O Concello de As Pontes incrementa o programa de apertura de centros cun obradoiro de conversa en inglés

45 rapaces e rapazas participan, dende onte, neste novedoso taller organizado polo departamento de Servizos Sociais
[aspontes.com] O Concello de As Pontes deu onte comezo a un obradoiro de conversa en lingua inglesa dirixido a estudantes de 5º e 6º de Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria (E.S.O)


A iniciativa, incluida no Programa de Apertura de Centros Fóra do Horario Escolar subvencionado pola Consellería de Educación, está organizada pola concellería de Servizos Sociais, a traverso do departamento psicopedagóxico municipal, e conta coa colaboura dos servizos de orientación dos centros escolares de As Pontes.
Segundo explicou o edil de Servizos Sociais, José Alén, os rapaces e rapazas están divididos en catro grupos dacordo co seu nivel de inglés e que, previamente, tomaron parte nunha proba oral e outra escrita para avaliar os seus coñecementos desta materia.
Un total de 45 alumnos e alumnas participarán nesta iniciativa que se desenvolverá no Instituto Moncho Valcarce ao longo dos meses de xuño e xullo.
Estas cifras de participación supuxeron unha grata sorpresa para os propios membros da concellería de Servizos Sociais xa que, tal e como explicou José Alén a demanda foi e está a ser tan grande que se está a estudar a posible apertura dun novo prazo de matrícula en setembro, co consecuente incremento do número de prazas, para satisfacer a demanda rexistrada xa que, un dos próximos obxectivos é continuar con este taller durante o curso 2009/2010, período no que tamén se contará co apoio da comunidade educativa que xa expresou a súa satisfacción con esta medida que califican de moi positiva para os alumnos
O obradoiro corre a cargo dun mestre nativo que desenvolverá as clases dun xeito informal, con xogos e recreacións de diferentes situacións da vida cotiá pero sen abordar disciplinas coma a gramática.
Este taller será totalmente gratuito, motivo polo que se esixe a asistencia dos anotados xa que, de sumar varias faltas inxustificadas, un alumno podería perder a súa praza en beneficio doutro estudante que forme parte da lista de espera.
Outras iniciativas
Ao longo deste curso escolar, o instituto Moncho Valcarce tamén estivo a acoller outro tipo de actividades incluídas neste programa de apertura de centros coma obradoiros de informática, ciencias ou matemáticas divertidas.
Integrados neste programa tamén se desenvolveron, en diferentes centros escolares ponteses, varios talleres de educación e seguridade vial, e xa para o vindeiro ano se está a traballar na posible imprantación dun programa de almorzos saudables na escola e de actividades lúdico-deportivas, co fin de que, por unha banda, os nenos adquiran hábitos saudables e, por outra, se facilite a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais.

También podría gustarte
Comentarios