Amigus
As Pontes

Falamos con Gema Buitrón, por Xose Ferreiro

A arqueira pontesa Gema Buitrón Cortiñas conseguiu esta fin de semana en Rovereto (Italia), xunto ás súas compañeiras Magali Foulón e Helena Fernández, a primeira medalla por equipos da selección española nas dezanove edicións dos Campionatos de Europa de Tiro con Arco, despois de caer ante Rusia na final. Apenas acaba de aterrizar en Madrid pero atendeunos coa amabilidade e a alegría que a caracteriza e asi nos resume Gema a súa actuación en Italia.
gema_buitron_1.jpg


Hola Gema, felicidades, falanos un pouco do Campionato, a túa participación, as sensacions que tiveches …
Hola! Pois a ver, foi un campionato un tanto especial, houbo de todo, sensacións boas, algunha que outra mala olvidada rapidamente por outra boísima, loitas co vento, tiradas tranquilas, emoción … A verdade é que como ves foi un campionato completiño completiño no que me sentín moi a gusto, quizais me quedou un pouco de mal sabor de boca por perder o meu desempate, pero o balance final é moi bo xa non só pola medalla de equipo, senón porque puiden disfrutar moitísimo.
Conseguichedes a plata por diante de equipos impresionantes como Francia, Italia, Polonia, Alemania, Ucrania … ¿A que sabe esta medalla, subir ó podio, despois de tanto sacrificio e dos duros adestramentos co teu adestrador coreano (jeje), o gran Hyong Mok Cho?
(Risas) Pois non vou mentir, sabe a GLORIA! Sempre che queda a cousa de dicir “podería haber sido no primeiro caixón”, pero a verdade que mirando todo o que loitamos e tódolos equipos que deixamos atrás ese lugar é perfecto. Para nós foi moi importante porque a parte de que é a primeira medalla do equipo feminino español nun Europeo, foi como a confirmación que levabamos tanto tempo esperando que en realidade temos ese nivel, o resto das veces sí sabiamos que podiamos estar ahi, pero é certo que non é ata que tes os pés no podium que non o crees de verdade.
gema_buitron_2.jpg
¿Que tal estás desas molestias no hombro? Segundo me comentaches hai uns meses vas mellorando pouco a pouco …
Si bueno, polo menos leva un tempiño sen dar moito a lata, hai días que parece que quere volver, pero por sorte vaino facendo menos, asi que a cousa vai ben.
E iso que a vosa compañeira habitual, Beatriz Cabrero, está lesionada para todo o ano, e probablemente teña que deixar o tiro con arco, agardemos que non. ¿En que situación está agora Beatriz?
Pois agora mesmo está en un impás como estamos todo o resto do equipo, estamos esperando resultados de probas e máis probas a ver se por fin un día escoitamos a resposta que todos queremos que é que Bea pode volver a adestrar e competir connosco, pero de momento seguimos esperando.
Ogalla que asi sexa, pero dentro do malo estivo ben sustituida pola “junior” Helena Fernández, e incluso está na recámara Irene Delgado, que hai uns meses ganou unha proba sub21 en Francia, a naronesa Iria Grandal tamén ven por debaixo. Parece que tedes equipo para moito tempo ¿non?
Si, e menos mal! A verdade é que estamos nun momento no que por sorte temos recursos en caso de que algunha do equipo titular falle. Pouco a pouco as pequenas foron poñéndose as pilas e podemos contar con elas para facer bos campionatos, como demostrou Helena esta semana.
E da túa compañeira Magali, ¿que me dis? Ti e ela cada vez achegadesvos máis a Almudena Gallardo*, ¿non? jeje
(Risas) Iso intentamos! A verdade é que non deixou as cousas fáciles nin moito menos, pero bueno, aqui estamos intentando chegar ó punto no que deixou o relevo. Penso que o estamos facendo ben, tanto Magali coma min estamos adestrando duro, tamén Helena, Iria e Irene, e parece que as cousas van saíndo. Tamén teño que dicir que temos o apoio total de Almudena, que agora viaxa con nós como parte da Federación, e a verdade é que é un apoio moi grande para nós e un punto de referencia.
¿Que sensacións se teñen ó quedar por diante de fenómenas como Schuh, Mospinek, Winter, Valeeva, Koval? …
Sendo sincera non o pensara ata o momento de ler esta pregunta! Jeje, a sensación é de alegría, de tranquilidade por ver que o traballo que facemos é o adecuado, e por suposto de satisfacción. Coido que como xa dixen antes para min isto é máis unha confirmación de que podemos, e vexoo como o principio de todo. As arqueiras que nombras son moi boas e teñen o meu respeto, pero non deixan de ser xente que fan o mesmo que facemos nós, asi que coido e espero que a partir de agora aparezcamos sempre polo medio deses nomes.
E a super potencia Rusia na final, o ouro e a plata individual, Erdyniyeva e Stepanova, ademáis de Perova … Unha plata por equipos que sabe a ouro ¿non? ¿Puidovos a presión na final ou eran casi invencibles?
Bo sabor ten si! Coido que non, é verdade que a experiencia que teñen elas é moi superior á nosa, un equipo na súa primeira final frente a un veterán veterán, pero o noso equipo non entra nunca na liña de tiro pensando que está por debaixo, iso non quita que non sexamos realistas e saibamos que elas tiñan pluses, pero a verdade que a final estivo moi igualada. Non tivemos moita sorte porque o tempo non acompañou moito, o vento estaba por fastidiar, e como as finais son a tiro alterno non podes elexir cando tirar, asi que tamén depende moito de cando sople e cando non. De todas formas penso que aguantamos ben o tipo e foi unha final para disfrutar e sobre todo para aprender para a próxima ocasión.
¿Que me podes dicir da sorprendente medalla de bronce, a turca de 17 anos Elif Begunhan Unsal, que te eliminou por pouco?
É unha arqueira moi xoven e con gran proxección. A verdade é que foi unha eliminatoria moi bonita a que tirei con ela porque a cousa estaba moi igualada e ningunha das dúas afrouxaba, foi unha pena ese desempate, pero bueno, estas cousas pasan. Espero que siga tirando como o está facendo e que poidamos atoparnos outra vez, iso si, a seguinte tócame a min!jeje
¿Que tal a cidade de Rovereto?, e Italia en xeral, ¿que che pareceu?
Da cidade moito non vin, é o malo dos campionatos de tiro con arco, que os horarios son tan amplos que nos pasamos case os días enteiros no campo de tiro, que ademáis tende a estar nas aforas, co que aínda que acabes de competir tampouco podes facer moito, de todas formas tiven uns ratiños de relax nos que puiden visitar algo, e Italia é un dos países que máis me gustou, non sei si será polo parecido coa xente española, ou polos magníficos xelados!
No resto do ano ¿cales son os teus plans e os teus obxectivos?
Pois agora mesmo o que queda é saír disparada para Turquía, que é a segunda World Cup deste ano, que xa nos vamos o domingo, xa ves que non podemos nin desfacer de todo a maleta!, logo o Campionato de España dentro de tres semanas, a terceira World Cup en Ogden (USA) en Agosto, e os clasificatorios de Agosto, Setembro e Outubro para o equipo nacional do ano que vén. Asi que con isto os obxectivos son tirar o mellor posible os campionatos que mencionei, e clasificarme entre as tres primeiras para o equipo nacional do 2011 e así ter opción de coller plaza para Londres 2012 no mundial do ano que vén. Xa iremos vendo como vai saíndo todo.
Pois, coma sempre, moitas gracias Gema, estaremos pendentes.
Gracias a ti, coma sempre! Biquiños!
* Almudena Gallardo Vicente naceu en Madrid en 1979, é unha auténtica referencia dentro do tiro con arco feminino español. Campiona de España en innumerables ocasións, tanto en sala como ó aire libre, e posuidora de case todos os records estatais (algún mellorado por Gema), participou nos Xogos Olímpicos de Sidney 2000 e Atenas 2004. Tras varias medallas internacionais, o punto culminante na súa carreira deportiva produciuse nos Europeos de 2006, onde conseguiu a medalla de ouro na categoría individual.

También podría gustarte
Comentarios