ANTONIO POLO CAMPELLO, UN PONTÉS CAMPIÓN DE EUROPA DE PIRAGUISMO

polo_0001.jpgHoxe hai un mes e un día, o piraguista pontés Antonio Polo Campello conseguiu en Portugal a medalla de ouro no Campionato de Europa xunto ó seu actual compañeiro de embarcación, o viveirense Alberto Pigueiras. Aproveitando que dispoñíamos de algo de tempo libre non quixemos deixar pasar a oportunidade de falar con Polo e rendirlle o seu merecido tributo, e él atendeunos coa amabilidade e alegría que o caracteriza.
Este currante do piraguismo de 37 anos viviu hai apenas unhas semanas seguramente non o seu título máis preciado, pero si o de maior repercusión, facendo xustiza para con este gran piraguista despois de moitos anos palexando e de ser máis de 30 veces campión de Galicia, 9 veces campión de España, de ter 7 ouros en Copas de España, de acadar o 2º posto na Copa de Europa de Maratón en 2006 ou o 5º posto na Copa do Mundo de Dinamarca 2009, entre outros moitos logros.
O sempiterno Polo conseguiu na localidade portuguesa de Vilaverde o Campionato de Europa de Maratón na categoría de K2 de veteráns de 35 a 39 anos cun tempo de 1 hora, 33 minutos e 6 segundos. Sobre unha distancia de 21 kilómetros impuxéronse ós tamén españois Óscar Martínez e Jonathan Salas (1:33:10), prata, e ós portugueses Rui Romao e Joao Neves (1:33:15), bronce.
Comentanos Antonio como foi esa experiencia no campionato da localidade portuguesa “Foi moi boa, quedei abraiado coas infraestructuras coas que contaba o clube local, o Naútico Prado, e de como foron capaces de facer un evento deste calibre, que foi calificado por moitos expertos como o mellor dos últimos 20 anos, tendo en conta como está Portugal respecto a España no que a crise económica se refire. Por outra banda nos somos moi semellantes ós portugueses así que non se sufre un gran contraste como cando vas a competir ós países nórdicos, e tamén a convivencia co restos dos compañeiros foi moi boa”.
Sobre a regata na que Polo conseguiu a medalla de ouro europea “Pois foi unha regata moito máis doada do que eu agardaba, colocámonos en cabeza dende o principio e so deixamos de marcar o ritmo durante cincocentos metros, saíu case perfecta, eu tiña moitas gañas de amosar que o do día anterior fora unha casualidade, i é que o día antes saiume probablemente a miña peor regata que fixen fisicamente, xa que saín no k1 e debido a unha baixada de tensión tivenme que retirar, despois de ir moi ben colocado en cabeza, finalmente gañou o danés René Olsen, anque por sorte xa ves que me recuperei para o día seguinte (risas)”. Pero el teno claro “foi un título importante, pero para min calquera das medallas que conseguín en K4 ou a prata do K2 1000 metros no Campionato de España do 2004 foron as que máis disfrutei”
polo_0002.jpg


Lembrándonos da entrevista que lle fixemos hai dous anos e medio cando nos contou á experiencia da mala alimentación nunha proba da Copa do Mundo en Dinamarca que lle provocou unha páxara cando estaba a piques de rematar a competición en postos de medalla dinos Polo “Non, non, desta vez foi todo ben (risas), xa dixen que con Portugal non temos grandes diferencias culturais e comín ben, moito frango (risas)”. Sobre o efecto talismán do maravilloso país portugués, pois sete anos atrás xa fora segundo nunha Copa de Europa xunto o portentoso piraguista pontés, doble subcampión do mundo junior, Dani Feijoo, comentanos Polo “Si, saíronme duas boas regatas alí en Portugal, e tamén me saiu a peor, pero bueno, eu quédome coas dúas medallas que logrei”.
A gran potencia España conseguiu 11 medallas en categoría absoluta e volveu liderar o medalleiro dos Campionatos de Europa de Maratón por diante da superpotencia Hungría. Sobre os seus compañeiros, os portentos que polas inclemencias climatolóxicas non puideron estar en As Pontes, falanos Polo “Sen dubida Iván Alonso, que gañou o K1 e o K2, está hoxe por hoxe un paso por enriba de toda a élite europea, e a pesar de que dixo que lle costara gañar o k1, permitiuse o luxo de perder uns metros no último porteo respecto o portugués Ramalho, ó que conseguiu igualar e acabar superando nos últimos 500 metros, e o seu k2 co cinco veces campión do mundo Emilio Merchán non tivo rival. En canoa, C1, Tono Campos estivo tamén a un nivel descomunal e chegou moi sobrado, sen rival. Tamén Ramón Ferro e Óscar Graña en C2”.
polo_0003.jpg
Preguntámoslle a Antonio sobre o seu cambio de compañeiro e de equipo nestes dous últimos anos “Bueno, o meu novo compañeiro, o viveirense Alberto Pigueiras, realmente non é tan “novo”, pois xa estivera no 2008 palexando no Grupo Xuvenil, é moi bo rapaz, moi sufridor, e moi “obediente” (risas). O meu antigo compañeiro Carlos Pedreira, o de Betanzos, cambiou de deporte, e agora adícase ós raids, e tamén casou (risas). No Piraguismo Viveiro estou moi ben, pero realmente esta será a última tempada que eu estea alí, xa que o ano que ven volto para o Grupo Xuvenil, xa che digo, todo ben pero un pouco improvisado”.
Sobre o adestramento en si “Agora adestro cada semana entre as 10:00 e as 12:00 de martes a domingo, estou a vivir de rentas (risas). Ademáis agora estou de adestrador do Club Grupo Xuvenil As Pontes, e teño que adicarme tamén a intentar aportar algo do meu escaso coñecemento os deportistas que adestro”.
polo_0004.jpg
Agardemos que os rapaces aprendan un pouco dese “escaso” coñecemento. Ó marxe deste triunfo europeo a tempada 2013 para él “comeceina moi ben, cun ouro no Campionato Galego en k1 no 5000 metros, pero despois non me acaban de saír as cousas, xa que no Campionato de España de 5000 metros volquei cando ía en cabeza e consecuentemente abandonei a regata, e na Copa de España de Maratón pasoume o mesmo, volquei e perdín varios segundos, e logo acabei quinto a algo máis dun minuto. Agora intentarei o fin de semana que vén (13-14 de Xullo) sacar tres medallas no Campionato Galego de Pista, no k1, k2 e k4 1000 metros”.
Sabendo da súa valía non nos extrañaría nada. Os eventos de maratón de veteráns divídense en grupos de idade de 5 anos, dende os 35 ata chegar á última categoría, que abarca ós de máis de 70 anos. Coñecendo a Polo quixemos preguntarlle ata onde chegará montado enriba dunha piragua “Pois non sei, pero non creo que me quede corda para moito, porque xa empezo a ter un cansancio psicolóxico bastante importante”. Anque el diga iso non nos extrañaría velo dentro de 20 ou 30 anos aínda enriba dunha piragua, porque él leva o gusanillo do piraguismo moi metido dentro do corpo. Así é Antonio Polo, un dos grandes deportistas que deu As Pontes de García Rodríguez.
polo_0005.jpg
Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios