Alejandro Antón Fernández (As Pontes 18-7-1990), está a un paso de ascender a Primeira División co Deportivo da Coruña, despois de moitas temporadas en Segunda co clube herculino e co CD Lugo. Pontés orgulloso e moi agradecido a todos os adestradores que tivo na súa vida, fainos un oco na súa axetreada axenda para a revista das festas.

Ola Alex, encantado de poder falar contigo. No teu paso pola canteira do CD As Pontes, ti es da xeneración do 90, como Rochela, Carballeira ou Vilasuso. En Alevíns gañades a Liga de Ferrol 2002, a Copa 2001 ao Neda 4-0, e a Copa 2002 ao Narón BP 7-0. Logo xogades Liga Galega Infantil e Cadete, histórico ascenso a División de Honra Xuvenil, e rematas a túa andaina futbolística no As Pontes B.
Ola Xose. Gracias. E nesa época de Alevíns recordo xogar no torneo de Pontedeume contra o Real Madrid e no de Viveiro contra o Oviedo. Esa final contra o Narón BP, recórdoa ben porque era un duelo entre Rochela e Juan Domínguez, que viñan de ser fichados polo Deportivo, e ademais nesa final Vilaboy pedíralle ao noso capitán Campello que lle fixera un marcaxe individual a Juan Domínguez e o pobre acabou desesperado (risas).
Tamén recordo unha Liga Galega Cadete que fixeramos moi boa campaña e acabamos quintos, e como non, o ascenso a División de Honra Xuvenil. Eu daquela era de primeiro ano e xogaba pouco, digamos que para Calpita era o xogador 17 (risas). Recordo que desperdiciamos catro partidos en que podíamos conseguir o obxectivo, pero logo gañamos no último partido 3-1 a todo un Racing de Ferrol no Poboado, e quedar por diante deles, Ourense ou Lugo, grandes cidades, foi un logro incrible.
Recordo o equipo perfectamente, Agustín e Dani Castro na portería, detrás Filgui, Rouco, Boo, Bouza, Alberto, Óscar Martínez, no medio Bonilla, Troncho, Pico, Dani Fernández, que era medio equipo, Víctor Iglesias, que ese día marcou dous goles, e arriba Vladi e Rebolo.
¿E que recordos tes desa 2007-08 na que competichedes cos mellores equipos de España?
Pois recordo o Racing de Santander de Canales e o Celta de Joselu, aínda que desgraciadamente esa tempada eu estiven lesionado da rodilla, operáronme de menisco, e despois tiven un edema óseo e apenas puiden xogar.
¿Que recordas dos teus adestradores desas épocas?
Pois xa que teño a oportunidade gustaríame facer unha mención e agradecemento a todos eles. Xa desde moi pequeno recordo a Celso Maltrana e Macanás, no Colexio da Magdalena, e a Manolo Vilaboy, nos meus primeiros pasos no As Pontes. Marcáronme moitísimo, porque ademais coincidía que eles eran maiores e nós moi pequenos, e transmiten valores que che quedan para toda a vida, compromiso, traballo en equipo, unión, respeto, que primeiro somos persoas e deportistas, e por último futbolistas…
Despois tiven a Rebolo, Paco Fresco, Lolo Beceiro, Jose Carballo, e xa sendo máis maior, cando comezaba a entender máis o xogo, Víctor Pellón “Calpita” marcoume moitísimo. Era un adestrador que facía competir aos equipos e elevaba ao máximo o nivel dos xogadores que ían pasando polas súas mans. Creo que foi capaz de marcar a moitas xeneracións de ponteses, en canto a capacidade de esforzo, sacrificio, traballo diario, solidariedade…Convencía á xente para ir ao límite polo seu equipo, que é fácil dicilo pero moi difícil conseguilo.

