Primeira xornada de debate sobre os usos futuros do lago de ENDESA

[RTVi-As Pontes] Mañá ás sete e media do serán a Casa Dopeso, nas Pontes, acolle a primeira xornada de debate sobre os usos futuros do lago de Endesa.
E despois da mina….¿que e como?
O principal poñente, Paul Quilés, foi ministro do interior e defensa no gabinete de Françoise Mitterrand.


E despóis da mina…¿que e como?. Esa é a pregunta que se formula o Concello das Pontes despois de que Endesa dése a coñece-lo seu proxecto de asolaga-la explotación a ceo aberto para convertela no maior lago artificial de Europa. En principio a idea da empresa eléctrica é enche-lo oco da mina, restaura-los taludes e continuar coa reforestación da escombreira exterior. Despois deste proceso, que duraría desde o 2008 ata o 2013, a Xunta faríase cargo da zona coma se fose unha área natural máis. Sen embargo, o Concello considera que a recuperación ambiental debe ir acompañada dun programa que contemple as infraestructuras necesarias para dárlle un uso lúdico, cultural e, sobre todo, sostible desde o punto de vista do seu mantemento e da xeración de emprego nas Pontes. Esta premisa fixo que desde hai algún tempo a Concellería de Urbanismo e Desenvolvemento Sostible comezase a preparar un completo programa de ponencias e charlas para achegar experiencias nesta mesma liña doutras partes do mundo. A primeira destas xornadas celebrarase mañá xoves, día 10 de xuño, ás sete e media da tarde na Casa Dopeso. Ese día, Paul Quilés, ministro francés durante a época Mitterrand, falará sobre o proxecto levado a cabo de Cap´Découverte.
Algo de historia
Que nas Pontes hai carbón, é algo que se sabe desde hai séculos. Sen embargo non foi ata o XVIII cando se publicou o primeiro estudio xeolóxico máis ou menos serio no que se apuntaba a riqueza en lignito desta zona. Desde a idade media, o carbón das pontes só se utilizaba nas pequenas ferrerías que salferían as ribeiras do Eume.
Pero o primeiro intento de explotación comercial produciuse a comezos do século XX, da man de Ellis Henry Thomas, máis coñecido como Don Eliseo o Inglés. Un enxeñeiro que chegou a España a finais do dezanove e que emprendeu a escavación e o transporte do carbón cara ó arsenal de Ferrol. A cousa non pasaría daí ata a chegada da ENCASO primeiro coa instalación da primeira central térmica de 32 megavátios.
A tecnoloxía da época, que botaría funcionando case trinta anos, iniciou o furado da mina a grande escala na zona do Portorroibo.
Xa na década dos 70, a construcción da central de Endesa As Pontes levou aparellada unha reconversión nos sistemas de explotación acorde coas demandas de enerxía dun país con máis poboación e tamén con máis necesidades enerxéticas.
Eran os comezos do complexo mineiro eléctrico tal e como hoxe o coñecemos. Desde o 1975 ata a actualidade, a actividade extractiva provocou un burato de case seis quilómetros de longo por dous de ancho e unha profundidade media de 200 metros. Del lévanse sacado máis de oitocentos millóns de toneladas de materiais, entre carbón, arxila e pizarras.
Sen embargo a mina como fonte de carbón para a central toca ó seu fin. A futura reconversión completa a carbón importado da central, as esixencias ambientais do protocolo de kyoto e a inviabilidade económica de continuar escavando marcaron xa a data de remate da actividade mineira. Hai poucos meses Endesa presentou a súa idea de recuperación ambiental de toda a zona.
A recuperación ambiental
Na escombreira exterior xa se leva avanzado moito con reforestacións e coa creación de chans nos que sexa posible o desenvolvemento da vida vexetal e animal. Sen embargo o que se quere facer no oco da mina é outro cantar. O proxecto de Endesa prevé enche-la maior parte da cunca mineira con auga do Eume para crea-lo lago artificial máis grande de Europa. Un proceso que se iniciará no 2008 e que remataría, se todo vai ben no 2012.
Segundo os técnicos de Endesa esta parece se-la mellor opción para garantir unha recuperación ambiental sostible. Sen embargo, esta solución tamén dá pé á pregunta de ¿qué vai pasar despois co lago?. En principio o compromiso expresado por Endesa é o de rehabilita-la zona e facerlle un seguemento durante varios anos desde o punto de vista bioquímico e edafolóxico. Despois cederíaselle á Xunta para que a xestionase coma calquera área natural da comunidade.
Sen embargo, non hai ningún documento que contemple a posibilidade de dárlle vida á zona por medio da súa explotación turística e cultural. Segundo Francisco Da Silva, Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “non hai ningún proxecto de sostenibilidade, só existe un plano técnico ambiental que non recolle o posible uso lúdico e cultural da área nin tampouco a creación de riqueza e emprego ligada a ese uso”
O futuro do lago, a debate
A necesidade de que se planifique un futuro sostible para o lago e o seu contorno é un asunto de vital importancia para o Concello. Por iso o ente municipal decidiu promover unha serie de charlas e poñencias que conciencien á sociedade das Pontes e doutros concellos e que tamén provoquen un debate sobre cales deben se-los usos do lago. Da Silva indicou que “este é o momento de comezar coa planificación xa que estamos a piques de comezar coa redacción do ordeamento municipal e cómpre ter en conta unha superficie tan inmensa coma a do lago e o seu contorno, onde poden levarse adiante iniciativas que combinen a conservación da zona coa xeración de emprego”
A primeira das xornadas sobre os usos futuros do lago será mañá ás sete e media da tarde na casa Dopeso. Os convidados son varios dos responsables do proxecto de Cap´Découverte, en Francia. Á cabeza da delegación estará Paul Quilés, que foi ministro do interior e de defensa durante a era Mitterrand. Este home, de 62 anos encargouse de promover un proxecto único en Europa, consistente na recuperación para usos deportivos e culturais dunha cunca mineira semellante á das Pontes.
Cap´Découverte conta con museos da memoria nos que se pode ve-la evolución da minería na zona, tamén posúe áreas recreativas, museos, teatros e outras instalacións que converten a zona nun auténtico parque temático con tódolos servicios que se esperan dun centro turístico.
Sobra dicir que toda a infraestructura está soportada e xestionada por xente da zona, de tal maneira que a sostenibilidade ambiental e maila económica van íntimamente ligadas. Coñecer a fondo cómo se xestou todo o proxecto, que tivo un investimento próximo ós 65 millóns de euros, é o obxectivo principal que se marcou o Concello á hora de convidar ós responsables de Cap´Découverte. “Queremos ver experiencias doutras zonas do Estado e tamén do resto do mundo, non para copialas senón para ver que procedementos seguiron para chegar a onde están e para facernos unha idea de que apostas de futuro formularon. Ademais, fai falla unha aposta política a nivel do Estado, autonómico e local tal e como se fixo en Découverte onde o Ministro Paul Quilés tomou como algo persoal un proxecto que hoxe é referencia obrigada en toda Europa” afirmou esta mañá o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible.
Paul Quilés virá acompañado de Jean-Jacques Gardelles, que é o Director Xeral de Cap´Découverte, e tamén por Bernard Jiménez, Director da Oficina de Turismo. Ás dúas da tarde está prevista unha recepción oficial no Concello por parte dos membros da Corporación. Cara ás catro, a delegación francesa visitará a mina e maila escombreira de Endesa e, xa ás sete e media, na Casa Dopeso iniciaranse as poñencias dos tres convidados. En calquera caso, a esta primeira xornada sobre a recuperación sostible do entorno da mina, xa confirmaron a súa asistencia a Dirección Xeral de Industria, a Consellería de Cultura, a Dirección Xeral de Turismo e a Dirección Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental. Tamén estarán presentes as universidades de Santiago e A Coruña, Euroeume, os alcaldes da comarca, o CIT Eumeturismo e, por suposto, Endesa.
aspontes.org

También podría gustarte
Comentarios