Amigus
As Pontes

Valoración do Sindicato Comarcal de Industria de CCOO de Ferrol sobre o acordo de LM COMPOSITES

[CCOO] Ante o peche inminente da planta eólica das Pontes, LM COMPOSITES, o vindeiro 31 de decembro deste ano, o Sindicato Comarcal de Industria de CCOO de Ferrol quere manifestar o seguinte:


En primeiro lugar, valorar de forma positiva o acordo acadado polo Comité de Empresa e o conxunto de traballadores e traballadoras da fábrica, tendo en conta a actitude mantida pola dirección da empresa ao longo destes últimos meses, nos que sempre negou taxantemente calquera alternativa para a continuidade futura da factoría de pas dos Airíos.
Ao mesmo tempo, denunciamos a total inoperancia da Xunta de Galicia, que a través da Consellaría de Industria, que exerce as responsabilidades neste eido, colocou aos traballadores e traballadoras de LM COMPOSITES nunha situación crítica, que os abocou ao peche definitivo da empresa e á perda inrreparable dos seus postos de traballo.
Desde o Sindicato Comarcal de Industria de CCOO de Ferrol criticamos, asimesmo, a actitude mantida pola multinacional dinamarquesa que se instalou nesta comarca en 1996, beneficiándose de todo tipo de axudas públicas, e que nestes trece anos non adicou nin un só euro a mellorar e ampliar as instalacións das Pontes, aproveitando a situación do mercado.
Coidamos que LM nace como un proxecto industrial de curto percorrido, deseñado para cubrir unha parte pequena do mercado eólico, recibir axudas públicas de todo tipo, recoller beneficios e levantar o vo para aterrar noutros lugares, con estes mesmos obxectivos. E todo isto acontece na nosa comarca co visto bo das Administracións Públicas. Unha situación que se repite con demasiada frecuencia nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Denunciamos a total inoperancia da Consellaría de Industria en todo este proceso, incapaz de buscar saídas que posibilidaran a continuidade da empresa e o mantemento do emprego
Esiximos da Xunta de Galicia o estudo e análise rigoroso dos proxectos industriais que reciban axudas públicas, para que se establezan compromisos firmes e esixindo requisitos que eviten a fuxida de empresas como LM COMPOSITES de Galicia. Para rematar, demandamos a necesidade de contar cunha Consellaría de Industria activa, capaz de defender o emprego existente e contribuír de forma decisiva na creación de emprego na nosa comarca.

También podría gustarte
Comentarios