II TROFEO DE BALONCESTO FEMININO CONCELLO DE AS PONTES. BAXI FERROL 80 – DURÁN MAQUINARIA ENSINO LUGO 64.
Gran espectáculo o que se viviu onte á noite no Pavillón da Fraga entre dous equipos de Primeira División
O Baxi Ferrol conseguiu o Trofeo Concello das Pontes por segunda edición consecutiva tras gañar onte ao Ensino de Lugo por 80-64.
Aínda que, a diferenza do ano anterior, nesta ocasión o conxunto lucense, ascendido á máxima categoría, puxo en máis apretos ao de Carles Martínez.
Ambos os equipos chegaban con baixas ao encontro, Delgado e Cabrera polo cadro que hoxe vestía de vermello, e Traoré, Nyingifa e O´Dwyer polo que vestía de branco.
As de Juan Nécega estiveron máis acertadas no primeiro cuarto e marcháronse cunha vantaxe de 11-18, aínda que as ferrolás apretaron máis no segundo e alcanzaron o descanso con vantaxe de 37-27.
Estivo magnífico o conxunto departamental no terceiro cuarto, especialmente Chatilla, Amarah e Shelby, onde sentenciaron o encontro chegando a rozar os 30 puntos de diferenza.
Debido en parte tamén, á dependencia anotadora de Regina e Breedlove por parte dun Ensino que nos últimos instantes do definitivo cuarto recortou a desvantaxe ata os 16 puntos (80-64).
Ao remate do encontro entregaron os trofeos ó campion e subcampión, o Alcalde, Valentín González Formoso, e o Concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás.
Este ano recolleuno a lesionada Marina Delgado, en sustitución de Bea Sánchez que o fixera o ano anterior, xogadora que dende este sábado xogará o Mundial coa Selección Española en Tenerife.
Baxi Ferrol. Nicolette Fong (8), Ani Calvo (9), Natalia Rodríguez (7), Chatilla Van Grinsven (12), Shelby Cheslek (14) – Elin Gustavsson (6), Marta Miscenko (4), Amarah Coleman (16), Carmen Fernández (4), Paula García.
Ensino Lugo. Starr Breedlove (16), Jay Harriot (9), Regina Gómez (21), Laura Aliaga (5), Cherin Miller (4) – Rocío Varela (3), Claudia Calvelo (6), Sara Cuíña, Marina Canzobre.
Parciais: 11-18, 37-27, 65-43, 80-64.
Árbitro: Daniel Ramos, Cristian Martín, Adrián Iglesias.
Pavillón Municipal de A Fraga. Uns 250 espectadores.
Nova cortesía de Xose Ferreiro