Amigus
As Pontes

A Xunta acadará a ordenación territorial do 26% de toda a superficie da provincia da Coruña coa elaboración do plan territorial integrado da conca do río Eume

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do inicio do procedemento de elaboración do plan territorial integrado da conca hidrográfica do río Eume. Un 26% da superficie da provincia da Coruña estará ordenada e planificada a escala territorial grazas á elaboración do Plan Territorial Integrado da conca do río Eume, o segundo PTI da historia da comunidade galega logo do Plan de Ordenación do Litoral.
O obxectivo deste plan territorial integrado será o desenvolvemento dun territorio ordenado e eficiente, contribuíndo a unha planificación racional dos usos do solo, tendo en conta a referente hidrolóxica, fío condutor do plan, desde a perspectiva da avaliación preventiva de danos e a xestión dos problemas hidrolóxicos.


O plan, que recibiu a autorización do Consello da Xunta recentemente, terá en conta tres aspectos: integración da planificación e estudo das zonas inundables; simplificación da redacción do Plan Hidrolóxico da Conca do Eume; realización dun estudo da incidencia do lago na zonificación e usos do solo.
O Plan Territorial Integrado terá como ámbito a Conca Hidrográfica do río Eume, e permitirá establecer unha análise exhaustiva e transversal coordinada e integral das diferentes políticas da Xunta de Galicia, en torno ao elemento de dimensión do novo lago de As Pontes.
A conca do Eume, sen incluír o lago, ten da orde de 55 km2 de superficie, un territorio no que é moi importante o control das actividades que se poidan desenvolver nel.
O oco mineiro da explotación de lignitos nas Pontes ten unha capacidade de 540 hectómetros cúbicos e foi enchido con auga da propia conca, e cuns recursos achegados polo Eume, controlándose as características do recurso entrante para garantir unha calidade mínima que deron resultados satisfactorios.
Os concellos incluídos dentro do ámbito do PTI son: na provincia da Coruña: Pontedeume, Cabanas, Vilarmaior, A Capela, Monfero, Irixoa, Aranga, As Somozas, As Pontes de García Rodríguez; e na provincia de Lugo: Guitiriz, Xermade, Muras, Vilalba, Abadín. A poboación beneficiada polo plan abarca un total de 56.511 habitantes
Este plan territorial integrado, ao igual que o POL, e os seguintes que se elaboren conterán os documentos gráficos e escritos que sexan necesarios para acadar a correcta ordenación do ámbito. En congruencia co modelo das DOT e conforme aos criterios da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, este plan considerará a perspectiva global e integral da paisaxe.
Coordinación
Este Plan Territorial Integrado da Conca Hidrográfica do río Eume será formulado e impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, coa dirección conxunta do Instituto de Estudos do Territorio e do organismo autónomo Augas de Galicia. Tamén participan a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, ademais das consellerías de Medio Rural e do Mar, e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Procedemento
Unha vez autorizado polo Consello da Xunta e publicado o inicio do procedemento da elaboración do plan no Diario Oficial de Galicia (DOG) notificaráselle aos concellos integrantes. Ademais será sometido a Avaliación Ambiental Estratéxica simultaneamente á súa tramitación administrativa.
Redactado o plan territorial e antes da súa aprobación inicial polo departamento director do procedemento, someterase a informe das corporacións locais referidas no número anterior e das entidades de carácter supramunicipal con incidencia na área, que o emitirán no prazo máximo de dous meses.
Co acordo de aprobación inicial adoptarase o de apertura do trámite de información pública por un período de dous meses, e solicitarase informe da Delegación do Goberno, que deberá emitilo en igual termo.
A consellería que outorgase a súa aprobación inicial, á vista do resultado da información pública e dos informes producidos, acordará a aprobación provisional coas modificacións que, se é o caso, procedan. Se con motivo das alegacións formuladas ou dos informes emitidos se tivesen que introducir modificacións substanciais en relación co documento aprobado inicialmente, poderá dispoñer un novo período de información e consulta de igual duración có anterior.
Logo da aprobación provisional, correspóndelle ó departamento que a outorgase a súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva mediante decreto.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios