Amigus
As Pontes

A Consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia abordan de xeito integral a redución da crónica acidez da conca do Eume cun sistema inédito en España

O conselleiro salientou o esforzo técnico e económico sen precedentes que está a desenvolver a consellería para solucionar un problema “endémico e histórico” como é o da acidez do Eume.
Vázquez recordou que o Eume conta cunhas características xeolóxicas que inducen unha elevada acidez ás súas augas, tal e como se reflicte nos valores baixos de pH.
Anunciou que, a raíz deste episodio, todas as obras na conca do Eume que requiran movementos de terra, sexan grandes ou pequenos, terán que presentar obrigatoriamente un estudio xeolóxico para determinar a súa afectación sobre a acidez do río ou dos seus afluentes.
O conselleiro deu conta das actuacións realizadas dende Medio Ambiente para solventar a acidez crónica da conca, entre as que se encontran a adición de carbonato cálcico na auga
Dende o inicio dos traballos de adición do carbonato cálcico, os niveis de pH aumentaron nun 10% na presa do encoro
Na superficie, os valores actuais representan un incremento do pH do 43% e en profundidade o aumento é dun 27% con respecto aos datos das mostras obtidas antes do inicio dos traballos
IMPERMEABILIZACIÓN DA SUPERFICIE DE NOIRO DO RECHEO DO PARQUE EMPRESARIAL DE AIRÍOS, EN AS PONTES, que conta cun orzamento de 1.735.369,37€


Santiago, 30 de setembro de 2008.- Calquera movemento de terras, grande ou pequeno, que se realice na conca do Eume precisará de xeito obrigatorio dun estudio xeolóxico previo que os promotores de ditas actuacións terán que presentar ben na Avaliación Ambiental Estratéxica ou na Declaración de Impacto Ambiental. Estes estudios detallarán a composición xeolóxica dos terreos afectados polos proxectos a desenvolver e a posible afectación dos movementos de terras á acidez da auga, tanto do Eume como dos seus afluentes.
A conca do Eume padece un problema crónico de acidez debido as súas propias características xeolóxicas. Aínda así, a realización de obras que supoñan movementos de terras e non se acompañen das medidas correctoras axeitadas, poden agravar estes episodios de baixadas do pH e a consecuente acidificación das augas do río, tal e como sucedeu durante a pasada primavera.
Neste momento, a Consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia están abordando, dun xeito integral e inédito en España, un programa de reducción da acidez crónica de toda a conca do Eume, que ata o de agora so se tiña ensaiado en Canadá e nalgúns países nórdicos.
O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, realizou este anuncio hoxe no Parlamento de Galicia, onde compareceu para informar das medidas adoptadas polo seu departamento para a recuperación do pH no río Eume. Estas medidas, tomadas con carácter de emerxencia, están a producir un efecto positivo, segundo salientou Vázquez, dado que dende o inicio da adición do carbonato cálcico ao río o pH na zona da presa, incrementouse nesta nun 10%, achegándose aos parámetros considerados normais nesta bacía.
Segundo as mostraxes realizadas, o aumento do pH é maior na superficie que na profundidade do encoro, de xeito que actualmente en superficie os valores de pH incrementáronse nun 43% en profundidade un 27% con respecto ás mostras realizadas antes da adición do carbonato cálcico.
Manuel Vázquez destacou o esforzo técnico e económico “sen precedentes” que a consellería está a desenvolver no Eume, e subliñou que esta é a primeira vez que o Goberno galego se ocupa “dun xeito tan preciso e ambicioso” dun problema “que podemos considerar endémico e histórico”, e que nunca antes fora tratado en ningunha outra conca de España.
Así, Vázquez lembrou que a bacía hidrográfica do Eume amosa características xeolóxicas que inducen unha acidez elevada ás súas augas, tal e como se reflicte nos valores baixos de pH.
Cambios históricos na acidez
— A bacía hidrográfica do Eume na zona do encoro amosa características xeolóxicas que inducen unha acidez elevada ás súas augas, tal como se reflicte polos valores baixos de pH.
