CLUB DEPORTIVO AS PONTES RESULTADOS DA FIN DE SEMANA
CD AS PONTES PREFERENTE: Nun disputado partido o As Pontes acadou nos derradeiros minutos tres valiosísimos puntos ó gañar ó Val por 4-3, conxunto que a falta de 30 minutos gañaba por un claro 1-3. Pero, os ponteses remontaron con goles de Álex Díaz (60) e Bossa, en senllos penaltis nos minutos 84 e 90 de partido. Jorge Parada foi o autor do primeiro gol do As Pontes e polo Val marcaron Emmanuel, en dúas ocasións, e Grueiro. Con este resultado o As Pontes segue na cuarta posición a dez puntos do Dorneda, que nesta xornada goleou ó Betanzos, que é segundo con 50 puntos, mentres que o Mesón do Bento, que gañou ó Viveiro é terceiro e suma 48 puntos. O As Pontes ten un partido menos, o que disputará o mércores 10 diante do Sporting Sada.
CD AS PONTES FEMININO: Complicada vitoria do As Pontes feminino diante do pechacancelas, Tordoia. O equipo de Javier Salido non resolveu o partido ata mediada a segunda parte coa entrada de Patri Dopico, autora dos dous goles, o primeiro de penalti e o segundo a saque dunha falta. No As Pontes había importantes baixas, pero as teóricas suplentes, con menos experiencia en competición oficial, souberon solventar o partido e acadaron tres merecidos puntos. Dentro da boa actuación de todo o equipo, salientar a Lara, que estivo inconmesurable, Alba, Yaiza, Nato e a Patri Dopico.
CD AS PONTES XUVENIL: O As Pontes xuvenil da liga nacional resolveu ben o partido diante dun rival directo polo descenso, Xuventú de Aguiño, ó que gañou por 0-2. Canizares, de falta directa, marcaría na primeira metade e no segundo tempo Borja estableceu o definitivo 0-2. Logo deste resultado o As Pontes sitúase na 12ª posición con 21 puntos e un partido menos. A continuación seguen Areosa (20 puntos), Calasanz (18), Arousa (17), Xuventú Aguiño (16), Montañeros (13) e Choco (9). O xuvenil B descansou nesta xornada.
CD AS PONTES CADETE: Vitoria dos cadetes en Perlío (2-4), que continúan na quinta posición con 35 puntos, grupo do que é líder o Cedeira con 52 puntos. Na próxima xornada o As Pontes xoga novamente fóra, na campo da Pedreira de Mugardos.
CD AS PONTES INFANTIL: O conxunto infantil proclamouse campión de liga despois de gañar en Ares ó Numancia por 1-6. Os de Rebolo gañaron os dezaoito partidos disputados, marcando 116 goles e encaixando tan só 13. Disputará a segunda fase xunto a Cariño e Eume Deportivo e os tres primeiros do grupo 4º, postos para os que loitan, a falta de dúas xornadas para o final, o Racing de Ferrol (47 puntos), Meirás (45), O Val (44) e Narón BP (42).
CD AS PONTES ALEVÍN: Vitoria e derrota na categoría alevín. O As Pontes B gañou no Poboado ó Cedeira (5-4), con goles de Josiño (2), Adrián (2) e Andrés. O As Pontes A perdeu en Ortigueira (5-1) e continúa na novena posición con trece puntos mentres que o B é sétimo do seu grupo con 21 puntos.
CD AS PONTES BENXAMÍN: En benxamíns tamén se rexistrou unha vitoria e unha derrota. O As Pontes A goleou na casa ó Barallobre (6-2) e ocupa a quinta praza con 32 puntos, a oito do primeiro clasificado, Portuarios B. Pola súa banda, o As Pontes B, que perdeu en Ortigueira (4-1), é décimo cuarto con doce puntos.
CD AS PONTES PREBENXAMÍN: Derrota dos dous equipos de categoría prebenxamín. O As Pontes A púxolle as cousas moi difíciles ó primeiro do grupo, Ánimas, equipo que gañou por un axustado 1-2 (gol de Xoel Pena). O As Pontes B perdeu en Caranza perante o Galicia (6-1). O conxunto A é quinto do seu grupo con 18 puntos e o cadro B está na décima posición con tres puntos.
RESUME RESULTADOS
PREFERENTE: CD AS PONTES SD O VAL (4-3)
XUVENIL NACIONAL: XUVENTÚ AGUIÑO CD AS PONTES (0-2)
XUVENIL COMARCAL: Descansou
FEMININO: CD AS PONTES SD TORDOIA (2-0)
CADETE: CCRD PERLÍO CD AS PONTES (2-4)
INFANTIL: NUMANCIA ARES CD AS PONTES (1-6)
ALEVIN A: FC ORTIGUEIRA CD AS PONTES (5-1)
ALEVIN B: CD AS PONTES B SD CEDEIRA (5-4)
BENXAMIN A: CD AS PONTES A SD BARALLOBRE (6-2)
BENXAMIN B: FC ORTIGUEIRA CD AS PONTES B (4-1)
PREBENXAMIN A: CD AS PONTES A ÁNIMAS SD (1-2)
PREBENXAMIN B: GALICIA CARANZA CD AS PONTES B (6-1)
LIGA DE VETERANOS
Logo de catorce xornadas disputadas, o Farmavida continúa na primeira posición da competición cos mesmos puntos que o Santaballés, que é segundo, pero con dous partidos menos.
Os resultados desta xornada foron os seguintes: Xuntanza-As Pontes 74 (1-3), Santaballés-Frutas Luis (1-2), A Cepa-MMYPEN (4-3) e Construccións Grueiro-La Galixia FS (2-0). Non se disputou o partido entre Los Bidones e Mobles Eume. Correspondeulle descansar ó Farmavida.
A clasificación está encabezada por Farmavida, con 25 puntos, os mesmos que ten Santaballés, terceiro é Construccións Guerreiro (23 puntos), seguen As Pontes 74 (21), Frutas Luis (19), A Cepa (19), Xuntanza (14), Mobles Eume (13), La Galaxia (6), Los Bidones (5) e ocupa a derradeira posición MMYPEN con tres puntos.
Continúa liderando a táboa de goleadores Fernández (A Cepa), con 16 tantos. Toni (M.Eume) leva marcado once, nove Vila (As Pontes 74) e Iván (Santaballés). Con oito están Míchel (C.Guerreiro), Mariño (Farmavida) e Michel (F.Luis). Con sete goles figuran Salido (Farmavida), Julio e Javier (C.Guerreiro) e Ángel (A Cepa).
Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.