A FAEIRA CELEBROU O ROSARIO

A parroquia da Faeira, antes do concello da Capela e dende 1983 do das Pontes, celebrou esta fin de semana as súas festas patronais na honra da Virxe do Rosario. Os festexos comezaron o venres cunha verbena a cargo da orquestra Sintonía de Vigo e o Grupo Sensación.
O sábado, despois do repique de foguetes, comezou cunha misa ó mediodía seguida da procesión, na que saíron as imaxes de Santa Lucía, San Pedro e a da Nosa Señora do Rosario, que lucía un bonito manto de cor vermello con motivos dourados. Á noite veciños e visitantes gozaron da segunda verbena coa música das orquestras Galilea e Televisión de Galicia. O domingo, o programa comezaba coa misa cantada pola Coral Airiños da Capela e á tardiña tivo lugar terceira verbena a cargo da orquestra Montes. Por mor da chuvia non se puido realizar a segunda procesión.
Faeira


A ADVOCACIÓN DA VIRXE DO ROSARIO
É unha advocación mariana venerada no catolicismo que se celebra o día 7 de outubro. Conta a lenda que a virxe apareceuse en 1208 a Santo Domingo de Guzmán nunha capela do mosteiro de Prouille (Francia) cun rosario nas mans, aprendeullo a rezalo e díxolle que o predicara entre a poboación.
A primeira capela foi construída por Simon IV de Monfort, que lle atribuíu a esta virxe a súa vitoria na batalla de Muret. No século XVI o papa Pío V instaurou a súa festividade o 7 de outubro con motivo do aniversario da batalla de Lepanto (1571) para celebrar a liberación do mundo occidental da ameaza turca.
A súa advocación está moi estendida por toda España (A Coruña venera á Virxe do Rosario dende 1589 pola axuda que, segundo a tradición, prestou ós seus habitantes para liberar a cidade do asedio das tropas inglesas), Francia (Notre-Dame-du-Rosaire de Lourdes) e Latinoamérica.
A PARROQUIA DE SAN PEDRO DA FAEIRA
Con quince quilómetros cadrados e 77 habitantes, a parroquia da Faeira, antes da Capela, atópase ó sur do concello entre as de San Pedro de Eume, Bermui, Goente, Ribadeume e o encoro do Eume. Comprende os lugares habitados da Faeira (20), O Pazo (7), O Pereiro (8), Porto do Liño (2), Os Reboredos (3), A Redonda (5), Terbá (5), Tras do Monte (5), Venade (15), O Vilar (6) e O Viso (1) e os deshabitados da Azureira, Mozcoto e Rebardille.
Antigamente pertenceu á xurisdición de Caaveiro da provincia de Betanzos. Hoxe forma parte do arciprestado de Bezoucos (concellos de Ares, Cabanas, Capela, Fene e Mugardos e seis das parroquias que en 1983 pasaron da Capela a As Pontes). No século XIX contaba con cerca de trescentos habitantes, que vivían da agricultura e gandería, facían carbón e preparaban madeira para a construción de barcos, que exportaban a Ferrol, Pontedeume, Ares e outros portos da comarca.
Ten unha altura media de catrocentos metros, aínda que no norte algúns cumes sobrepasan os cincocentos, como a Pena da Bandeira (593 m), a Pena da Lebre (574 m) e O Pico (554 m). Nesta parroquia desembocan no Eume o río Rebardille, que a separa de Bermui, e os regos dos Cadabás e da Xesta.
A igrexa parroquial é de construción recente e sinxela. Da antiga consérvase o campanario, de dúas espadanas, situado na entrada do cemiterio. O cruceiro foi construído no ano 1823, segundo reza unha inscrición que figura no baseamento do mesmo, “este cruzeiro se yzo a cuenta de la fábrica siendo cura D. José Troitiño de 1823”.
No propio lugar da Faeira hai unha importante industria de queixos do país, “Queserías del Eume”, que produce un queixo manteigoso e cremoso moi coñecido e apreciado pola súa calidade, tanto na comarca como no resto do país galego. Tamén exporta a Cataluña. Esta industria familiar foi fundada no ano 1960 en Goente polo avó dos actuais propietarios, Francisco Díaz, trasladándose en 1983 ó lugar da Faeira.
A Faeira (As Pontes), 4 de outubro de 2009 (AF)
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira
Faeira

También podría gustarte
Comentarios