Amigus
As Pontes

As Pontes invoca a romanos e galaicos na sexta edición da Cita coa Historia

A xornada péchase cun balance positivo de afluencia e a teima de incrementar as caracterizacións entre o público

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

O resoar dos tambores anunciaba a súa chegada. A Cohors III Lucensium invadía A Vila un ano máis, e van xa tres, para tentar conquistar as terras pontesas na VI Cita coa Historia. Enfronte, unhas inimigas inesperadas, as guerreiras da Lucus Icenas Miliatore. 

Malia as batallas do pasado, nesta ocasión non houbo vencedores nin vencidos, só un público expectante e máis que disposto a mergullarse nunha viaxe cara a atrás no tempo e facela o máis real posible. Un total de 24 lexionarios e de 14 tambores –na asociación, creada hai 13 anos en Lugo, son uns 80 socios– da Lexión VII Gemina, de cuxos membros reais adoptan os seus nomes de guerra, desfilaron polas rúas e amosaron movementos de defensa e de ataque propios da lexión romana, unha recreación para a que se preparan con adestramentos semanais. 

Expectantes, fronte a eles, unha sorpresa moi ben recibida, a da presenza das seguidoras da raíña guerreira icena britana, Boudica, unha nova entidade luguesa que se estreaba no último Arde Lucus e que polo momento está integrada por doce mulleres, das que sete se achegaron ás beiras do Eume facendo gala da súa máxima : “Lucha, coraje y fuerza”. 

Lonxe das liortas, pero igualmente de tradición milenaria, son os oficios que se podían ver e probar na rúa á que lle daban nome, onde artesáns do presente amosaban as técnicas empregadas dende sempre por ceramistas, ferreiros, xoieiros, tecelás ou torneiros. 

“É unha xoia da feira”, aseguraba o concelleiro de cultura pontés, Vicente Roca, facendo un balance positivo desta edición, aínda que chamando a veciños e a visitantes a ataviarse acorde á época recreada. “Temos a teima de meterlle á xente o espírito de caracterizarse”, dicía Roca, el si, vestido para a ocasión. Tamén o estaba a organización, dende a que recordaron que precisamente para incentivar os vestiarios castrexos e romanos se convocou un concurso de caracterización que sumou “unha alta participación”, segundo precisou Xosé María López. 

Os promotores da cita, a asociación Lembranza da Vila en colaboración co Concello, salientaron a boa afluencia de público, que rondou as 2.000 persoas nos concertos do sábado, e destacaron o éxito de propostas coma o campamento galaico, onde os rapaces podían facer prácticas como a de elaborar argamasa para recebar unha palloza. 

E xusto ao carón desas antigas construcións, tamén foron moitos os que se deixaron conquistar pola inmemorial arte da cetrería da man de Lía Corax, un atractivo máis dunha VI Cita coa Historia que incluíu ademais visitas guiadas ao Museo Etnográfico Monte Caxado, gastronomía romana, espectáculos circenses ou a música de Son Daquí e No Cómbaro. 

Fonte El Progreso
Fotos cortesía de Raimundo Carballo

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios