Nota de prensa Máis Galiza: MOCIÓN PARA A PROMOCIÓN DO TURISMO NO CONCELLO DAS PONTES

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
É coñecido que o turismo é un enorme creador de riqueza, España concretamente é unha potencia neste servizo que aporta un 12 % do P.I.B. estatal, por iso todos os estados, países e concellos danlle tanta importancia a este sector. Existe un turismo distinto ao de sol e praia, no que priman factores como a paisaxe, a gastronomía, o patrimonio, a boa atención da xente, etc.
As Pontes é un concello no que ao longo do tempo primou o sector industrial, cousa razoable porque ten excelentes condicións para esta actividade, mais o sector primario estivo moi esquecido e o sector do turismo foi practicamente ignorado.
Cremos que neste tempo de falla de emprego e crise económica, dende o Concello débense potenciar absolutamente todos os nosos sectores, tendo sempre un trato exquisito co medio ambiente, e dentro deles, loxicamente o turismo.
A nosa vila ten moito que ofrecer: Paisaxes, como os canóns do Eume, o Monte Caxado, o punto máis alto e agreste da provincia da Coruña; roteiros como o Camiño dos Arrieiros; arqueoloxía, sobre todo o megalitismo, que nesta zona ten un extraordinario valor, é tamén os cruceiros, as capelas, os muíños, o casco vello; gastronomía, os mantecados, o mel, o requeixo; festas como a da Fraga.
Por riba podemos ofrecer un turismo que está en auxe, o chamado turismo industrial, coa cheminea, o parque de carbóns, as máquinas da mina, que son parte do nosos patrimonio e espertan a curiosidade das persoas que visitan a vila.
Neste aspecto, tanto o lago como a escombreira, ofrecen unhas posibilidades enormes sempre e cando se poñan en valor e se conte cun plan de xestión e usos adecuado.


Tendo en conta todo o anterior, fago a seguinte proposta.
ACORDOS
Elaborar documentación informativa diversa, tanto impresa como dixital, na que se amosen os lugares de interese do concello e as actividades que se poden realizar. Implicar neste proceso ás asociacións veciñais, culturais e deportivas, así como ao comercio e hostaleiría
Elaborar un Plan de Actuación a curto, medio e longo prazo no que se establezan estratexias, prioridades e accións encamiñadas á promoción turística do concello das Pontes
Facer unha campaña de concienciación sobre a importancia de manter en bo estado as edificacións, as rúas e outras propiedades tanto privadas como públicas, como elemento de valorización da nosa vila
Revalorizar o casco antigo da Vila, esixindo rigurosidade en calquera actuación que se faga e asesorando e implicándose nas axudas para a rehabilitación.
Realizar accións encamiñadas a recuperar os ríos, levando a cabo actuacións de limpeza e acondicionamento e restaurando os muíños e as pontes.
Sinalizar e coidar o noso patrimonio: medoñas, castros, cruceiros, igrexas, etc. Potenciar o museo etnográfico, buscándolle as instalacións máis adecuadas para que poda ser desfrutado polos veciños/as e visitantes. Expor nun lugar adecuado os restos arqueolóxicos
Encher de contido e difundir a Casa da Enerxía.
Poñer en funcionamento a Comisión de Patrimonio aprobada polo Pleno
Manter contactos con outras administracións para promover o sector turístico no concello
As Pontes, 27 de xuño de 2012
Asd: Jéssica Fernández Polo
AO ALCALDE-PRESIDENTE DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DAS PONTES

También podría gustarte
Comentarios