Amigus
As Pontes

A historia dunha frustración entre o soño e a realidade

Lendo elcorreogallego.es:
“Teresa Hubbard e Alexander Birchler xogan en `Eight’ con espacio e tempo a través dos ollos dunha nena. A peza, formada por un vídeo e dez fotos, amósase no CGAC.
Entre as exposicións que enchen o Centro Galego de Arte Contemporánea con motivo do décimo aniversario, atópase no Dobre Espacio o traballo de Teresa Hubbard e Alexander Birchler chamado Eight. A peza, que poderá verse ata o vindeiro 14 de decembro, consta dun vídeo e dez fotografías.”…


…” Eight é a historia dunha frustración, dunha pequena traxedia, que lles permite ós autores xogar co espacio e o tempo, atravesando as fronteiras entre realidade, lembranzas e soños. Nun bucle perfecto captúrase o oitavo cumpreanos dunha rapaza, estragado pola choiva infinitamente.
Nunha soa secuencia cíclica, composta por un par de planos, recóllense dous percorridos circulares que intersectan. O primeiro é o escenario que é plasmado nunha pausada panorámica que soamente é interrompida por un primeiro plano da nena. É precisamente este plano o que define un punto da intersección co outro percorrido, que é o que fai a rapaza. Cando a nena se achega á fiestra semella chocar coa realidade, é o punto no cal o entorno a atrapa, e por iso se reflicte o seu rostro no plano que quebra momentaneamente a panorámica. Ela non chora, xa o fai o seu reflexo no vidro da xanela, coa choiva escorregando sen cesar. O outro momento no que se cortan ambos os percorridos é cando a rapaza colle un anaco de torta baixo a choiva. Nese intre está a revelarse contra ese escenario hostil e desapracible, é ela quen tenta golpear o contorno.
Nembargantes, aínda que semelle que a narración poida amosar unha resolución, o ciclo repítese de xeito que a sucesión desta acción e reacción vaise amortecendo ata sumirnos nunha obsesión.
A medida que avanzan as repeticións deixamos a realidade e introducímonos nos pensamentos da nena.
Para acentua-la sensación de irrealidade da escena descríbese non só un loop temporal, senón tamén un ciclo espacial. Os feitos suceden aparentemente en tempo real, non necesariamente tería que ser así, mais nada nos fai pensa-lo contrario. Sen embargo en ningún momento se pode delimitar un principio ou fin, as interpretacións dos feitos serán diferentes segundo o sexa o punto de partida. Neste sentido, en lugar dunha repetición, o bucle constitúe realmente o tempo atrapado en si mesmo, coma ouroboros.
O espacio reprégase tamén como un Anel de Möbius, desaparecendo a diferencia entre interior e exterior cando a cámara avanza dende o xardín á casa. Nun xogo de planos e perspectivas, os obxectos que semellaban estar fóra da casa estan dentro da sala.
Os múltiples paradoxos que encerra esta peza fan que o espectador lle poida dar múltiples sentidos.
Mentres que os autores conseguen coa estructura que lle dan á obra crear interese por parte de quen a olla, en lugar do tedio de moitas outras videocreacións.”
Fonte: elcorreogallego.es

También podría gustarte
Comentarios