Amigus
As Pontes

Cal Pardo desvela unha parte fundamental da historia galega

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

[La Voz de Galicia] A Diocese de Mondoñedo-Ferrol saca á Luz o Tumbo Pechado da Catedral.


Enrique Cal Pardo, un dos grandes medievalistas de Galicia e deán da catedral mindoniense, acaba de sacar á luz unha parte fundamental da historia do país. O coengo e historiador, autor de obras monumentais como o seu Episcopoloxía Mindoniense, vén de publicar, nun volume impreso pola Deputación de Lugo, a documentación -na súa maior parte correspondente aos séculos XIV e XV- conservada no Tumbo Pechado da Catedral de Mondoñedo. Unha colección de documentos excepcional a todos os efectos, xa que permite comprender, a través de fontes ata agora inéditas, a realidade da Igrexa galega no solpor do Medievo.
Non é este que agora se edita, tras un labor de transcrición que durou longos anos, aquel Tumbo de la Dignidad Episcopal de Mondoñedo que frecuentemente mencionaron tanto Villaamil y Savedra como o Padre Flórez; o primeiro, nas súas Memorias Históricas de la Santa Iglesia de Mondoñedo , publicadas en 1763, e o segundo na súa España Sagrada , que viu a luz en 1789. Non, non o é… E o propio Cal Pardo así o advirte no texto introdutorio do volume recén saído, ao tempo que recorda que, por desgraza, aqueloutro tumbo segue nun paradoiro totalmente descoñecido. Este é un tumbo -termo co que tradicionalente se denominan os vellos libros de pergamiño nos que as grandes institucións, maiormente eclesiásticas, copiaban e custodiaban os seus privilexios- ben distinto: o da propia basílica. A denominación de Tumbo Pechado obedece ao feito de que o volume, que o cabido catedralicio gardou século tras século como o tesouro que era e que é, estaba dotado dun cerre do que aínda se conservan vestixios sobre as súas cubertas. A maior parte dos documentos que contén o libro están escritos en lingua galega, se ben hai nel tamén transcricións de textos latinos, e no caso dos documentos máis recentes se observa a crecente presenza do castelán na linguaxe administrativa.
Características técnicas:
O Tumbo Pechado da Catedral consta de 250 folios de pergamiño, de 34,5 centímetros de alto por 24,5 de ancho. Nalgunhas épocas foi coñecido tamén como o Libro de las Tablas Rojas , ben fose pola cor das súas capas ou pola rechamante luminosidade das súas letras capitulares, da mesma tonalidade vermella. Entre os documentos que contén hai desde desde textos relativos á Coroa ata escritos da mitra e constitucións sinodais. Pero a parte fundamental fai alusión a testamentos, doazóns e privilexios, que en último termo son os que, como impagables fontes para o coñecemento da intrahistoria, permiten achegarse máis en profundidade ao funcionamento da igrexa mindoniense cando a Idade Media tocaba ao seu fin. E permite o Tumbo Pechado, ademais, documentar con exactitude os nomes e dignidades dos compoñentes dos que integraron o cabido catedralicio en moi diferentes momentos, e saber, ademais, cómo trascorrían os días daqueles fidalgos da Igrexa arredor da catedral dunha das máis antigas dioceses europeas.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios