TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 3 – CD ARENTEIRO 3

O As Pontes rescata un punto milagreiro ante un cadro ourensán que perdoou moito, Paco mediante

O As Pontes empatou na tarde deste sábado ante o Arenteiro de O Carballiño e rescatou un punto ante un rival directo que é o más positivo que se pode salientar do encontro.

E iso que as cousas comezaban ben. Avisaba Wadir cun disparo por alto (12´), pero na xogada posterior, nun balón que queda morto na área remata por dúas veces Carlos, logrando o seu sétimo tanto da campaña. Despois, tras un centro dende banda de Alex remata de tiro cruzado incorporándose dende atrás Quique e o balón vai ao fondo das mallas situando o dous a cero (25´).

A tarde semellaba plácida para os locais, pero nada máis lonxe da realidade, pois os últimos minutos ata o descanso foron un suplicio pra o público local. Pouco despois de sacar de centro empataba Wadir, que chegou completamente só, regateou a Paco e marcou con dous defensas baixo paus (26´). 

Os visitantes continuaron apretando, entraban como querían por ambas bandas, sobre todo a esquerda, e tras un centro de Fajardo, chegando completamente só ao segundo pau Jony marca a pracer (40´). Pero o equipo local nin tan sequera puido conservar o empate pois antes do pitido do intermedio, nun mal pase de Rivas que se convertiu en perfecta asistencia, Fajardo marca de tiro cruzado (44´).

E gracias, pois nunha gran xogada de Javi Rey que se desfai de Berto, aquel que fora campión co Polvorín, e probablemente mellor xogador da Preferente 2017-18, centra, e o lateral Iago, que so a tiña que empurrar no segundo pau, adiantouse tanto ao pase que a medio metro da liña de gol rematou cara atrás (38´). Tamén Dani estivo salvador nunha xogada na que Jony libre de marca podía entrar incluso co balón na portería (43´).

E pese a que o segundo período comezou cunha boa ocasión de Carlos, que se desfai do defensa pero remata moi frouxo (48´), seguiron sendo os verdes os que levaron o peso de encontro aproximandose con moitísimo perigo á área local.

A un remate de Fajardo que se vai un palmo por riba do longueiro (55´), seguiulle unha cabezada de Carlos que marcha preto do escuadro (62´). Pero aí voltou a emerxer a figura de Paco, que ante un disparo de Wadir, libre na área pequena, fai un paradón (68´). Logo é outra vez Javi Rey quen chega ata a cociña pero interpóñenselle entre Paco e Berto e o balón acaba saíndo preto do pau milagreiramente (72´). 

Voltou a salvar Paco outra vez ante Manu (76´), e na contra posterior é Carlos quen asiste a Pardo, e o xogador de Ortigueira regatea a Rui e marca o empate a tres (77´). De aí ata o final, pese a que os locais o tentaban con más vontade que tino, voltou a ser Paco, que desviou dous balóns lanzados por Ricar (80´e 88´), o que mantivo o empate. O equipo máis goleado da categoría a pesar do gran gardamallas ferrolán.

Preocupante As Pontes, aínda sen xogar a maioría dos seus rivais, continuará colista unha semana máis, con cinco puntos, o primeiro que se consigue na casa, e iso antes de visitar a un dos grandes como é o Alondras. 

Outro dato preocupante é que, salvando o triunfo en Porta Santa, botando a vista atrás, na última campaña pontesa na Terceira, 2016-17, cun equipo máis excusable, xa que se iniciara dende cero e con moita rapazada, na xornada oito o equipo levaba tres puntos, Alondras, Dubra e Bergantiños, só dous menos que esta campaña, e apenas dez goles encaixados. 

Despois de 25 anos voltaron a enfrontarse coruñeses e ourensáns, que foron dous históricos dos anos 80, e incluso As Pontes (54) e Arenteiro (51), cando a vitoria valía dous puntos, chegaron a xogarse o título da Terceira División na 1986-87, e tamén a finais desa década compartiron dúas campañas na Segunda B. Lonxe quedan eses tempos. Quinto empate en O Poboado, polos once triunfos locais e tres visitantes.

CD As Pontes. Paco, Berto (David Pajaro 74´), Alex, Rivas, David García (Sánchez 66´), Dani, Quique (Cambón 66´), Gonzalo, Carlos, Fidi, Pardo.

CD Arenteiro. Rui, Iago, Ocampo, Toño (Padrón 46´), Ross, Manu, Wadir, Albertito, Jony (Ricar 59´), Rey (Mitogo 81´), Fajardo.

Goles: 1-0, Carlos (13´), 2-0, Quique (25´), 2-1, Wadir (26´), 2-2, Jony (40´), 2-3, Fajardo (44´). 3-3, Pardo (77´).

Árbitro: Javier Figueirido Comesaña (Vigo). Auxiliado por Vázquez Martínez e Rivera Gores. Amarelas a David García, Sánchez, Manu, Fajardo. Expulsado por doble tarxeta Ross (94´).

Campo e incidencias. Campo de O Poboado. Algo máis de 150 espectadores. Regresaba como capitán dos verdes Ross, futbolista que fora das categorías inferiores do CD As Pontes, e incluso do primeiro equipo que debutara ante o Bouzas, 2-2, en 2015. Tamén debutou  cos locais no centro do campo David García. 

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios