Amigus
As Pontes

Nota de Prensa BNG : PARA O BNG, O ALCALDE É O MENOS INDICADO PARA FALAR DE HONESTIDADE POLÍTICA.

A denuncia do BNG diante do Pleno do luns pasado para a aprobación de facturas tiña como obxectivo principal facer pública a súa convocatoria e o seu contido, finalidade que foi acadada.
A intención do PSOE era a contraria: que o feito pasará desapercibido; e así se nos fixo chegar nunha reunión o día 26, na que se falou da posíbel non asistencia dos medios locais –aos que se viron obrigados a convocar- e para “convencer” ao BNG propuxéronos aprobar tamén facturas de anteriores lexislaturas.
O procedemento utilizado polo PSOE non é o habitual, é excepcional; pero o goberno municipal socialista está a convertelo na regra do seu funcionamento: no que vai de ano é o cuarto expediente en Pleno, namentres que nas Xuntas –nas que só está o PSOE- leva máis de 80.
E algúns dos “pequenos detalles irregulares” dos que fala o Alcalde consisten, segundo os informes técnicos en “contratacións verbais, sen consignación orzamentaria algunha e sen expediente de contratación de ningunha clase”, como no caso do céspede do Parque Municipal (case 50.000€ a maiores do contrato).
Asemade das 100 facturas que foron a Pleno, 87 son do goberno do PSOE, e 13 dos anos anteriores; en euros, máis de 434.000 nos tres anos do PSOE, e menos de 87.000 nos 10 anos do BNG, que se non se pagaron antes é responsabilidade tamén do PSOE.
Lembrar que o 1 de xuño de 2007, o BNG dirixíase por escrito ao PSOE para “facilitar o cambio de equipo de goberno municipal, de tal modo que poidan Vdes. tomar coñecemento práctico da situación do concello …”, comunicación que, no caso de seren contestada, permitiría ao Alcalde coñecer que 7 facturas das rexistradas en maio-xuño dese ano (663€ ao Hostal Fornos, 4.936€ de Montajes As Pontes, e 38.181€ a San Martín), poderían pagarse; que outra das mesmas datas (17.348€ de Cuiña) non lle correspondía ao Concello, e que outra por 6.951€ non se podería pagar por non estar os traballos feitos.
O informe técnico do Concello afirma que do importe correspondente aos anos do BNG, preto do 50% -case que 42.000€- estaría prescrito sen reclamación, pois nalgún caso foron rexistradas polos provedores no 2009 dous anos despois de que o BNG deixase o Goberno Municipal e, noutro caso, segundo Intervención preséntase unha factura que non lle corresponde pagar ao Concello.
Como resultado do Pleno, o PSOE e o PP decidiron deixar sen pagar tódalas facturas de anos anteriores, sen diferenciación. Porén, tamén deixaron pendentes 6, por un importe de case que 118.000€ -máis da metade do que deben-, á espera dun informe da Secretaría, que, nalgún dos casos xa existe é e contrario ao seu pago por contratación directa sen licitación pública –é dicer, contrato verbal-. A abstención do BNG pretende non responsabilizar aos provedores e contratistas da pésima xestión do PSOE.
O BNG sempre estivo e estará disposto a asumir as súas responsabilidades; pero non o está a recibir leccións de honestidade por ningunha outra forza política, e menos se veñen dende a prepotencia, a imposición, e a falsidade.
O BNG ten a disposición das veciñas e dos veciños o expediente do que dispón.
As Pontes, 2 de xuño de 2010
Asemblea Local do BNG

También podría gustarte
Comentarios