47º TROFEO CONCELLO DE MUGARDOS. SDC GALICIA DE MUGARDOS 2 – CD AS PONTES 3.
O As Pontes conquista o título na última xogada.
O As Pontes conquistou onte á tarde na Pedreira o Trofeo Concello de Mugardos tras vencer no último segundo ó equipo locatario. O encontro seguiu un guión moi parecido ó acontecido no Cadaval. Aos poucos minutos o encontro parecía totalmente encarrilado pero cara ó final complicouse moito.
E así, con dominio do xogo pontés neste primeiro período, tras un pase de Quique, centrou Pardo dende banda dereita e marcou a pracer Dani chegando dende atrás (15´). Pouco despois chegaba o 0-2, logo dunha caída de Fidi dentro da área que o colexiado sinalou como penalti, que marcou Bossa (20´).
A piques estivo de recurtar distancias Chis tras cabecear ó longueiro un saque de córner (22¨). Si atinou Moi, que se aproveitou dun balón que non despexou Alex, para encarar a portería e batir a Paco por baixo (38´).
No segundo tempo tivo as mellores ocasións o cadro hoxe verdinegro, e un bo disparo de Erni foi rexeitado in extremis, o balón vai a Dani que encara a portería pero botouselle o gardamallas enriba (56´).
Entre Martín e Rego suben a cabecear un córner e o balón vai a rentes do pau (68´). Tras un centro de Peque dende banda esquerda, remata de volea o debutante Carlos López por riba do longueiro (73´).
Máis foi prácticamente na única aproximación á area do equipo local en todo o segundo período que caeu Moi, sinalando penalti o colexiado, que el mesmo se encargou de transformar estando a piques de atallar Pelayo (81´).
Foi na última xogada do encontro, tras un córner botado por Bossa, que ata tres xogadores ponteses tentaron rematar, sendo Carlos o que meteu a perna en última instancia, entrando o balón polo segundo pau, marcando o gol da vitoria o debutante ante ó seu ex equipo (94´).
Xogaron Paco (Pelayo 45´), Criado (Ramos 45´), Alex (Peque 63´), Rego (Josiño 71´), Sánchez (Martín 45´), Dani, Adrián (Sergio 75´), Bossa, Quique (Erni 45´), Fidi (Guille 71´), Pardo (Carlos 63´).
Gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Dona Cándida Leiras, nai do colexiado Evaristo Puentes Leira. Antes do comezou do encontro homenaxeouse aos socios cincuentenarios do Mugardos.
Nova cortesía de Xose Ferreiro