PRIMEIRA NEVADA DO ANO NAS PONTES
O concello das Pontes apareceu hoxe cun manto branco de neve que nalgúns lugares chegou ós vinte centímetros, dificultando a circulación en varias estradas que atravesan o concello, como a que vai a Ortigueira á altura do Monte Caxado e na autovía Ferrol-Vilalba despois do viaducto do Eume, nas que onte tamén rexistraron problemas para o tráfico rodado.
A primeira hora da mañá os termómetros rexistraban -2ºC e ó longo do día non pasaron dos cinco graos.
Tamén houbo dificultades para acceder ós polígonos industriais de Penapurreira e Os Airíos e na estrada de Pontedeume ó seu paso por Goente. A propia vila pontesa apareceu totalmente nevada e había dificultades para o tráfico rodado e incluso para os peóns, debido ó xeo. Os accesos a moitos lugares do concello, principlamente das parroquias do norte (Somede, Freixo e Deveso), foi complicado ó longo do día. Foi necesario o uso de cadeas para transitar polas estradas do concello. Coa chegada deste temporal de neve os que máis gozaron foron os nenos.
Dende onte o concello pontés montou un dispositivo con máis de trinta efectivos de membros do Grumir e de Protección Civil. Moitos veciños comentaban que había moito tempo que non se vira unha nevada tan grande como a de hoxe e ó longo do día foron moitos os visitantes que se achegaron ás zonas altas do concello, principalmente ó Monte Caxado.
Nova cortesía de A.F.