Amigus
As Pontes

A Axencia Tributaria traballa con Linux

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

A Facenda estatal foi o último órgano da Administración que se sumou á corrente do software libre Con el pretende axilizar as súas xestións diarias cos contribuíntes Ata agora dispuña dunha intranet dende a que non se podía acceder á rede por seguridade.


A Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) foi o último órgano público español en sumarse á corrente do software libre, ó incluír o sistema operativo Linux na súa plataforma informática co fin de axilizar as súas xestións diarias e de manexo da información.
O anuncio foi realizado en Berlín polo vicepresidente de IBM para o Sector Público en Europa, Peiro Corsini, con ocasión dun encontro informativo sobre o papel do software de código libre e os estándares abertos na Administración Pública do Vello Continente.
Ata agora, a Axencia Tributaria dispuña dunha intranet desde a que, por motivos de seguridade, non se podía acceder a Internet a través do seu sistema interno. Isto supuña un “serio inconveniente” nos seus procesos diarios xa que non dispuña, segundo fontes de IBM, dun acceso “sinxelo e fiable” ó sitio web do BOE.
Deste modo, o organismo dirixido por Salvador Ruiz Gallud —referente internacional na incorporación das institucións públicas ás Novas Tecnoloxías—, decidiuse a incorporar un servidor de IBM da gama zSeries sobre Linux, que replica a web na intranet dos usuarios.
Así, Corsini explicou que os clientes poden manter uns estándares de seguridade elevados debido a que o web está dispoñible no sistema interno da AEAT e non ten que accederse a el a través de Internet. Isto tradúcese nun “aumento de productividade, aforro de tempo e reducción de custos”, engadiu. Así mesmo, representantes de diferentes administracións de Hungría, Alemaña, Reino Unido, Holanda e Austria reuníronse na capital alemana, convocados polas asociacións Open Forum Europe (promotor de software libre) e Eurim (lobby de Tecnoloxías da Información), para debater coa industria sobre as vantaxes do ‘software’ libre no sector público e dar a coñecer algúns exemplos.
Ademais, a multinacional IBM anunciou novos acordos con órganos oficiais de toda Europa para a incorporación de programas de código aberto ós seus sistemas, sobre todo, a través de Linux, entre os que figuran o ministerio francés de Educación e Kela, un dos maiores provedores de pensións de Finlandia.
“É máis importante que reducir custos —comentou Corsini—, posto que o uso de software como Linux lles permite ás axencias gobernamentais facer cousas máis sofisticadas co e-business, e o seu uso ofrece ás economías locais un maior rango de oportunidades comerciais, como soporte de servicios e construcción de novas aplicacións.
O responsable de IBM sinalou que Alemaña ocupa na actualidade a primeira posición na incorporación de Linux ós seus sistemas informáticos, por diante dos países nórdicos e Holanda, “que tamén van rápido”.
En liñas xerais avogou por que a Administración Pública aposte polos “estándares abertos e a interoperabilidade” e lembrou que IBM inviste unha quinta parte dos seus recursos de investigación neste campo. “Xa non hai volta atrás”, augurou, ó tempo que asegurou que no futuro cada vez serán “menos importantes” os programa propietarios.
Piden maior apoio por parte da Comisión Europea
Pola súa parte, o director de Programa de Open Forum Europe, Graham Taylor, explicou os beneficios da implantación do software libre en diferentes ámbitos do sector público do Reino Unido e pediu un maior apoio por parte da Comisión Europea para o desenvolvemento destas políticas.
Ó seu ver, necesítase unha
“maior cooperación no eido gobernamental” dentro da UE para estender as vantaxes dos programas de código aberto, “para compartir e que sexan todos partícipes”, posto que “as grandes compañías informáticas xa se incorporaron ó negocio ó ver as súas posibilidades”.
Fonte: galicia-hoxe.com

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios