PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 3 – SD SOFÁN 1
O As Pontes logra igualar o récord con dous goles no desconto
O As Pontes conseguiu salvar o récord, igualou as once vitorias da 1994-95, con dous goles no desconto nun triunfo moi sufrido 3-1 ante o Sofán.
Antes de nada quixeramos resaltar un dato que se nos pasou comentar o domingo, o do porteiro Paco, que estivo imbatido dende a terceira xornada, minuto 24, do Arzúa-As Pontes, en que encaixou un penalti do pichichi Íker Hurtado, ata a décima xornada, minuto 44, do Montañeros-As Pontes, en que Javi Suso marcou o empate para os herculinos.
Entremedias, en seis partidos completos non recibiu ningún gol, si ben, no minuto 53 do encontro da quinta xornada contra o San Tirso (6-0), fora sustituido por Pelayo, así que en total, o porteiro ferrolán estivo imbatido durante 613 minutos.
Non existen moitos datos de rexistros de porteiros, pero si se sabe dun récord, o do porteiro bilbaíno Yosu, que na campaña 1986-87, en que o As Pontes ascendera a Segunda B, estivera a frioleira de 863 minutos sen encaixar ningún gol, nos partidos ligueiros disputados no Poboado.
Tratado o tema de Paco, no seu momento realizaremos unha reportaxe sobre as mellores rachas do CD As Pontes, dado que a actual aínda sigue vixente, e ímonos centrar no Boimorto. Xa no partido de hoxe, o As Pontes sufriu moito ante o equipo de Carballo nun encontro no que calquera dos dous se puido levar o gato á auga.
De feito o primeiro período foi de dominio alterno. Pelayo, hoxe titular, tivo que intervir nunha falta botada por Eibe (5´), nun remate dentro da área do mesmo xogador (11´), e tras un disparo de Alexandre (25´).
O As Pontes tentabao pero non daba chegado con claridade ata que nunha boa xogada de Erni, o seu disparo despexao a córner Rumbo (27´). Toni dispara con dirección a gol e desvía Camilo (28´), e unha falta lanzada por Bossa marcha preto do escuadro (30´).
Voltaban a avisar os visitantes cun remate de Rey a rentes do pau (33´), ata que preto do descanso é Ramos quen centra dende banda esquerda e cabecea Dani ó fondo das mallas (42´). Pero non durou moito a ledicia pois aos poucos segundos do reinicio estivo algo despistado o equipo local concedendo unha falta ó borde da área na que marcou Eibe (46´).
De ahí ó remate do encontro o As Pontes buscou o tanto da vitoria con pouco acerto, notase o desequilibrio que aporta o tanque de Ortigueira, e un Sofán que prantexou moi ben o partido estratéxicamente aguantaba atrás buscando as contras.
Bossa tentouno dende o medio do campo e o balón marchou por pouco (68´). Trillo remata a rentes do pau (79´) e Martín internase por banda esquerda pero en boa posición remata moi desviado (87´).
Cando se comezaba a asimilar o empate, nunha boa xogada de Carlos, é derrubado o xusto Sergio sobre a mesma liña que delimita a área, sendo expulsado tamén na mesma xogada Antonio. Non lle temblou o pulso ao Mago de Viveiro que anotaba o penalti (90´).
Xa co cadro visitante volcado ó ataque, puido voltar a marcar Bossa un minuto despois. Quen si o fixo foi Carlos, que regateou ó porteiro e marcou a porta baleira o 3-1 definitivo para un As Pontes que suma 33 puntos, por 31 dunha infatigable Sarriana, pero con nove sobre o Noia. Próxima visita ao complicado Boimorto que hoxe gañou 1-3 en Arzúa.
CD As Pontes. Pelayo, Criado (Martín 60´), Ramos, Rego, Sánchez, Dani, Adrián, Bossa, Erni (Carlos 60´), Fidi, Toni (Sergio 66´).
SD Sofán. Rumbo, Antonio, Félix, Rey (Rubén 66´), Raúl (Juan 58´), Pablo, Canedo, Jonathan (Matías 52´), Alexandre (Moreno 82´), Eibe, Camilo.
Goles: 1-0, Dani (42´). 1-1, Eibe (46´), 2-1, Bossa, de penalti (90´), 3-1, Carlos (93´).
Árbitro: Alberto Rey Molano. Auxiliado por Botana Rey e Vilas Lorenzo. Amarelas a Dani, Adrián, Bossa, Rey, Jonathan, Alexandre. Expulsou con vermello directo a Antonio (90´), e anteriormente ó adestrador visitante.
Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Máis de 100 espectadores en tarde chuviosa.
Nova cortesía de Xose Ferreiro