As Pontes e Silva iniciaban este domingo o ano e a segunda volta, e o equipo coruñés logrou unha cómoda vitoria por 0-3, o seu terceiro triunfo da tempada.
Rapidamente adiantábanse no marcador os herculinos, tras un remate de Fabio desde o borde da área que se coaba pola escadra tras pegar na cruceta (7´), e pouco despois era o mesmo xogador quen tras regatear a varios defensas locais plántase ante Paco, tira, e a pesar de desviar lixeiramente o gardameta ferrolán o balón termina entrando (14´), conseguindo o 0-2 apenas cumprido un cuarto de hora de partido.
Apenas reiniciado o duelo tralo descanso era Jacobo quen se marchaba completamente só, e ante a saída de Paco cedíalla ao seu compañeiro, o mítico dianteiro Rubén Rivera, que marcou a pracer a portería baleira (46´), logrando a sentenza con todo o segundo tempo por diante, nun encontro que foi de pleno dominio do equipo visitante, no que á marxe dos tres goles apenas cabe resaltar algunha intervención de mérito do gardameta local.
Quinto partido oficial entre ambos equipos en O Poboado, triunfos locais, 3-1 (2014-15), 1-0 (2015-16), empate 0-0 a campaña pasada, e vitorias visitantes, 0-2 (2016-17), e esta, 0-3.
O As Pontes, que apenas leva un punto dos últimos quince disputados, segue antepenúltimo con 9 puntos antes de visitar a complicada cancha do Arzúa.
0 CD As Pontes. Paco, Berto (Pardo 46´), Pajaro, Dani, Mitogo, Gonzalo, Artai (Edgar 61´), Pita (David 46´), Del Río (Quique 53´), Adrián, Iñaki (Breijo 61´).
3 SD Silva. Damián, Jacobo, Fiuza, Souto (Dye 72´), Joao (Lema 46´), Rubén Rivera (Joni 77´), Manuel, Prieto (Kata 46´), Antonio, Fabio (Geri 81´), Callón.
Goles. 0-1, Fabio (7´), 0-2, Fabio (14´). 0-3, Rubén Rivera (46´).
Árbitro: David Pereira Ferreiro (Lugo). Auxiliado por López Bermúdez e Adán Gallego. Amarelas a Dani, Adrián, Pardo, Kata e Joni.
Incidencias: Campo de O Poboado. Uns 100 espectadores en tarde moi fría.
Nova cortesía de Xose Ferreiro