Multitudinaria manifestación nas Pontes contra o peche do colexio Monte Caxado

Unhas 4.000 persoas de tódalas idades concentráronse á tarde na praza do Carme en protesta polo peche do colexio Monte Caxado

A multitudinaria concentración de hoxe –como sinalamos, máis de 4.000 persoas- trouxo á memoria de moitos as manifestacións dos traballadores de Endesa na década dos anos noventa.

Se ó mediodía había preto de dúas mil na praza do Carme, á tardiña ese número duplicábase, xa que á manifestación de máis de 2.000 persoas houbo que sumar outras tantas que a esperaban nun dos lugares máis emblemáticos, onde se atopa o capela da patroa da vila. O motivo era evidente, o rexeite e repulsa polo peche dun dos colexios máis significativos da comarca, un dos que conta con máis alumnos matriculados en infantil, primaria e secundaria e un dos que máis premios leva recibido nos seus 33 anos de historia.

A indignación, rabia e cabreo era patente en tódolos rostros dos nenos e nenas, profesorado, pais e nais e practicamente todo o pobo das Pontes. Sobre todo, de como se tomou a decisión da consellería de pechar unilateralmente o colexio un día antes de rematar o curso escolar, alegando “que é un cambio de denominación xurídico”, que a maioría non se cre, porque se pensa que máis ben é un asunto económico, reducir cartos sen pensar na calidade da educación dos nenos e nenas dos colexios afectados e sen falar e consensuar con ninguén.

Houbo que esperar á chegada das persoas (alcalde, concelleiros e representantes das Anpas dos centros afectados), que acudiron a unha xuntanza na consellería de educación ás cinco do serán. Nos seus rostros era evidente a decepción que traían da reunión co conselleiro, que se mantiña nos seus trece, o peche do Monte Caxado. Moitos manifestaban que “foi unha decisión política feita con premeditación, nocturnidade e aleivosía. Foi unha puñalada polas costas sen falar con ninguén. Así de claro”.

Tomou a palabra o alcalde, quen con bágoas nos ollos non puido rematar a súa intervención, sendo interrompido en varias ocasións polos aplausos dos asistentes, nos que tamén en moitos víanse as bágoas nos seus rostros.

Nun intre dixo que “…. as cousas suben e baixan. Fagamos que entre todos baixen”. Tamén manifestou “… xa quixeron pechar no seu día o que dá de comer ó pobo, non o conseguiron e tampouco conseguiran pechar este prestixioso colexio…. Voume desvivir por cambiar esta situación”.

Logo dixeron unhas palabras os representantes das Anpas dos colexios Monte Caxado e A Magdalena. O do Monte Caxado dixo que continuarán as manifestacións. Concretamente, a primeira será este domingo ás doce no lago de As Pontes, onde se celebra o Northwest Triman.

Rematou a concentración da tarde coa lectura do manifesto lido tamén na concentración do mediodía.

NON AO PECHE DO CPI MONTE CAXADO

O día 22 de Xuño de 2017, preto da hora de peche do xornada escolar, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia anunciou por sorpresa e pola costas, coma os covardes, a decisión do peche unilateral e inexplicable do centro educativo CPI Monte Caxado de As Pontes (A Coruña).

O Monte Caxado é o único CPI que existe na vila, o centro educativo con maior matrícula (262 alumnos e alumnas) e por riba, o que maior número de pequenos con necesidades educativas especiais ten nas súas aulas.

Na nota que a Xunta aos medios de prensa, alúdense varios motivos, a cada cal máis ridículo. Fala de “reorganización escolar” de “criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de xestión responsable dos recursos públicos. Iso si, “mantendo sempre a calidade no ensino” fachendean.

Non só vemos detrás desta decisión un argumento tristemente repetido nos últimos tempos: RECORTES EDUCATIVOS, PERDA DE DEREITOS E DETERIORO DA EDUCACIÓN PÚBLICA.

A comunidade educativa, o resto dos centros, e os veciños e veciñas das Pontes, coñecemos a terrible nova polos medios de comunicación. Vese que para a Xunta non merecemos máis consideración nin atención.

Este é o xeito de proceder dunha administración ruín, que organiza e decide afastada dos cidadáns, dos 262 alumnos do Monte Caxado, das súas familias e do claustro enteiro de profesorado.

Que toma decisións de xeito unilateral, que agarda a un día antes da chegada das vacacións estivais para facer público o peche e que prefire o conflito á negociación, a busca mediante o diálogo de solucións favorables e pactadas entre todos e todas.

Que entenden na Consellería de Educación, na Xunta por servizo público ?. Gobernemos para a xente pero sen a xente.

Que esta situación, entre outras, rachan co dereito de pais e nais á libre elección de centro, dereito recollido e regulado na lexislación vixente e que a administración impunemente conculca.

O peche dun colexio é unha mala nova sempre: un fracaso como sociedade.

A educación é un dos piares onde se sustentan as conquistas sociais de moitos séculos, o benestar que queremos como sociedade, o futuro para as vindeiras xeracións que temos a obriga de construír entre todos.

O que a Xunta non sabe é que a comunidade educativa do CPI Monte Caxado está unida para loitar contra esta decisión. E non estamos sós: outros colexios institucións públicas e privadas e os veciños das Pontes, faremos fronte común contra esta incomprensible decisión.

Primeiros foron caendo ciclos formativos, logo pecharon o BAC do IES Castro da Uz, agora pretenden pechar Monte Caxado …. que será o seguinte ?. cantos dos recursos educativos da nosa vila lle sobran á Xunta ?.

No mesmo día que eles anuncian peche nós dicimos alto e claro, para que o escoiten en San Caetano.

NON AO PECHE DO CPI MONTE CAXADO

As Pontes, 23 de xuño de 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios