Amigus
As Pontes

CÚMPRENSE 45 ANOS DA PRIMEIRA E ÚNICA COPA DE GALICIA LOGRADA POLO CLUB FÚTBOL CALVO SOTELO

Tal día como hoxe, 7 de xullo, pero do ano 1968, o Club Fútbol Calvo Sotelo, antecesor do actual Club Deportivo As Pontes, conseguiu a súa primeira e única Copa de Galicia, na final disputada a dobre partido contra o Club Rápido de Bouzas ó que venceu nos dous partidos
Esta competición celebrábase despois de rematada a liga regular entre os equipos da Terceira División e a Serie A Rexional, hoxe Preferente Autonómica. Comezou alá pola década dos anos cincuenta deixándose de disputar a finais dos sesenta.
Na edición de 1967/68 participaron 28 equipos, quedando o Calvo Sotelo exento da primeira eliminatoria xunto a outros tres equipos máis. Nos oitavos de final correspondíalle enfrontarse ó Arsenal de Ferrol, pero trala retirada do equipo ferrolán, o Calvo Sotelo pasou directamente a cuartos, onde se enfrontou ó Arenteiro de Carballiño, equipo que gañou no seu campo por 3-1, mentres que o Calvo Sotelo venceu no Poboado por 2-0. Na prórroga o Calvo Sotelo marcou tres goles máis, polo que o resultado final foi de 5-0 (6-3 no global). Marcaron os goles Domínguez, Vivero, Javi, Molowny e Linitos.
En semifinais tocaba un óso duro de roer, o Club Deportivo Lugo. Os lugueses venceron no Poboado por 0-1, non chegándose a disputar o de volta ó retirarse o conxunto lugués, polo que o Calvo Sotelo plantouse na final contra o Rápido de Bouzas, un histórico do fútbol galego, fundado no ano 1914, polo que é considerado como o vicedecano do fútbol galego.
O primeiro partido disputouse no campo do Poboado o 30 de xuño vencendo o Calvo Sotelo por 3-1. A volta foi sete días despois, 7 de xullo, no vello campo do Bouzas e alí o conxunto pontes referendou o título ó gañar por un gol a dous, con goles do gran Molowny. A aliñación presentada polo Calvo Sotelo en Vigo foi a formada por Leal, Miguel, Ordax, Javi, Roca I, Pichi, Calpita I, Linitos, Vivero, Molowny e Vidal.
É unha mágoa que esta Copa de Galicia non estea nas vitrinas do Club xunto a outros importantes trofeos, como varios do Vila de As Pontes e da Cidade de Viveiro, o XXXIV Concepción Arenal, o trofeo Concello de Betanzos, a IX Copa Deputación, etc. Ó parecer este importante trofeo está “agochado” nun almacén.
Naquela temporada o Calvo Sotelo participara na Terceira División por terceira vez, segunda consecutiva, logo da súa federación en 1960. Ó final de liga quedou na décimo terceira posición, precisamente cos mesmos puntos có Rápido de Bouzas, posición que non era de descenso. Pero, os dous baixaron á Serie A, xunto a Turista e Arsenal, por reestruturación da Terceira División para a tempada 1968/69, ademais de Ordes e Brigantium, que lles correspondía descender ó ocupar as dúas derradeiras posicións. A Terceira División pasaba de catorce a oito grupos de vinte equipos cada un, quedando o primeiro composto por equipos galegos e asturianos.
Naquela temporada presidía o Club Fernando Alarcón Hernández (+2008). Era adestrador do equipo o ferrolán Ricardo Fábregas Aneiros “Perniche” (+1994). O plantel estaba formado polos porteiros Man, Beltrán, Bra e Leal; os defensas, Nené, Pazos, Sindo, Ordax, Ismael e Javi; os medios, Celso Roca, Pichi, Linitos, Calpita e Miguel, e os dianteiros, Domínguez, Vidal, Pan, Mosquera, Vivero, Berna, Ángel e Molowny. Maltrana era adestrador do equipo xuvenil, que naqueles anos sempre se clasificaba nas primeiras posicións por detrás do Racing de Ferrol, o sempiterno campión da comarca, xa que naqueles anos non había categorías superiores.
Fora campión de liga da Terceira División o Club Deportivo Ourense, equipo que aínda segue a ter o récord de España de categoría nacional, ó gañar tódolos partidos (30) do campionato de liga, obtendo o máximo de puntos, sesenta en total. O Ourense marcara nesa liga nada máis e nada menos que 98 goles (3,26 por partido) e tan só recibiu 7, un deles o anotado por Celso Roca no partido disputado no Poboado o 12 de novembro de 1967 e con resultado final de 1-4 a prol do Ourense, que estaba adestrado por Fernando Bouso. Carballeda, con 38 goles, foi o Pichichi do grupo e Roca o porteiro menos goleado. Por tal motivo, o Delegado Nacional de Deportes, Juan Antonio Samaranch, concedeu ó Club Deportivo Ourense a Placa ó Mérito Deportivo na categoría de Prata.
calvo_sotelo


OUTRAS PARTICIPACIÓNS DO CALVO SOTELO NA COPA DE GALICIA
A primeira foi na tempada 1960/61 enfrontándose en cuartos de final ó CD Noia, con vitoria (2-0) noiesa no seu campo e goleada (5-1) do Calvo Sotelo no Poboado. En semifinais caeu diante do Foz, 3-1 no Poboado e 4-0 na vila da Mariña luguesa.
Nas tempadas 1961/62, 1962/63 e 1963/64 non participou na competición de copa por ter que disputar a fase de ascenso á Terceira División, que logrou por primeira vez na 63/64.
Na edición de 1964/65 tan só se presentaron os clubs Calvo Sotelo, Lemos, Arenteiro, Turista, Gran Peña, Coruxo, Alondras, Arousa, Lugo, Couto de Ourense, Deportivo da Coruña e Celta de Vigo. Ó Calvo Sotelo correspondeulle disputar unha eliminatoria previa contra o Lugo, perdendo no Poboado por 0-1 e 5-0 no Anxo Carro.
Na seguinte tempada de novo enfróntase en oitavos de final ó Club Deportivo Lugo, perdendo os dous encontros, no Poboado por 2-3 e en Lugo por 6-0.
Na tempada 1966/67 retirouse na terceira rolda, onde se debía enfrontar ó Rápido de Bouzas, superando na primeira eliminatoria ó Milagrosa de Lugo (2-2 en Lugo e 4-2 nas Pontes), pasando directamente á terceira eliminatoria ó retirarse o Arsenal de Ferrol.
A derradeira participación do Calvo Sotelo na Copa de Galicia foi na tempada 1968/69, sendo eliminado pola Milagrosa na prórroga do partido de volta xogado en Lugo, xa que o partido rematou con empate a un gol. Empate a ceros foi o resultado da ida no Poboado.
As Pontes, 7 de xullo de 2013 (AF)
calvo_sotelo
calvo_sotelo
calvo_sotelo
calvo_sotelo
calvo_sotelo
calvo_sotelo
Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios