PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 1 – POLVORÍN SD 2

Triste derrota do As Pontes nos últimos minutos ante o líder

Triste derrota do As Pontes na tarde de hoxe ante o líder Polvorín 1-2, xa que foi gañando gran parte do encontro. O equipo visitante dominou o encontro ante un As Pontes ó que lle custaba crear xogo e que lle pitaran faltas a favor.

Nun Poboado cun ambiente que non se recordaba, e pese a ser un horario pouco habitual, chegaba ao campo pontés o Polvorín, que aparcou os seus dous últimos tropezos para amosar porque é o filial do Lugo e o mellor equipo da categoría, sen por elo ser o encontro moi aberto e con alternativas.

Pese a embotellar os visitantes ós locais nos primeiros minutos, foi o As Pontes o que se adiantou no marcador, tras un centro de Criado dende banda dereita que, na área pequena, mete a perna Iglesias e vai ó balón ó fondo das mallas (22´), conseguindo o seu 12º gol da campaña.

Incluso o As Pontes puido poñer terra de por medio, xa que Dani cabeceou un centro dende banda esquerda e co porteiro batido salvou un defensa baixo paus, e incluso rematou o rexeite Criado e Cacharrón botado no chan parou como puido (30´). Ben é certo que entremedias nunha contra, Dani Escriche cabeceou ó poste (25´), ó que tamén lle foi anulado un gol en fora de xogo.

O segundo tempo comezou co mesmo guión, dominaban os visitantes e agardaba atrás o cadro local cun gran traballo de Rego e Maroñas. Javi Rey dispara por riba do longueiro (52´), ata que tras un centro dende banda dereita que Criado non acerta a despexar de cabeza, aproveitao o extremo visitante para meter o balón á área, onde non perdoa Fernando Cuadrado anotando o seu 24º gol da campaña (64´).

O gol calmou ó equipo lucense e o xogo voltouse máis alterno. Puido marcar o As Pontes nun centro de banda a banda que acaba nos pés de Alex no segundo pau e o seu remate con marchamo de gol acabao sacando co corpo un defensa (75´).

Cando parecía que ambos equipos daban por bo o empate Javi Rey sacouse un xogadón da chisteira, deixou sentados a dous rivais, despois a Paco, e acabou mandando o balón ó segundo pau case sen ángulo (83´).

O Polvorín sentencia o ascenso con 65 puntos, mentres o As Pontes, con 58, está a cinco do Paiosaco e da segunda praza, e non debe desistir tendo en conta que os de Laracha teñen que pasar por O Poboado. Proxima visita ó Residencia de Lugo, decimosexto con 34.

As Pontes. Paco, Criado, Alex, Rego, Maroñas, Dani, Martínez (Troncho 76´), Bossa, Iglesias, Fidi (Ramos 60´), Pardo (Carba 76´).

Polvorín. Cacharrón, Asier, Pablo, Mariña, Óscar, Manu, Renda (Marcos 77´), Luis, Cuadrado (Morais 87´), Javi Rey (Facu 93´), Escriche (Coqui 94´).

Goles: 1-0, Iglesias (22´), 1-1, Cuadrado (64´), 1-2, Javi Rey (83´).

Árbitro: Carlos Alberto González Fernández (Vigo). Auxiliado por González Santos e Álvarez Fernández. Amarelas a Alex, Maroñas, Martínez, Pardo, Troncho, Óscar, Manu, Luis e Escriche.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Máis de 300 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios