PREFERENTE NORTE. BOIMORTO CF 3 – CD AS PONTES 2

O As Pontes perde a imbatibilidade nun encontro con algúns erros, dous golazos de Nieto, tres postes, un dubidoso gol anulado, e un expulsado

O As Pontes quedou sen récord na tarde de hoxe, e o que é peor, perdeu a imbatibilidade, contra un equipo da zona media. O encontro tivo dúas partes ben diferenciadas, unha primeira para esquecer, e unha segunda inmellorable xogando cun home menos.

O partido comezou da peor maneira posible, cando por banda dereita se vai moi fácil Sergio de Ramos, fai un centro chut, e escapaselle o balón a Paco conseguindo o primeiro (3´). Pero tras unha maxistral xogada de Carlos, que se desfai de varios rivais, dalle o balón a Sergio Trillo, que bate moi ben por baixo ao porteiro local establecendo a igualada (7´).

O propio Sergio cabecea un balón por alto (10´), e pouco despois, gran ocasión dos ponteses, tras un despexe do lateral dereito Jorge que vai ao pau (16´). Pero, volveuse a marchar só o local Sergio por banda dereita, centra, e remata con moito ímpetu de cabeza Nieto anotando o segundo por alto (20´).

Preto do descanso outra ocasión do As Pontes, na que Sánchez cabecea ó poste e logo no rexeite a porta baleira é Dani quen marca, pero o árbitro anulao (36´). Pero chegou outro mazazo, tras unha falta de Sergio en terreo local, os vermellos aproveitaron moi ben o recurso do balón parado, controlando co peito Nieto e marcando polo escuadro o terceiro á reviravolta (43´).

Notaban os azuis a ausencia do mariscal Rego no centro da zaga e do revulsivo de Ortigueira no ataque, pero saiu a polo gol o As Pontes no reinicio e Dani tivo unha boa opción pero pasou o balón en lugar de tirar (47´), aínda que puido volver a anotar o cadro local tras unha xogada de estratexia que case consigue rematar Oli libre de marca (53´).

Poñíanselle as cousas imposibles os azuis cando se marchaba Figurín cara a porta i é derrubado por Martín quedando cun home menos (54´). E case sentenciou pouco despois o mesmo xogador tras quedar só e salvar Paco (56´).

Apareceu algo de esperanza, cando, tras un centro de Ramos, é Carlos quen cabecea axustado ó pau e o balón vai paseniño, e cando o atrapa Manu xa entrara pola liña (58´). Cun home menos o As Pontes deu máis das súas posibilidades. Carlos quedou só por banda esquerda e rematou a rentes do pau (71´), e dende fóra da área, Ramos mandou un balón bombeado ó longueiro (77´).

Os últimos minutos foron un toma e daca. No desconto puideron marcar Andrés e Gonzalo polos locais, e polo As Pontes Dani, tras un gran servicio de Josiño (91´), Carlos, nun balón que se lle escapa a Manu pero acaba atallando, e cun último remate de Josiño preto do poste rematou o encontro (94´).

Triste derrota, nunha xornada na que os dous equipos invictos caeron, sendo máis excusable a derrota da Sarriana na casa do favorito Noia, o gran triunfador desta duodécima xornada. Próximo partido no Poboado, toca voltar á senda da vitoria contra o Xallas de Santa Comba. A destacar, nun día de bagoas, o debut do xuvenil Breijo.

Boimorto CF. Manu, Jorge, Luisito, Joseba, Oli, Monterroso, Luismi, Sergio (Gonzalo 72´), Nieto (Borja Casal 75´), Maikel (Andrés 61´), Figurín.

CD As Pontes. Paco, Martín, Ramos, Sánchez, Dani, Adrián, Erni (Breijo 45´), Bossa (Toni 77´), Quique (Fidi 45´), Carlos, Sergio (Josiño 77´).

Goles: 1-0, Sergio (3´), 1-1, Sergio Trillo (7´), 2-1, Nieto (20´), 3-1, Nieto (43´). 3-2, Carlos (58´).

Árbitro: Amine Alaoui Soulimani. Auxliado por Martínez Barral e Blanco Ameijeiras. Amarelas a Oli, Monterroso, Sergio Trillo, Adrián, Josiño. Expulsou con vermello directo a Martín (54´).

Campo e incidencias. O Carballal. Uns 200 espectadores en tarde con moita chuvia e néboa.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios