Amigus
As Pontes

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 4 – CF AGRUPACIÓN ESTUDIANTIL 0

Goleada do As Pontes que suma o seu segundo triunfo da tempada

Goleada do As Pontes ante o último clasificado, Estudiantil, nun partido que mereceu gañar ben, pero polo menos os visitantes deberon levar algún tanto no zurrón. 

Os azuis adiantábanse por medio de Mitogo, que marcou un golazo pola escadra desde o borde da área tras pase de Pardo (12´), e a continuación era o capitán Dani quen cabeceaba á rede un córner botado por Óscar e peiteado polo propio Mitogo (23´). 


Entremedias, o propio Pardo puido anotar cun tiro cruzado, pero desviou Santiago a córner (16´). De aí ao descanso os da Estrada embotellaron ao cadro local e non recurtaron distancias de milagre a pesar de dispoñer de tres ocasións claras. 

Tras un remate, rexeita Paco como pode e en boca de gol dispara por encima do traveseiro Elías (26´). Nun centro de banda, cabecea Vilas, e estira o xusto a manopla Paco para desviar o balón ao traveseiro (39´). Antes de marchar aos vestiarios estivo providencial Manu Moya, que lle sacou un balón inmellorable ao experimentado Jacobo Millán cando este encaraba a portería (42´). 

O segundo período comezou polos mesmos derroteiros, con aproximacións visitantes, ata que nunha contra, tras un gran pase cara atrás desde liña de fondo de Artai, marca o tanque de Ortigueira cun forte disparo axustado ao primeiro pau, que pilla a contrapé ao gardameta visitante (50´). 

A raíz do tanto, os visitantes viñeronse abaixo e redondeou co 4-0 Artai Miraz, que rematou chegando só ao segundo pau nun xogadón do xove Iñaki Leonardo por banda esquerda que lle serviu o balón a pracer (70´). 

De aí ao final do partido, resaltar un tiro cruzado de Iñaki (85´) e un paradón de Paco nun forte disparo de Oli (91´). 

Quinto encontro oficial entre ambos os equipos e quinto triunfo pontés, 1-0 e 0-3 na 2017-18, e 0-5 e 10-2 na gloriosa campaña do ascenso, 2018-19. Os de Luís Santiago visitan ao complicado Fisterra a próxima xornada. 

CD AS PONTES. Paco, Berto (Artai 46´), Alex, Dani, Mitogo (Breijo 71´), Gonzalo, Óscar (Iñaki 52´), Pardo (Del Río 52´), Pita, Moya, Adrián. 

AGRUPACIÓN ESTUDIANTIL. Santiago, Neira, Vázquez, Manu, Moreira (Cid 57´), Elías (Tressoldi 46´), Roca, Akisko (Tino 25´), Jacobo (Freiria 72´), Oli, Vilas.

Goles: 1-0, Mitogo (12´), 2-0, Dani (23´). 3-0, Pardo (50´), 4-0, Artai (70´).

Árbitro: Daniel Estraviz Pardo. Auxiliado por López Fernández e García Mosquera. Amarelas a Óscar, Pita, Adrián, Jacobo, Oli.

Incidencias: Campo de O Poboado. Partido a porta pechada. Minuto de silencio por Diego Armando Maradona.  

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios