Amigus
As Pontes

COA ROMARÍA DA FRAGA REMATARON AS FESTAS DE AS PONTES

Milleiros de mozos ponteses e forasteiros vidos de toda Galicia e incluso de fóra (de Barcelona, Bilbao, Asturias, Madrid, Valencia,….) celebraron ó medio día a sesión vermú da centenaria Festa da Fraga. Nesta ocasión tocoulle á orquestra Cinema con cancións de moda e tamén populares. Os xa máis botados en anos miraban, algúns con sorpresa, como os mozos protagonizaban durante máis de dúas horas unha auténtica desfeita de calimocho, cervexa, barro e auga. Logo o xa tradicional baño no emblemático río Eume. Despois o xantar e pola tarde festa a ritmo de percusión de Combe Capelle, vidos dende Valencia. Á tardiña, tras escoitar a Siniestro Total, a retirada e un ata o vindeiro ano.
A galopante crise que estamos a padecer e ó ser por semana restou algunha afluencia de romeiros a esta festa declarada de interese turístico. Pero, a excelente climatoloxía, con moita calor e incluso treboada, fixo que moitos esqueceran as penurias e pasaran un día de troula e ledicia.
Na noite anterior o festival folk, que xa vai pola súa décimo quinta edición, con Muxarega, o grupo local, Odaiko, Os Cempés e a gran gaiteira galega Susana Seivane, que uns días antes actuara en Bélxica, no Gooikoorts Festival, e Bretaña, en Landerneau -próxima a Lesneven, irmandada con As Pontes dende hai 21 anos- no gran festival Kann Al Loar.
fraga_2012_0001.jpg


A ROMARÍA DA FRAGA
No ano 1904 por iniciativa do entón xuíz de Paz, Manuel Fernández Vidal, a celebración das festas prolongouse un día máis para celebrar o patrón pequeno o festivo seguinte, que nese ano foi o 25 de xullo.
O lugar elixido foi unha finca dunhas oitenta áreas de superficie, situada nunha volta do río Eume preto da Areosa, poboada de carballos e outras árbores pequenas. A finca, coñecida como a Illa da Ramalleira, era propiedade de Sergio Rivera Chao e estaba totalmente rodeada polo río Eume, polo que os romeiros tiñan que achegarse a ela a través dunha pequena ponte..
A partir desa data e ata 1948 os ponteses e visitantes ían de romaría a esta paraxe na popularmente chamada Festa da Isla, nome que aínda os veciños seguían empregando cando xa se celebraba na actual fraga.
Debido á construción da presa da central da Calvo Sotelo en 1948, que anegou a pequena illa, os veciños tiveron que cambiar de lugar, elixindo unha finca no barrio do Barreiro, propiedade de Rita Cabarcos Durán, que fora mestra na escola de As Pontes.
Esta fraga foi o lugar escollido para celebrar o día de Santiago para que os veciños seguisen gozando desta xira campestre. Dende 1950 vense celebrando nesta fermosa paraxe natural á beira do río Eume, entre os poboados da Fraga e do Barreiro. Aínda que en tempos recentes foi ampliada con outro terreo hoxe xa convertido en fraga, a veces quédase pequena, polo que as merendas e cabanas fanse tamén á outra beira do Eume, en parcelas da Cuíña.
Ata 1966 o baile remataba ó solpor e a verbena celebrábase na praza do Hospital. Había concursos de cabanas, empanadas, tortillas e traxes típicos e a música popular e tradicional amenizaba as merendas dos numerosos romeiros que enchían completamente a Fraga de Dona Rita e parcelas dos arredores.
A parcela fora doada polo seu propietario, pero, ó falecer sen escriturar a doazón, o concello veuse na obriga de mercala ós seus propietarios por 725.000 pesetas a principios dos anos setenta do século pasado.
Ata hai uns vinte anos as merendas eran case todas ó descuberto, agás unhas típicas cabanas feitas por grupos de romeiros. Hoxe en día aquel espírito aberto de veciñanza na festa foise perdendo co paso dos anos coa construción de “cabanas”, por dicilo dalgunha maneira, totalmente pechadas e cubertas de plástico que afean esta típica romaría declarada de interese turístico.
Festa da Fraga 2012 (AF)
fragaanton2012.jpg
Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios