Nota de prensa CIG: O decreto do Carbón provocará unha caída do 3% do PIB galego e para pagar a súa aplicación incrementarase a tarifa eléctrica

Anuncia a convocatoria dunha manifestación nacional o vindeiro 16 de xaneiro en Compostela e demanda do goberno galego “un paso á fronte” en defensa dos intereses do país.
A federación de Químicas e Enerxía da CIG vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación nacional, o vindeiro 16 de xaneiro en Compostela, contra o decreto do Carbón. Para a CIG estamos diante dun problema de dimensión nacional porque, alén das graves repercusións que terá para as comarcas directamente afectadas, Cerceda e As Pontes, provocará a caída do 3% do noso PIB e porque os 726 millóns de euros nos que está estimado o custo da aplicación deste decreto, teremos que pagalos todos os galegos e galegas no incremento da tarifa eléctrica, que o goberno pretende aprobar antes de que remate o ano.
Na rolda de prensa estiveron presentes Alberte Gonzálvez, secretario nacional da federación de Químicas e Enerxía da CIG, Fernando Branco, delegado da CIG en Endesa e Xabier Filgueira, membro da executiva nacional da federación.


Alberte Gonzálvez, secretario nacional da federación de Químicas e Enerxía da CIG, denunciou, en rolda de prensa, a “hipocrisía” do PSOE polas posicións que vén mantendo respecto do decreto do Carbón a nivel estatal e nos concellos directamente afectados, Cerceda e As Pontes. Posicións que a CIG considera que responden unicamente aos intereses electorais desta formación de cara ás próximas eleccións municipais. “O PSOE, malia os informes en contra dos mercados da competencia e da enerxía insiste en sacar adiante un decreto en contra dos nosos intereses para beneficiar a outras comunidades”, dixo.
Gonzálvez denunciou tamén a “incoherencia” do PP, que en Galiza manifesta a súa oposición a este decreto, pero que logo, no Senado, vota en contra dunha moción que foi recentemente presentada polo BNG. A este respecto, asegurou que así llo transmitiron ao Director Xeral de Industria, os representantes da CIG que mantiveron con el unha xuntanza este luns en Compostela.
Do mesmo xeito, denunciou o funcionamento da comisión de seguimento, creada “para contentar a certas zonas e alcaldes”, a medida dos intereses do PSOE, porque, segundo afirmou “a maioría dos membros que a conforman son militantes do PSOE”. O secretario nacional da Federación de Químicas cualificou a comisión de “estéril” porque tiña a encomenda de facer seguimento das consecuencias da aplicación do decreto pero tras da primeira xuntanza, a finais do mes de outubro, non se volveu reunir.
Manifestación nacional o 16 de xaneiro
Ante esta situación, a CIG acordou convocar unha manifestación nacional o vindeiro 16 de xaneiro, para denunciar tanto as repercusións do decreto para as centrais térmicas e para as comarcas nas que están ubicadas, como as consecuencias que terá para o conxunto da economía de Galiza e para os propios petos dos galegos e galegas.
Unha manifestación á que chama a sumarse a todas as organizacións sociais, políticas e sindicais e ao propio goberno galego que “ten que dar un paso á fronte e unha resposta en defensa dos intereses básicos do noso país”.
Neste sentido, afirmou que o peche das centrais non só vai en contra destas dúas comarcas, que “serán aniquiladas industrialmente” condenando á súa xente “á emigración”, senón que afecta a todo o país, xa que supón unha caída do 3% do PIB galego.
Suba da tarifa eléctrica
A isto, Fernando Branco, delegado da CIG en Endesa, engadiu que o custo da aplicación do decreto no sistema eléctrico está estimado en 726 millóns de euros que serán repercutidos na tarifa que pagamos todos os galegos e galegas. Este incremento, que ten que ser aprobado polo goberno do Estado antes do 31 de decembro, estímase que será dun 8-9% e del, o 50%  irá a pagar o RD. “Vannos obrigar a pagar máis polo recibo da luz e a apagar as dúas centrais. É unha ecuación insoportábel para Galiza e non estamos dispostos a asumilo”, afirmou.
Branco alertou ademais das consecuencias que terá a Directiva de emisións industriais publicada o pasado 17 de decembro, que obriga ás centrais galegas, Meirama e As Pontes a decidir  antes de xaneiro de 2014 se abordan ou non unha reforma das súas instalacións para minimizar as emisións de xofre e de nox (óxido nitroso). “É un investimento que se ten que facer grupo a grupo, e hai moitas dúbidas respecto do que farán as empresas, nun escenario de instalacións paradas, porque de non acometer esa reforma, o que di a directiva europea é que os grupos poderán seguir funcionando sen facer ningún tipo de modificación desde o 1 de xaneiro de 2016 durante 17.500 horas ou, como moito até o 31 de decembro de 2023, data na que terían que pechar”.

También podría gustarte
Comentarios