento adicado á Banda de Ribadeume e ós seus fundadores, situado na praza da igrexa. Con anterioridade houbo unha actuación a cargo do grupo infantil de baile tradicional da Asociación Alende e da banda de música de As Pontes.
Finalizado este acto os asistentes trasladáronse á sala do Mercado Vello, para inaugurar a exposición fotográfica da historia musical destas parroquias, recollida por Ovidio Pazos, un pontés amante da música e da súa historia nesta comarca.
Ribadeume, 14 de Novembro de 2009 (AF)