Novas miradas cara un patrimonio industrial común

O pobo de Konin recibe o Proxecto Rotopala cunha gran acollida das institucións. A novidade e orixinalidade da iniciativa chama a atención aos anfitrións polacos, que ven na transformación que está a sufrir o pobo das Pontes o seu posible futuro a medio prazo.
A través desta proposta créase un espazo de reflexión e creación de cara a coñecer dúas realidades parecidas empregando o video como ferramenta. Ambas zonas están atravesando diferentes fases do mesmo proceso (desenvolvemento no caso de Konin, e reconversión no caso pontés) o que permite extraer similitudes e diferenzas entre estes dous enclaves mineiros.
O Proxecto Rotopala é promovido dende As Pontes pola PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES e recibido en Konin pola KDK (Casa da Cultura de Konin) a través do Amatorski Klub Filmowy “Muza” (Club de Cineastas Aficcionados, “Muza”) dirixido por Andrzej Mós. A financiación ven dada polo Programa Xuventude en Acción, unha iniciativa da Unión Europea a través do Injuve.


As responsables deste proxecto: Sabela Pernas Soto, Sol Álvarez Soto e Ana Seijo Cuba actúan como embaixadoras ao levar a experiencia realizada nas Pontes do 6 ao 17 de Agosto que tivo como resultado cinco creacións audiovisuais que ao ser finalizadas en Konin convertiranse en produccións internacionais de autoría compartida.
Nestes primeiros días estase a facer o visionado dos traballos e posta en común das ideas, esta fase de preproducción finalizará coa visita á mina prevista para o martes día 4 cando dará comezo a rodaxe das produccións polacas. Un dos aspectos que está a resultar máis interesante é a proposta por parte dos polacos de crear un intercambio dos materias de arquivo de ambas vilas, creando un fondo fílmico que poderá ser empregado en proxectos futuros.
O obxectivo do proxecto é que a xuventude consiga ver doutra forma a súa paisaxe máis cercana e cotiá permitindo reflexionar e poñer en valor o patrimonio industrial das súas vilas.

También podría gustarte
Comentarios