COMUNICADO DA ASOCIACIÓN HUME DE AS PONTES
Chamamos progreso a medrar cultural e humanamente, no respecto e coñecemento polas propias raíces, tradicións e valoración do patrimonio herdado.
Non podemos comprender progreso coma tecnicismo puro e duro, que arrase sen piedade e sen atrancos con todo o que nos foi legado, sen procurar ningún tipo de diálogo ou compatibilidade entre o pasado e o futuro.
A Asociación de Estudos Históricos e Sociais HUME de As Pontes, queremos denunciar a impunidade coa que os nosos responsables de patrimonio, poden tomar decisións sobre a destrución e desaparición do mesmo. Non podemos comprender cómo as pezas que dan identidade e historia á nosa vila (Vaso Campaniforme, achádegos varios de pasadas prospeccións arqueológicas) poden desaparecer sin ningún tipo de explicación nin de asunción de responsabilidades.
Non podemos quedar calados ante o despropósito e manipulación dos medios de comunicación e as diversas entidades políticas que se viron involucradas, ben co seu goberno ou ben co seu silencio, na desaparición dun dos espazos máis significativos da nosa vila, e no xacemento que máis expresaba de nós mesmos: A Mourela.
Unímonos á Plataforma Cidadá para a Defensa do Círculo Lítico da Mourela ó tempo que reclamamos a dimisión de quenes, con decisións coma as que se viñeron tomando, se autoproclaman garantes do noso patrimonio.
Reclamamos asimesmo unha mirada diferente cara ás nosas raíces e o noso legado, entre o que se atopan varias das pontes que lle deron nome á vila, e que sobreviven nun estado deplorable entre o tráfico rodado que soportan, as embestidas dos camións, as humidades non tratadas e a vexetación que as vai cubrindo.

ASOCIACIÓN DE ESTUDIOS HISTÓRICOS E SOCIAIS HUME