A paixón pola literatura é o seu nexo de unión. Pero a súa lectura non se queda no silencio dunha habitación ó rematar as páxinas dun libro. O seu obxectivo é disfrutar do pracer de compartir letras e poñelas en común.
[El Progreso, por Cristina Arias] Un grupo de vinte persoas das Pontes participan dende hai un ano no club de lectura, organizado pola biblioteca municipal e maila do IES Moncho Valcarce. A súa forma de traballo é sinxela: cada mes elixen unha obra e, unha vez rematada, reúnense tódolos membros para comentala, compartir opinións, falar da historia que pretende transmitir, do estilo do autor… nunha conversa entre compañeiros interesados no mundo da literatura.
«O grupo funciona ben, non é moi numeroso pero a xente que vén é constante. Un grupo fiel, de afeccionados. A literatura non é unha actividade maioritaria e o club tampouco funcionaría se estivese masificado», explica a responsable da biblioteca Anabel Alonso, unha das promotoras do grupo de lectura local, xunto a Encarna Domínguez, mestra no Moncho Valcarce.
A iniciativa non é a primeira vez que se realiza nas Pontes. «Foi unha actividade que xa se fixo hai anos, pero que se deixou a un lado. Agora recuperámolo», indica a responsable da biblioteca, que explica que o club está aberto a calquera que queira participar.
«Escollemos unha obra para ler entre os libros das dúas bibliotecas, para que os membros poidan ter acceso ó exemplar, aínda que algúns o compran e damos un marxe dun mes máis ou menos para facer a reunión, aínda que o tempo depende do volume do libro», explica Anabel Alonso, que asegura que «non costa moito escoller os libros, porque hai tanta literatura interesante que ler que non hai problema».
As tertulias dos membros do club celébranse sempre na biblioteca, a partir das 20.00 horas, momento no que pecha as portas ó público. Aparte de comentar os libros, ás veces, fan actividades complementarias e nalgunhas ocasións convidán ó propio autor para que mostre a súa perspectiva da obra. Así, xa pasaron por As Pontes Teresa Moure, Anxos Sumai ou Santiago Jaureguizar.
Libros
Ata o de agora, os membros do club de lectura sumerxíronse nas letras de Teresa Moure, en Herba Moura; nas verbas de Philip Roth a través de La mancha humana; nas de Anxos Sumai con Así nacen as baleas; con Santiago Jaureguízar achegáronse a Cabaret Voltaire; leron Si me necesitas, llámame, de Raymond Carver; La elegancia del erizo, de Muriel Barbery; Lo bello y lo triste, una novela del escritor japonés Yasunari Kawabata; Made in Galicia, de Séchu Sende, e Debería caérsete la cara de vergüenza, de Sergi Pàmies. A proposta para a próxima lectura é Balzac y la joven costurera china, de Dai Sijie.