Súmome a esa homenaxe. ¿Porque te inicias nesa figura de adestrador?
Sempre tiven a inquedanza de coñecer o xogo máis desde esa perspectiva de adestrador, sempre me chamou máis a atención a figura de adestrador que a de xogador. Fíxate que en As Pontes naquela época había moito nivel, Iván Rodríguez, Iván Leal, Jose Luis Fontao, Marcos Bouza, Marco Roca, Jose Carballo, Felipe Mieres, Javi Salido, aínda estaba Calpita. Había un nivel de adestradores que non tiña nada que envexar ao resto de canteiras. E no meu último ano de xuvenil tiña moi claro que quería sacar o título de entrenador nacional, que a nivel académico son catro anos. E xusto cando cumplo 23 me chama o CD Lugo para ser segundo adestrador do seu equipo xuvenil, ao lado de Amarelle. Por certo, nunha desas primeiras xeneracións que entrenei estaba Xoel Pena Vigo, un gran rapaz, e gustaríame mandarlle un mensaxe de ánimo á súa familia e que descanse en paz.
Qué tristeza. ¿E que me podes dicir do gran Amarelle?
Marabilloso. Foi unha persoa que chegou a ser o mellor xogador do mundo de Fútbol Praia, pola súa capacidade de traballo, de adestramento, de coidarse, de repetir cada xesto técnico ata a extenuación, e iso transmitíallo aos rapaces. Fíxate que ao principio a Selección Española de Fútbol Praia formábana ex xogadores famosos retirados e máis el, pero é moi humilde, das mellores persoas que te podes atopar, está para calquer cousa, e ten en conta calquer apreciación que lle fagas. É a primeira persoa coa que compartes banquiño e márcate, logo o fútbol profesional xa é outra cousa. Aínda hoxe que está en China teño contacto con él.
¿E como foi a túa andaina no CD Lugo?
Pois entre outras cousas estiven no corpo técnico do primeiro equipo do CD Lugo en Segunda División, e dirixín tres temporadas ao seu equipo xuvenil en División de Honra. Houbo un ano que fixemos unha gran campaña, quedamos cuartos, creo que a mellor clasificación histórica do equipo, só por detrás de Celta, Sporting e Deportivo, e case nos clasificamos para a Copa do Rei. E de xogadores que pasaran polos meus equipos pódoche dicir Dani Escriche, Andrés Castrín, Dani Pedrosa, Álvaro Vivito, Julio Camba ou David Rosón entre outros moitos.

Hoxe en día Alex está no primeiro equipo do Deportivo da Coruña “o equipo do que miña madriña me fixo socio sendo pequeno”. Pode presumir como adestrador branquiazul de gañar unha Liga Nacional Xuvenil co Deportivo ao Celta de Vigo do mesmísimo Claudio Giráldez, hoxe adestrador do equipo vigués.
Polas súas mans na categoría Xuvenil “A” pasou un tal Yeremay Hernández, e a súa maior anécdota no clube herculino foi un partido de Liga no que sendo expulsado o adestrador principal, e estando sancionado o segundo, tivo que dirixir el dende o banquiño. Curiosamente foi contra o CD Lugo, e por certo, o partido, que ía 1-0, acabou 4-1 a prol dos branquiazuis.
–
Recorda con emoción o día do ascenso a Segunda División “porque ves Catro Camiños e María Pita cheos de xente, estás no balcón cos xogadores, e eu recordaba ir alí como afeccionado e amigo cando subiu Rochela a Primeira, e verte nesa situación, pois pensas que na vida vai todo moi rápido”. No clube herculino, despois de dirixir a varios equipos, na tempada 2021-22, coa chegada de Borja Jiménez como adestrador, pasa a formar parte do corpo técnico, “pois Borja necesitaba un analista, un asistente, para facer informes sobre xogadores e o equipo rival”.
¿Cómo é unha semana na túa vida, do que se poida saber, cales son as túas funcións, e como son os 90 minutos dun partido?
Pois, como digo, eu, como o resto do corpo técnico, estamos para axudar ao “xefe”, o adestrador, que neste caso é Antonio Hidalgo, e o meu rol é de asistente, ver e analizar situacións de xogo, situacións a balón parado, finalizacións por banda, finalizacións por dentro, como o equipo contrario xenera perigo nos desmarques á espalda da liña defensiva, como saen co balón xogado…e despois levalo ao teu contexto de xogo, ¿cómo presionamos?, ¿cómo superamos iso?, ¿que fai o rival e que podemos facer nos para contrarrestar iso? Tes que ver moitos partidos do equipo contrario. Nos entramos as 8 a Abegondo, pero saímos a media tarde (risas).
En canto a tarefas nos adestramentos teño un rol un pouco máis secundario, quédaste cos dianteiros a finalizar xogadas, temas de pases, axudas individuais a cada xogador, etc. Ao inicio do partido, pois cando che pasan a aliñación rival, pois ordenar todo iso, ver as estruturas que pode facer o rival con ese once. E durante o partido ¿por qué non estamos recuperando o balón?, ¿por qué non estamos saíndo de presión?, ver o rol que ten cada xogador rival, etc…
É algo que nos encanta, pero desgasta moito, son moitas horas, é moi intenso. Son situacións de traballo en equipo que te levan a coñecer ás persoas de verdade. Por iso, como che digo, formas parte dunha gran familia e ti intentas axudar e aportar o teu graniño de area.

Recordas algún futbolista que de pequeno che chamara a atención?
Pois tiven a sorte de ver ao Endesa As Pontes en Segunda B sendo ben pequeniño, incluso recordo que había unha peña que se chamaba Chimeneas Bravas. Recordo no Endesa de porteiro a Alberto Casal, que agora traballo con él, a Lemos, Mariño, Sierra, ou Ramiro, pedazo de xogador. E dos de aquí, Fontao, Miguel Vilaboy, Justo, Fernando Castro ou Edi, que me parecía boísimo, un golpeo de balón excelente e moi forte nos duelos. Do Deportivo diríache Mauro, Bebeto, Djalminha, Mackay, e mira, quen me ía dicir a min que logo tiven a fortuna de coincidir con Fran, Valerón, Manuel Pablo, ou Jaime Sánchez. E tamén admiraba moito a Steven Gerrard.
Nas túas campañas en Segunda, ¿algún estadio, afección, xogadores?
A ver, o mellor é o noso, ver Riazor desde alí abaixo, toda a xente animando, é un espectáculo. Logo, os campos andaluces, Córdoba e Málaga, teñen moitos espectadores, ademais cantan o himno antes do partido. Tamén os do norte, Gijón ou Santander. Mesmamente nos partidos de Copa que xogamos contra Atlético e Mallorca, ver a Griezmann, Sorloth, Virgili ou Muriqi impresiona.

¿En qué che gusta invertir o teu pouco tempo libre?
Notei moito o cambio de 1RFEF a Segunda División, esta categoría é moi intensa e non tes tempo a case nada (risas). En vir ao pobo, estar coa familia, ver aos meus pais, irmán e amigos. E encántame o deporte, ti saes por As Pontes e sempre ves á xente facendo deporte. Aquí hai de todo, somos uns afortunados, tes desde padel, tenis, tiro con arco, hockei patíns, padle surf, podes ir en bici polo Lago e disfrutar da natureza…Creo que valoramos moi pouco o que temos. Son moi de facer rutas, ciclismo de montaña, a Bidegorri, subir pola Mourela, ir pola Vilavella, a Samurai, tamén ir ao ximnasio, crossfit, correr…Tódolos días teño que facer algo de deporte.
¿E que supón para un pontés cumprir anos en plenas festas?
Pois para min o día 18 é o mellor día do ano, comida coa familia, ademais coincide co cumpreanos da miña madriña (risas), cea cos amigos, que sabes que noutras fechas igual non, pero que nas festas vas a coincidir con casi todos eles. E como pontés cumprir anos en plenas festas é un orgullo, porque me identifico moito co pobo. No meu portátil teño de fondo de pantalla fotos do Lago, da cheminea, do pobo…e moita xente coa que traballo me pregunta, e eu dígolles “¿Non o coñeces? ¡É As Pontes, o mellor lugar de Galicia!” (risas)

(Risas). Pois moitas gracias Alex por esta hora e media, tan axetreado como andas, moita sorte nos últimos partidos e ogallá un pontés “xogando” en Primeira División.
Gracias a ti pola entrevista.
Nova cortesía Xose Ferreiro
Los comentarios están cerrados, pero trackbacks Y pingbacks están abiertos.