50º ANIVERSARIO DO CLUB DEPORTIVO AS PONTES
O Club Deportivo As Pontes pode iniciar este domingo os actos conmemorativos do cincuentenario do seu ingreso na federación de fútbol co ascenso matemático á Terceira División despois de nove temporadas consecutivas na preferente autonómica.
A falta de catro xornadas para o final de liga o As Pontes e Mesón do Bento, primeiro e segundo clasificados empatados a 76 puntos, están con dez e once puntos sobre Dorneda e Betanzos, co que un triunfo seu ou o resultado que acaden terceiro e cuarto daralles matematicamente a ponteses e ordenses o ascenso á categoría nacional. Logo os dous terán que loitar no Poboado polo título de liga na penúltima xornada de liga.
O As Pontes como club federado naceu oficialmente co nome de Calvo Sotelo o 28 de setembro de 1960, despois pasou a ser Endesa en 1973 e en 1982 Endesa As Pontes para recuperar o seu nome inicial de As Pontes en 2002, aínda que o club xa levaba existindo dende 1933, polo que o fútbol pontés atópase entre os máis antigos do fútbol galego e incluso español, con máis de setenta e cinco anos de historia.
Nestes cincuenta anos de competición oficial, militou nove temporadas na Segunda División B nunha delas chegou a disputar a promoción de ascenso á Segunda A-, doce en Terceira División, 22 na Preferente Autonómica (antes Serie A Rexional e Rexional Preferente), tres na Primeira Rexional e catro en Segunda Rexional.
Ten no seu haber dous títulos de liga de Terceira División, dous de Rexional Preferente, varios subcampionatos de liga, a Copa de Galicia de 1968, o Trofeo Concepción Arenal de 1992, a Copa Deputación da Coruña de 1996 e numerosos trofeos (Vila de As Pontes, Cidade de Viveiro, Concello de Betanzos,
).
Dende hai uns meses o Club está a preparar unha serie de actos con motivo dos seus cincuenta anos de competición oficial. Unha comisión encárgase da programación dos diversos actos, entre os que están a celebración de diversos torneos dos equipos das categorías inferiores a celebrar os días 5 e 6 de xuño, con participación de clubs de Ferrol, A Coruña e outras localidades galegas. En setembro está previsto un torneo de veteranos. En data aínda sen determinar, haberá un partido conmemorativo do 50º aniversario, así como o xa tradicional trofeo Vila das Pontes, que se celebrará durante as festas patronais do mes de xullo.
Outro dos actos importantes será o xantar de confraternidade a celebrar o vindeiro 12 de xuño, no que se vai render homenaxe coa entrega da insignia de ouro do Club- a tódolos presidentes que tivo o club pontés dende 1960, e no que participarán os integrantes dos planteis de tódolos equipos desta histórica entidade pontesa, directivos, socios, antigos xogadores e directivos, afeccionados e simpatizantes.
Tamén xa están a venda uns chaveiros conmemorativos, así como unhas botellas de viño co logotipo do cincuentenario. Aqueles afeccionados, simpatizantes e curiosos da historia xa poden ver estes días unha exposición fotográfica da historia do Club que está instalada no bar do campo do Poboado e que posteriormente trasladarase máis ampliada a unha sala de exposicións da vila.
Os actos conmemorativos rematarán coa publicación dun libro no que se reflicte a historia do Club As Pontes dende 1933 ata hoxe facendo especial fincapé na súa etapa oficial, con inclusión de fotografías, estatística e datos de especial importancia que algúns lembrarán con nostalxia e que para outros son totalmente descoñecidos.
Non cabe dúbida que este domingo pode ser o inicio dunha bonita etapa do Club Deportivo As Pontes. É de esperar que o campo do Poboado rexistre unha boa entrada de afeccionados para celebrar a festa do ascenso este domingo e quince días despois a do título de liga.

























Nova cortesía de A.F.