Solicitude BNG As Pontes

D. Xaime Castro Paz, na súa condición de portavoz do Grupo Político Municipal do BNG no Concello das Pontes,
E X P Ó N
Que dende o mes de agosto estanse a realizar traballos de aparente magnitude nos xardíns municipais, equipamento emblemático e dos máis importantes no ámbito do ocio e tempo libre do noso concello, cunha idade que supera os trinta anos.
Que o proxecto da obra e o procedemento de contratación non foron informados, estudados ou consultados en nengunha das Comisións ou Órganos do Concello nos que participe o Grupo Político Municipal do BNG, e non foron expostos ao público.
Que despois de varios intentos fallidos por consultar o proxecto que se está a executar, o Grupo Político Municipal do BNG tratou o tema durante a sesión ordinaria do Pleno do Concello do xoves, 4 de setembro, no punto de “Rogos e Preguntas”, non obtendo información e/ou explicación algunha por parte do Goberno Municipal do PSOE, quen tampouco se comprometeu a convocar unha Comisión Informativa.


Polo que, diante da ausencia de información e do impedimento á participación, do secreto e silenzo dos responsabeis municipais, tendo en conta a importancia da zona de actuación, e coa finalidade de dar a coñecer o proxecto ao conxunto da poboación, propietaria e usuaria dos xardíns, e posibilitar a realización de aportacións e/ou suxestións que poidan mellorar o proxecto evitando, na medida do posíbel, erros irreversibeis,
S O L I C I T A
1º.- Que o Alcalde ordene abrir un período de exposición pública con copias dos proxectos en edificios públicos (Concello, Biblioteca, Casa Dopeso, …), cun horario de consulta amplo, e nos locais de tódalas Asociacións (Culturais, Deportivas, Medioambientais, Sociais, Veciñais, …).
2º.- Que o Alcalde proceda a convocar, de xeito urxente, tódolos Consellos Locais de participación veciñal constituídos no Concello.
3º.- Que o Alcalde dispoña os medios (humanos, técnicos e materiais) necesarios para recibir e estudar as aportacións e/ou suxestións.
As Pontes, 04 de setembro de 2008
O PORTAVOZ DO BNG
Asdo.: Xaime Castro Paz

También podría gustarte
Comentarios