Amigus
As Pontes

Destrúen tres mámoas na necrópole megalítica do Grou dentro do Plan de Ecoeficiencia de Endesa

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes vén de denunciar ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, a destrución de tres mámoas emprazadas en terreos de Endesa no lugar do Grou dentro do Plan de Ecoeficiencia da eléctrica que inclúe a reforestación de máis de 700 hectáreas de terreo.
As mámoas afectadas están catalogadas no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia, e correspóndense con Monte Grou – M1 con clave de identificación GA15070034, Monte Grou – M2 con clave GA15070035 e Monte Grou – M3 con clave de identificación GA15070036.
Os terreos onde se ubican foron recentemente arados e roturados para o seu aproveitamento forestal dentro do Plan de Ecoeficiencia da eléctrica. Estes traballos de reforestación foron realizados por maquinaria agroforestal que practicou varios sucos de 50 cm. de profundidade que penetraron e atravesaron a área de tumulación dos tres elementos catalogados así como as súas áreas de protección. Segundo tivo coñecemento a Plataforma, os traballos de maquinaria efectuáronse sen que houbese ningún arqueólogo realizando labouras de control arqueolóxico.
M1_GROU_2.JPG


Dende a Plataforma solicitouse ante Patrimonio a inmediata paralización dos traballos de reforestación que se están a realizar sobre os elementos afectados e as súas áreas de protección, asi como a apertura de dilixencias a fin de aclarar os feitos e valorar a magnitude da destrución das mámoas e o seu entorno de protección. Así mesmo pediuse a restitución dos elementos afectados e o establecemento dunha área de protección arqueolóxica na que se prohiba a plantación ou roturación, de xeito que nas posteriores tarefas de aproveitamento forestal non se poña en risco a integridade dos elementos. Demandouse tamén a instalación de balizas na área de cautela arqueolóxica dos elementos que forman a necrópole megalítica do Grou, coas claves de identificación GA15070034, GA15070035, GA15070036, GA15070037, GA15070038, GA15070039, GA15070040, GA15070041 e GA15070042; así como en todos os elementos arqueolóxicos existentes nas propiedades desta empresa, susceptibles de seren plantados en sucesivas fases de reforestación.
Plan de Ecoeficiencia
A través do plan de Ecoeficiencia, Endesa está a realizar a reforestación de máis de 700 hectáreas para compensar as emisións de CO2 derivadas dos consumos enerxéticos da súa sede social en Madrid. A compensación de emisións da sede é unha das fases iniciais do Plan de Ecoeficiencia, que contempla como seguintes pasos compensar as emisións das sedes territoriais de ENDESA, o programa de “Huella Ecológica” (emisións dos empregados da compañía) e como fase final a compensación de emisións dos clientes. Nesta liña de actuación encádrase a reforestación prevista pola compañía de 10.000 hectáreas con 10 millóns de árbores en dez anos.
M1_GROU_1.JPG
M1_GROU_3.JPG
M2_GROU_1.JPG
M2_GROU_2.JPG
M2_GROU_3.JPG

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios