Amigus
As Pontes

Entrevista a Susana Castro Pena, por Xóse Ferreiro

Leva moitos anos destacando no mundo do Atletismo, conseguindo numerosos títulos e medallas, a nivel galego, español, incluso internacional. Hoxe en Amigus temos o luxo de entrevistar a unha grandísima deportista que naceu no noso pobo aló polo ano 1985, Susana Castro Pena.
susana_1.jpg


Hola Susana, hai pouco foi o Mundial de Atletismo en Berlín. ¿Que che pareceu? ¿Destacarías a alguén, Bolt, Bekele, Vlasic, Semenya, Marta … ? ¿Como valoras a actuación da delegación española?
Hola! Pois a verdade é que o mundial encantoume, supoño que moitas cousas se poderían mellorar, pero cando algo che gusta moito parece que non lle ves case nada malo. Destacaría sen dúbida a Bolt, porque ademáis de ter unhas cualidades físicas obvias é un fenómeno que está axudando moito ó atletismo, xa que todo o mundo o coñece, e se non fose por él estes mundiais pasarían desapercibidos para a maioría da xente que non segue este deporte. No plano atlético é impresionante, non tiven o pracer de velo en directo nunca pero simplemente vendo a superioridade contra os seus rivais e esa maneira de correr, impresionante, naceu sen dúbida para correr ben e rápido! Por outro lado tamén me gustaría destacar a Marta Domínguez, é increíble a capacidade que ten de propoñerse algo e conseguilo, de feito foi nomeada fai nada mellor atleta europea do ano, e que esta muller xa foi subcampiona do mundo de 5000, campiona de Europa de Cross, Campiona do Mundo de 3000 obstáculos e vaia marcas que ten dende os 1500 ata a media maratón, creo que ela amosa perfectamente o que é a capacidade de sacrificio e de que loitando por algo con entusiasmo e con convicción pode lograrse, é un exemplo a seguir por todos, sen dúbida, e ademáis é simpática e mediática, oxalá tiveramos máis Martas e Bolts!
E como apunte persoal tamén me gustaría destacar a capacidade de sufrimento e valentía que presentou o santiagués Pedro Nimo no maratón, xa que a pesar de correr lesionado e infiltrado rematou máis de 42kms sufrindo como nunca vin sufrir a ninguén vestindo a camiseta da nosa selección, algo que o honra moito, xa que por mor desta actuación aínda segue arrastrando unha lesión da que espero que se recupere o antes posible e poida de novo volver a poñerse as zapatillas, e seguir demostrándonos a todos tantas cousas e valores.
No correspondente á actuación española eu penso que foi moi digna, obviamente houbo xente que rindeu por debaixo do esperado, pero tamén xente que rindeu máis do que se contaba, polo que considero que foi unha actuación boa. Foi unha auténtica mágoa o que lle pasou a Natalia, xa que considero que nese momento era a mellor do mundo, pero tivo moi mala sorte por como transcurriu a carreira. Do resto eu creo que se cumpriu bastante ben, xa que estamos falando dun Campionato do Mundo, no que tódolos participantes teñen moitísimo nivel e todos buscan o mesmo posto.
susana_2.jpg
Efectivamente moi mala sorte o de Natalia … ¿Cómo te iniciaches no mundo do atletismo? ¿Cales foron os teus primeiros pasos?
Pois inicieime cando tiña aproximadamente 11 anos. Eu sempre fun moi inqueda e de sempre me gustou moito practicar deporte, de feito nese momento eu xogaba xa ó baloncesto, pero parecía que non me chegaba, que quería algo máis, e casualmente ese ano ofertárono como actividade extraescolar, e os meus pais animáronme moito a probar, de feito meu pai nos seus anos mozos tamén practicaba atletismo e sempre se seguiu bastante na casa. Entón comecei a adestrar dous días á semana, a base de xogos, como penso que son case tódolos deportes a esas idades. E ás ordes de Francho funme enganchando pouco a pouco, sobre todo cando comecei a competir e coñecer xente nova e ir descubrindo un pouco máis todo o que me podía aportar este deporte.
Campiona de Galicia, de España, haberá moita xente que non coñecerá a enorme cantidade de títulos e medallas que levas conseguido na túa carreira deportiva, resumenos un pouco o teu palmarés.
Pois sinceramente non sei cantos títulos de campiona galega teño, penso que absoluta terei uns 20 ou así contando pista cuberta e aire libre e os campionatos galegos por equipos. Pratas ou bronces non teño nin idea, e de categorías inferiores pois tampouco sei, tería que poñerme a contar as medallas. Penso que dende categoría infantil sempre fun quedando campiona ou subcampiona galega, se non era nunha proba era noutra. De cadete recordo que quedara en pista cuberta campiona galega de salto de altura, salto de lonxitude e 600, e uns días despois campiona galega de probas combinadas, algo bastante atípico, pero é que sempre fun moi “argalleira” para esas cousas.
Algo máis maiorciña, en categoría junior, obtiven a miña primeira medalla nun campionato de España, aínda ás ordes de Francho quedei 3ª no campionato de España junior en 400 vallas, sendo ese ano tamén campiona galega absoluta en 800, 400 vallas e 4×400 no mesmo día, repetindo tamén ó ano seguinte.
No 2004 (ano que recordo especialmente por consideralo ó mellor da miña carreira deportiva), funme para Santiago a cursar os meus estudios universitarios e púxenme a adestrar ás ordes de Mariano García Verdugo, xa que ó pasar tanto tempo alí en Santiago era moito máis cómodo para min xa que as instalacións, o grupo de adestramento e o conxunto en xeral era moito máis favorecedor que adestrar en As Pontes. E xa en pista cuberta gañei o meu primeiro Campionato España en Zaragoza na proba de 800, algo que repetiría ó aire libre, e que me permitiría participar coa selección española nun encontro internacional en Arxelia, onde logrei a medalla de bronce tanto no 800 como no 4×400.
No 2005, logrei varios metais a nivel autonómico, pero a nivel estatal tiven que conformarme coa medalla de bronce no Campionato de España Universitario celebrado en Málaga.
O ano 2006 foi un ano podería dicirse de transición, non deixei de adestrar, pero o número de sesións e a intensidade deixaba moito que desexar, adiqueime a rematar a miña carreira de enfermería, que nese ano e no anterior, soamente en clases e prácticas no hospital roubabanme unhas 9-10 horas diarias.
O 2007 comeceino con moitas gañas e ilusión, a pesar de ter moi mala base do ano anterior adestrei bastante para volver a estar no máis alto do podio e con gañas de realizar a marca mínima para estar no Campionato. de Europa sub-23, algo asequible se facía todo ben. En pista cuberta, sorprendentemente quedei Campiona de España, sorprendeume porque aínda levaba poucos meses adestrando e non foi algo que estivese preparado, xa que o obxectivo era o aire libre, pero benvido foi!! A partir de ahí con moita máis ilusión e gañas, quizáis demasiadas, xa que estando moi ben, con todo segundo o previsto para a principios de xuño facer a mínima do Europeo, a mediados de maio tras padecer unha lixeira gastroenterite o meu corpo dixo basta, e todo comezou a ir mal e a costarme moito traballo seguir o ritmo dos adestramentos. A conclusión foi que sufrín de “sobreentrenamento”, xa que tras un ano que case non fixen nada pasei ó ano seguinte a meter 10 sesións á semana, e quizáis puideronme ás gañas, pero bueno, polo menos intentouse!
O 2008 e 2009 xa foron anos distintos, seguín acumulando algún título a nivel autonómico, e participei en Campionatos de España individuais e formando parte da selección galega, e co meu clube, o Ría de Ferrol co que levamos anos participando na máxima división española do atletismo feminino, pero os meus adestramentos xa mermaron en cantidade e calidade, xa que entre o traballo e os estudos que sigo facendo, o corpo non da para facer todo ó 100%, asi que finalmente considero que me quedei coa esencia deste deporte e agora que podo volvo a disfrutar participando en probas que cando estaba centrada no 800 non podía practicar, como o heptatlón, que dende facía uns 7 anos non practicaba e este ano fun o campionato galego e tras gañar os 400 vallas proclameime campiona galega absoluta tamén de heptatlón, a verdade, tremendamente divertido, jeje.
susana_3.jpg
Durante a túa traxectoria deportiva competiches no Olimpo de As Pontes e no Ria de Ferrol-Concepción Arenal. ¿Cómo valoras a túa estancia nestes equipos? ¿Algunha atleta moi destacada coa que compartirás adestramentos?
Creo que poido presumir dos dous equipos polos que pasei ata o de agora, no Olimpo comecei e o motivo de “emigrar” para o Ría Ferrol-Concepción Arenal foi que os medios cos que contaba cando comecei a ir ós Campionatos de España eran escasos e non podían pagarme tódolos gastos de desprazamento e aloxamento e que ademáis non podía disfrutar das competicións de equipo xa que apenas había rapazas, e entón cando era cadete de segundo ano funme para o Ría a pesar de seguir adestrando ás ordes de Francho. E dende aquela alí sigo, sendo xa unha das veteranas do equipo e penso que por moitos anos. Grandes atletas no meu equipo, Rocío Rodríguez ou Begoña Garrido, con elas fixen competicións, viaxes, pero realmente adestramentos compartinos máis ben nas concentracións coa selección española de mediofondo con xente como Esther Desviat, Álvaro Rodriguez, Antonio Reina, Élian Périz, Isabel Macías, Luis Alberto Marco, Marta Romo, que era xente coa que dúas veces ó ano compartía adestramentos e convivencia nas concentracións da selección.
Cruzas a meta e quedas campiona … ¿Que sintes en ese momento?
Buf, é complicado explicalo, cada vez que un queda campión de algo as sensacións que se senten son distintas, das tres veces que gañei Campionatos de España foi distinto, a primeira vez sentín incredulidade, alegría, euforia, gañas de seguir indo a máis, e un largo etcétera, ese mesmo ano en aire libre ó gañar sentín satisfacción polo traballo ben feito, alegreime moito, pero era a favorita, chegaba ben de forma e realmente era ó que aspiraba, se non o conseguía podería dicirse que levaría unha decepción. Mentres que na última vez que gañei o Campionato de España foi quizáis a mellor sensación, viña de pasar momento malos, xa sabía o que era vencer, pero nese momento notábao como moi lonxe, soamente quería facer unha boa carreira, e o ser capaz de impoñerme ás miñas rivais foi unha sensación de demostrarme a min mesma que se quería podía, e que o acaba de lograr, soamente foi propoñermo con gañas e loitar, e valorei enormemente como as dores de pernas, os adestramentos baixo a choiva, tódolas cousas que tiven que deixar de facer e tódolos sacrificios valían a pena, e realmente acabas con gañas de máis, de querer adestrar máis e de querer ter esas sensacións nunha competición cada vez maior.
E como con esto tamén nos distintos campionatos ou probas as sensacións son distintas depende do momento persoal, do que signifique cada proba, do estado físico, dos rivais a vencer.
Conseguiches moitos títulos, pero, ¿unha victoria que nunca esquecerás?
O Campionato de España que gañei no 2007, os anteriores campionatos non os valoraba tanto, non sabía moi ben o que supoñían, nese momento xa valoraba máis o meu esforzo, os meus sacrificios e o que me aportaba unha victoria. E foi realmente un gran empurrón para sobrepoñerme ós momentos malos.
Tes moito talento e calidade, pero ¿cales consideras que son as túas maiores virtudes como atleta?
Quizáis non sexa eu a máis indicada para contestar a esta pregunta, ¡de feito o que se me ven á cabeza son defectos e non virtudes! Pero bueno, considero que corro tácticamente bastante ben, que sei ler ás carreiras e non me deixo levar, teño bastante sangue fría nalgunhas carreiras tácticas, polo menos nas carreiras que corro habitualmente, que máis ou menos sabemos de que pé coxeamos cada unha.
Pola túa versatilidade participas en moitas probas, 800, 400, 400 vallas, lonxitude, heptatlón … pero ¿Cal é a túa proba favorita?, a que crees que se adapta mellor ás túas cualidades
A miña proba favorita e moi dificil de dicir, co 800 teño unha relación amor-odio bastante peculiar, é a que máis alegrías me deu, pero tamén se non estou preparándoa ben é unha proba na que física e psicolóxicamente se sufre moito se non estás ó 100%. O resto realmente nunca o adestrei, participei nesas probas pero co adestramento específico de 800 polo que non as podo evaluar igual. Divirtome moito co heptatlón, pero sobre todo é porque sempre que practico esta proba é para disfrutar, non adestro os talonamentos dos saltos, nin a técnica, polo que non me frustro se non me sae ben, e por iso a disfruto moito. O 400 vallas é moi divertida tamén, aínda que hai que ter unha base bastante sólida senon parece que os valados do primeiro ó ultimo van sendo cada vez máis altos.
E no referente á que se adapta mellor ás miñas cualidades, sempre me quedou a curiosidade de se adestrase as combinadas, porque realmente nunca fixen traballo de pesas, forza, explosividade e técnica como para facer unhas probas combinadas, polo que non sei, quizáis polo que coñezo de min agora mesmo e tivese que decantarme por algo iría hacia o 400 vallas e máis ben hacia o 800 e supoño que nuns anos e cun bo adestramento acabaría decantándome polo 1500.
¿Unha rival á que sempre che custou moito gañar?, ou ¿á que nunca conseguiches vencer?
Tamén é dificil de contestar, xa que polo menos en Galicia hai moita diferencia entre todas nós, polo xeral Rocío Rodriguez e Ana Dominguez estaban un ou dous pasos por diante miña, e eu por diante das outras no 800. Pero quizáis me quede con Ana Domínguez, que ademáis de que foi rival, é amiga e compañeira de adestramentos, e sempre a tiña diante nos entrenos de calidade e nunca a conseguín vencer, soamente nun Campeonato Galego de Pista Cuberta, pero no que a súa preparación non fora boa, polo que para min non conta, sempre me quedará esa “cousa” por facer. Agora a animala a adestrar de novo para poñernos ás dúas a punto e intentalo!
Dime algún/algunha atleta ó que admires
Non son moito de admirar a ninguén en concreto, polo xeral gústame fixarme no bo de cada atleta, simplemente dalgúns podo quitar 10 cousas e doutros soamente 1 ou 2, pero bueno, se agora me teño que quedar con alguén, quizáis me quedaría con Marta Domínguez, que logrou emocionarme en bastantes campionatos.
– Viaxaches por moitos sitios, dime algún lugar que che chamara moito a atención
Quizáis polo diferente do que estamos acostumados quedaríame con Arxelia, recordo que tiñamos que ir sempre cun policía se queríamos saír do hotel, era moi raro atoparse con mozas pola rúa, e a cultura é moi distinta á europea e a española, a verdade é que incluso nalgúns momentos pasei medo.
Non todo vai a ser atletismo, ¿Como é Susana como persoa?
Esta pregunta case a respondía mellor miña nai ou os meus amigos, pero bueno, farei o que se poida. Creo que son bastante sinxela, que me contento e valoro as pequenas cousas do día a día, e que polo xeral vexo o lado bo das cousas e da xente. Valoro moito o apoio da miña familia e penso que son unha persoa bastante alegre e gústame transmitir ledicia á xente que está ó meu carón, e tamén teño que recoñecer que son bastante despistada, pero bueno, como sempre digo é herencia paterna.
¿Como é un día na túa vida?
Pois todo depende da época do ano, de se traballo ou non, pero por exemplo, como imaxino que será un día da semana que ven. Levántome a iso das 8:30-9:00, almorzo algo non moi contundente e vou pra a biblioteca (teño en novembro unhas oposicións do Sergas), ás 11:30 fago un descanso e aproveito para tomar un café ou picotear algo e volvo para a biblioteca ata as 13:30, salgo e vou facer algo de compra, fago a comida e reposo un pouco no sofá, aproveito para facer algo que teña pendente pola casa e logo vou a clase (deixei unha asignatura dun posgrado que me queda por facer) e ó saír da facultade vou ata o estadio a adestrar un pouco, relacionarme cos compañeir@s e botar unhas risas, ás 20:30-21:00 chego a casa e prepárome calquera cousa para cear e polo xeral outra vez ó sofá ou mirar algo que teña pendente no ordenador ou o que xurda, a iso das 00:00 vou durmir e ó día seguinte se toca rutina pois outra vez o mesmo, boa cousa é que outras veces os días cambian e fago algo máis ameno.
– ¿Cales son os teus hobbys?, ¿a que che gusta adicar o teu escaso tempo libre?
Gústame moito viaxar, aínda que teño que recoñecerr que non o fago tanto como me gustaría, pero bueno, polo xeral xunto varios hobbys para matar varios páxaros dun tiro, por exemplo os viaxes que fixen este ano foron a Túrín (Italia) cuns amigos que tamén son atletas para ver o Campionato. de Europa de Atletismo, en marzo xunteime cuns primos e fomos xuntos a Warner a Madrid, e este Agosto fun ata Berlín a ver parte do maratón do Mundial de Atletismo. Gústame moito tamén facer actividades ó aire libre, en verán ir á praia ou ó campo, pasear, ir tomar unhas cañas cos amigos, e a verdade, calquera plan mínimamente interesante, apúntome!
Tamén me gusta moito alternar todo isto con momento tranquilos en familia no sofá ou en comidas familiares.
Pois moitas gracias Susana, realmente para min foi un auténtico placer.
Gracias a ti, un placer pra min poder mostrarvos un anaquiño da miña vida. Saúdos.

También podría gustarte
Comentarios