— O pH medio das augas de saída da turbina do encoro do Eume son historicamente ácidas con valores medios no ano 2007 de 6,14 unidades.
— O pH medio das augas do encoro de Ribeira sitúase en torno a 6,5 unidades.
— Varios dos afluentes tributarios do encoro do Eume aportan augas ácidas con valores de pH próximos a 5,5 unidades.
— A acidez do encoro do Eume experimentou historicamente variacións estacionais de importancia relacionadas co patrón de precipitacións.
— No ano 2007, o pH das augas de saída da turbina do encoro do Eume tomou valores ao longo do ano que variaron en mais dunha unidade, entre 5,71 e 6,76 unidades.
— No inverno, estes cambios adoitan ser bruscos. Así, entre o 8 e o 28 febreiro de 2007 o pH das augas de saída da turbina do encoro do Eume descendeu 0,84 unidades.
— Na primavera, a recuperación dos valores de pH é relativamente rápida. Así en 2007, estes valores aumentaron dende 5,74 o 28 de febreiro a 6,33 o 4 de abril.
Así, pois, o comportamento do Eume o pasado ano en canto ao grao de acidez semellaba adoitar uns valores parellos ao dos anos anteriores. A conclusión, sinalou o conselleiro, é que o Eume sufre cronicamente variacións de pH que se recuperan de forma espontánea.
Actuacións realizadas pola consellería
— O 17 de decembro de 2007, o equipo de seguimento do estado ecolóxico das augas de Galicia da Consellería de Medio Ambiente, que toma mostras con periodicidade trimestral en diferentes puntos do encoro do Eume, mide valores de pH no encoro de 6,78 e 7,22 unidades.
— A acidez das augas de saída da turbina do encoro do Eume foi normal durante a primeira quincena do mes de xaneiro con valores superiores a 6,5 unidades.
— Na segunda quincena deste mes de xaneiro, e asociado ao réxime de precipitacións, experimentouse un descenso moi acusado do pH do encoro, pasando dende un valor de 6,67 o día 11 ata 4,96 o 28 de xaneiro.
— Este acusado descenso foi seguido dunha recuperación moi rápida dos valores normais de acidez, alcanzando así un valor de 6,09 unidades quince días mais tarde, o 12 de febreiro de 2008, manténdose despois os valores relativamente estables ata principios de abril. Esta rápida recuperación non aconsellaba a adopción de medidas especiais para correxir a acidez do encoro ao entender que se trataba dunha oscilación forte pero puntual da situación normal.
— O día 31 de marzo, o equipo de seguimento do estado ecolóxico das augas de Galicia da Consellería de Medio Ambiente, que toma mostras con periodicidade trimestral en diferentes puntos do encoro do Eume,
— Mide valores de pH no encoro de 5,81 e 5,82 unidades respectivamente. Ese día o valor de pH da saída da presa é de 5,85 unidades.
— É a partir do 4 de abril cando a acidez das augas de saída da turbina do encoro amosan un aumento continuo e prolongado chegando a alcanzar valores mínimos próximos a 4,5 unidades o 20 de maio.
— O día 21 de abril, a empresa explotadora da concesión hidroeléctrica, Endesa, informa por correo electrónico á área de vertidos de Augas de Galicia acerca dos baixos niveis de pH do encoro. Nesa data o valor de pH na saída do encoro era de 4,95 unidades.
— Ante dita comunicación, a área de vertidos de Augas de Galicia, realiza de xeito inmediato unha inspección completa da cunca do encoro do Eume que conclúe coa decisión de incoar expediente sancionador por vertidos de auga residual ao río Chamoselo á empresa Cabreiros UTE o día 22 de abril.
— No mes de maio, ante a falta de recuperación dos valores de pH do encoro e coincidindo coa aparición de reos mortos nas augas do Eume, constituíuse un grupo de traballo técnico formado por expertos de Augas de Galicia e das tres direccións xerais da Consellería de Medio Ambiente. Neste mes, os equipos técnicos da Consellería iniciaron un análise mais exhaustivo do Eume.
— O día 4 de agosto, unha vez analizada a información tomada nas campañas de mostraxe realizadas os meses de xuño e xullo así como a información histórica dispoñible, dada a falta de recuperación dos valores normais de acidez do encoro e ante o risco de aumento de acidez que podería derivarse nos próximos períodos de elevada pluviosidade no outono, decidiuse poñer en marcha un plan de recuperación dos valores de acidez normais das augas do encoro do Eume mediante a adición de carbonato de calcio hidratado.
— Encárgase a execución do plan á empresa SOGARISA que inicia os traballos o 25 de agosto.
Obras emerxencia
As obras que está a executar a Consellería de Medio Ambiente concéntranse en dous apartados:
— Obras de emerxencia para paliar o incremento de acidez na bacía do Eume.
— Medidas correctoras no rego do Lavadoiro e río Chamoselo.
1. Obras de emerxencia para paliar o incremento de acidez (descenso de pH) na bacía do Eume
IMPERMEABILIZACIÓN DA SUPERFICIE DE NOIRO DO RECHEO DO PARQUE EMPRESARIAL DE AIRÍOS, EN AS PONTES, que conta cun orzamento de 1.735.369,37€
-Impermeabilización da superficie do noiro do recheo do parque empresarial, mediante a aplicación dunha capa de arxila.
-Cuneta de coroación de noiro ao longo de todo o recheo existente.
-Baixantes escalonadas ao longo do noiro.
-Cuneta de pé de noiro de recollida das augas.
-Canalización das augas de escorrenta dende os puntos baixos da cuneta de pé ata a balsa de tratamento.
Coa execución completa desta obra, que comezou a mediados de agosto e rematará en outubro, conseguirase que o impacto do polígono no medio sexa nulo, pois en ningún momento a auga de escorrenta entrará en contacto co material do recheo. Co avance das obras, a día de hoxe, conseguiuse reducir nunha maneira importante a superficie de contacto entre a auga de escorrente e o recheo.
b) ACTUACIÓNS AMBIENTAIS SOBRE O ENCORO DO EUME, TAMÉN EN AS PONTES, que conta cun orzamento de 1.164.257,78€. Neste proxecto estase procedendo á basificación inmediata na totalidade da superficie do encoro para incrementar progresivamente o valor do pH que ten a auga mediante a adición de carbonato cálcico hidratado dende un medio flotante. Consiste no seguinte:
-Adicción ao encoro dun reactivo químico (carbonato cálcico) que eleve o pH ata uns umbrais que non supoñan un problema para o ecosistema do río
-A forma de aplicación deste reactivo é directamente sobre a superficie da lámina de auga e de xeito uniforme, empregando para isto unha barcaza.
-Realízanse sucesivas adiccións en función da evolución detectada no pH do encoro
-As obras foron encargadas á empresa SOGARISA e comezaron o 11 de agosto de 2008.
Todas estas actuacións están sendo controladas e inspeccionadas polo persoal da Consellería de Medio Ambiente, tanto no que se refire a súa execución como na incidencia de cada unha delas no medio. Estase asemade levando un seguimento exhaustivo da evolución da acidificación da bacía do Eume, mediante controis periódicos realizados in situ, aos efectos de valorar as melloras acadadas.
2. Medidas correctoras no Rego do Lavadoiro e Río Chamoselo.
Complementariamente, a Consellería de Política Territorial, a través da empresa AMBIOTEC, executou ao 100% as medidas correctoras propostas, cunha inversión de aproximadamente 1,5 millóns de euros e das que cabe destacar:
-Medidas tendentes a eliminar o arrastre de finos dende os taludes definidos pola obra.
-Adecuación-rediseño das zanxas de drenaxe na obra.
-Adecuación-rediseño de balsas de decantación.
-Tratamentos activos e pasivos dos afluentes.
Manuel Vázquez recoñeceu que o problema de acidez no Eume “vai persistir” pero manifestou que “quedará solventado en gran medida coas actuacións que está levando a cabo a consellería”. O conselleiro destacou “a celeridade na actuación do Goberno galego” e a posta en marcha de mecanismos e medios necesarios para arranxar esta situación.

También podría gustarte
Comentarios