Presentación do disco de Manuel Castro, ‘Freixo’
Texto recollido do diario El Progreso.O disco, gravado o 5 de xuño no conservatorio das Pontes por Paco Jarel, está composto por 21 temas, entre muiñeiras, pasodobres, valses, xotas e rumbas, e un último con comentarios gravados do propio Freixo. Nas cancións, o gaiteiro toca acompañado da percusión de Aurora Maceira e Hugo Arias, quen tamén pon a voz a un dos temas e quen se encargou do deseño do disco.
«Témola obriga de rescatar parte do repertorio de Freixo e de rendirlle un merecido homenaxe facendo posible esta gravación para a historia musical da vila, construíndo un anaco máis do país e da súa propia historia e tradición», explican os organizadores desta gravación, Manolo Lamas e Bieito Rivas, que aseguran que Freixo recibiu o disco nas súas mans «coa ilusión dun rapaz».
Este traballo discográfico, do que se poñerán á venda 500 copias por cinco euros cada unha, será presentado ó público o día 15 deste mes ás 19.00 horas na Casa Dopeso. No acto, ademais do artista principal, estará tamén o dúo Bicarelo.
Un gaiteiro pontés grava o primeiro disco aos 92 anos
Leva máis de 79 anos coa gaita debaixo do brazo, amenizando festas, foliadas e romarías alí por onde pasa, e agora, aos seus 92 anos, acaba de cumprir un soño, gravar o seu primeiro disco «sen anestesia, en menos de dúas horas e en directo».
Manuel Vicente Castro, máis coñecido como Freixo, é o gaiteiro en activo máis maior de Galicia e, tal e como el subliña, ten pilas para rato. «Seguirei a tocar mentres non fallen as pernas», comenta sempre este gaiteiro, que asegura que co paso dos anos perde oído, pero nunca ganas.
Ós dez anos, Freixo comezou a súa andaina no mundo da música tradicional galega cunha frauta de madeira feita por el mesmo e iniciou unha viaxe de ida sen retorno polo mundo dos ritmos. De maneira autodidacta, sen mestre nin teorías, Freixo colleu a súa gaita e xa non a soltou. Comezou a facer o aguinaldo de pobo en pobo co seu irmán e unhas rapazas e, durante o servizo militar, foi nomeado Gaiteiro Oficial do Batallón. Cando rematou, seguiu pegado á súa gaita, apretando o fol para marcar o ritmo de tódalas verbenas.
Nos 50, con Grandal, Fragachá e O Portugués, formou a agrupación Os Ponteses, que axiña conseguiu fama, ata ter actuacións tódalas fins de semana. Ademais, formou parte da Charanga Palla Mollada, do barrio pontés das Campeiras, e doutras agrupacións, e agora, sen unha formación, segue a ser un clásico das foliadas e das reunións de gaiteiros ponteses.
Nos últimos anos, e despois de percorrer Galicia enteira e recibir «centos de aplausos», Freixo compartiu escenario con deceas de músicos e foi gañando recoñecemento co paso do tempo. Os gaiteiros ponteses dedicáronlle a Repichoca do 2007 e os músicos das Pontes decidiron rendirlle tributo no 2010 en Santa Icía, en recoñecemento á súa longa traxectoria musical. Agora, chegou o último agasallo, o tan desexado disco, da man de amigos e músicos que mesmo organizaron unha comida para recaudar fondos para cumprirlle o seu desexo .