Nota de prensa do BNG: O PSOE IMPIDE DEBATER UNHA PROPOSTA DO BNG PARA O FOMENTO DO EMPREGO LOCAL

A moción nacionalista estaba dirixida aos desempregados sen prestacións e aos menores de 35 anos sen emprego anterior.
As Pontes, 11 de xaneiro de 2014.- No Pleno ordinario do mes de xaneiro, o grupo municipal do BNG presentou unha moción por urxencia, baseada nos últimos datos oficiais sobre desemprego e poboación nas Pontes, publicados na semana pasada, e que, para os nacionalistas, evidencian unha perda de habitantes, sobre de todo dos máis mozos, e un aumento das taxas de desmprego.
A proposta do BNG consistía na convocatoria de axudas ás empresas locais para sufragar a cota patronal da seguridade social correspondente a contratos de dous colectivos de desempregados prioritarios: os que non teñen prestacións e os que, con menos de 35 anos, aínda non tiveron emprego algún.
A moción foi apoiada polo PP, mais atopouse coa prepotente maioría absoluta do PSOE, a súa pasividade e a súa estratexia electoral do adoquinado; o voto en contra do goberno municipal impedíu a exposición e o debate da moción, limitándose o Alcalde a poñer en dúbida os datos oficiais e a xeneralizar a situación para fuxir dunha realidade recoñecida por todos os veciños e veciñas.
A situación sociolaboral das Pontes é o elemento fulcral da actuación política do BNG dende o comezo da lexislatura, tal e como estabelecerá no seu programa electoral. As medidas nacionalistas propostas, que só se poden presentar nos Plenos ordinarios que se celebran de cada dous meses –por imposición do PSOE-, son sistematicamente rexeitadas polo grupo de goberno, que, por outra banda, non executa alternativa algunha.
En definitiva, un goberno municipal que, manexando con liberdade máis de 4MЄ cada ano, nen fai nen deixa facer, gastando os cartos no seu empeño de vender unha realidade virtual con festas, actos lúdicos e adoquinados electoralistas que tratan de esconder os verdadeiros problemas, atendidos tan só de xeito parcial, individual e caciquil, cun interés electoral.


D. Francisco da Silva Vello, na súa condición de portavoz do Grupo Político Municipal do BNG no Concello das Pontes, e na súa representación, presenta a seguinte
MOCIÓN PARA A CREACIÓN DE AXUDAS MUNICIPAIS PARA O FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE COLECTIVOS PRIORITARIOS.
O grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. Elaborar as bases, tramitar o procedemento interno e convocar, antes do 1 de maio, axudas dirixidas a empresas con centros de traballo nas Pontes, destinadas á contratación laboral de desempregados/as da localidade, por unha cantidade equivalente á cota empresarial da seguridade social (23,6% de continxencias comúns; 6,7% de despedimento; 0,20% do Fondo de Garantía Salarial; e 0,6% da formación), cos seguintes requirimentos:
a. os colectivos prioritarios obxecto da contratación deberán ser os de desempregados/as sen prestacións e os de menores de 35 anos na procura do seu primeiro emprego, todos eles cun mínimo de seis meses de empadroamento nas Pontes;
b. a duración mínima do contrato deberá ser dun ano, e para postos de traballo de nova creación ou vacantes dende, como mínimo, seis meses;
c. os salarios deberán ser os estabelecidos nos convenios colectivos do sector.
2. Comprometer para as meritadas axudas un mínimo do 25% do Remanente de Tesourería do exercicio 2013, para o que se tramitará o correspondente expediente de créditos unha vez recoñecido o mesmo.
3. Facultar ao Alcalde para o desenvolvemento, de ser o caso, dos presentes acordos.
As Pontes, 09 de xaneiro de 2013
O PORTAVOZ DO G.P.M. DO BNG
Asdo.: Francisco da Silva Vello
SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DAS PONTES.

También podría gustarte
Comentarios