Segunda derrota consecutiva do As Pontes nun Poboado que aínda non coñece o que é puntuar na casa no retorno á Terceira División.
Tras unha gran acción de Pardo que se pranta só, pero salva Táboas (3´), nunha infracción a Cambón, marca Carlos de penalti (7´). Pero a raíz de aí o Arousa botouse cara arriba, amosando os seus galóns de equipo grande da Terceira, embotellando ao As Pontes.
Tras un bo centro ao que non alcanza a despexar de cabeza no salto Dani, só dentro da área dispara Pedro Beda e empata de tiro cruzado (36´). Pouco despois nunha xogada de banda a banda acaba marcando só na área pequena Raúl (38´).
E gracias, porque antes do descanso, Raúl fai unha vaselina que se vai por pouco por riba do longueiro (42´), e sobre todo Beda vaise de David Pajaro, fai o pase da morte cara atrás e ata por dúas veces estivo salvador Paco ante Rober (43´).
No inicio do segundo período seguía a mesma tónica de dominio por parte dos de Vilagarcía. Polo hábito local de xogar tódolos balóns arriscando dende atrás, grave erro de Paco, que lle entrega o balón a Raúl, este cede a Pedro Beda que dispara con todo a favor, e Dani salvador saca baixo paus (57´). Nun balón morto dentro da area volta a despexar Paco a tiro de Beda (60´).
Non finiquitou o Arousa, e o As Pontes tivo boas aproximacións, chilena de Pardo (62´), volea de Carlos (64´), ata que nunha contra Alex fai un centro chut dende banda esquerda, despexa Táboas e atento está Carlos para cazar o balón e mandalo ao fondo da rede (69´).
Pero pouco durou a ledicia pois tras non despexar un balón que lle rouban a Fidi preto do bandeirín de córner, finaliza en centro do equipo visitante, que peitea de cabeza Manu, e acaba marcando de tiro cruzado Rober chegando só ao segundo pau (73´).
Foi o As Pontes a polo empate e nunha acción dentro da área Pardo recibe un puntapé, anotando Carlos o seu particular e desgraciadamente estéril hat trick dende o punto fatídico (81´), xogada na que ademáis era expulsado Pacheco por doble amonestación.
Aínda cun menos achegabanse os de Vilagarcía, e tras un disparo de Cisso de primeiras, saca Paco como pode con unha man (86´), ao que respostou Pardo cunha cabalgada e un remate que marcha lamendo o pau (90´).
Foi o cadro arlequinado o que máis buscou o gol no tempo de desconto, e tras un córner, na enésima ocasión na que un futbolista visitante chegaba só ao segundo pau por banda esquerda, volve a marcar Pedro Beda na acción que puxo fin ao partido (93´), quedando atónita a parroquia local.
Segunda xornada caseira consecutiva na que o cadro local non consigue puntuar xogando contra dez, e o Arousa logra a novena vitoria no Poboado, por sete empates e cinco derrotas. Partido clave contra un rival directo pola salvación e de ingrato recordo como é o Pontellas.
CD As Pontes.Paco, David Pajaro, Alex, Rivas, Cambón (Dani Pajaro 46´), Dani, Quique, Gonzalo, Carlos, Fidi, Pardo.
Arousa SC.Manu Táboas, Adrián, Coti, Pacheco, Trapero, Pedro, Otero (Julio 66´), Manu, Pedro Beda (Suso 94´), Rober (Cisso 77´), Raúl.
Goles:1-0, Carlos (7´), 1-1, Pedro Beda (36´), 1-2, Raúl (38´). 2-2, Carlos (69´), 2-3 Rober (73´), 3-3, Carlos (82´), 3-4, Pedro Beda (93´).
Árbitro:Bruno Méndez Castro. Auxiliado nas bandas por Pérez Rellán e Vázquez Lema. Amarelas a Gonzalo, Fidi, Pardo, Pedro, Manu, Adrián, Trapero e Julio. Expulsado por doble amonestación Pacheco (81´), e o porteiro suplente local, Javi Liz.
Campo e incidencias:O Poboado. Máis de 200 espectadores en tarde soleada.
Nova cortesía de Xose Ferreiro