Amigus
As Pontes

Carreira de San Xosé 2012: Entrevista a Pedro Nimo del Oro, por Susana Castro Pena

pedro_1.jpgA falta de unha semana para a Carreira de San Xosé pontesa hoxe en Amigus temos a sorte de poder contar con un sensacional atleta nacido en Santiago de Compostela aló polo ano 1980. Oito veces Campión Galego de Cross, dúas de 10000 e unha de Media Maratón. Campión de España Junior de Cross, entre outras cousas tamén foi primeiro atleta non africano no Mundial Junior 1999, mellor marca europea junior de 10000 en 1999, e ostenta o record galego junior de 10000 metros. Desde hai uns anos pasouse á especialidade de Maratón, na que foi 8º clasificado no Maratón de Viena 2009, e 6º no Maratón de Berlín 2011. Sen embargo o seu maior “logro” como atleta conseguiuno no Mundial de Berlín 2009, quizais o seu posto, 67º, non chame demasiado a atención, pero a pesar de sufrir moitas dores prácticamente dende o inicio da carreira, e emulando ó soldado grego Filipides, recorreu ós 42 kilómetros 195 metros en 2 horas 36 minutos e 39 segundos, quedandolle graves secuelas que lle impediron adestrar con normalidade durante dous anos, pero dando un exemplo de pundonor e sacrificio ó resto da humanidade. Hai un mes proclamouse co seu equipo, o Bikila, Campión de Europa de Clubes, e este vencedor da Carreira de San Xose en 2009 actualmente atópase preparando a Maratón de París 2012, a desputar o 15 de Abril, onde espera conseguir unha gran marca que o acerque ós Xogos Olímpicos de Londres 2012, e a pesares de estar a preparar en exclusiva esta proba, apenas hai dez días logrou unha máis que meritoria sexta praza no Campionato de España de Cross botando man do seu talento.
Ola Pedro, todo un luxo poder entrevistarte, participaches varias veces na Carreira de San Xosé, ¿Qué opinas da proba?
Ola, moitas gracias a ti, pois penso que é unha proba moi atractiva, todos nos queixamos sempre da dureza do percorrido, e sobre todo, da costa, pero sen ela a carreira non sería a mesma, a subida ó Pantano ten un algo especial, case tanto como a carballeira da que saímos e chegamos, unha maravilla!
Precisamente a famosa “Costa da Cubeliña”, ¿Como a ves e como a sufres? ¿Considérala un atractivo especial a esta proba que lle da personalidade ou crees que é un limitante para moitos atletas?
É unha parte da proba que dota a carreira dunha identidade propia, nela todos sufrimos un pouco máis, cada quén ó seu ritmo, pero penso que é algo imprescindible na proba.


¿Qué opinión tes da actual localización da carreira no parque da Fraga?
Saír e chegar a unha carballeira así é o maior dos acertos, hai bo acceso, zonas pra estacionar os vehículos e un entorno único, ademáis, pra poder animar e ollar ós mais cativos, a zona é inmellorable.
pedro_2.jpg¿Algún recordo ou anécdota especial da túa participación nesta proba?
Coido que todos o temos, sempre oes falar da “famosa” costa do pantano, A Cubeliña, pero coido que todos dicimos o mesmo … “Non será pra tanto”… e despois, e a pesar dos “avisos”, a costa resulta de unha dureza enorme. No persoal, a pasada edición foi fermosa e culminou un día ben simpático cuns amigos, que pasamos o día a ver cabalos, comemos en Vilalba e de camiño á carreira, comprei unha besta en Xermade … e despois, subín ó podio coa “miña nena” (risas), Helena, a filla dun bo amigo, fíxolle moitísima ilusión.
(Risas) ¿Cómo ves a participación de nenos e xente nova nas carreiras e no atletismo en xeral?
Semella que temos moito por mellorar e moito que fomentar o atletismo entre os máis novos, penso que acertar coa dureza dos circuitos e a distancia á que sometemos ós nenos e fundamental pra “non queimalos”. Hai que facelo máis atractivo para os máis novos.
Pasando a un ámbito máis persoal ¿Cal é a túa situación deportiva actual?
Agora mesmo centrado plenamente na maratón, e máis concretamente, na carreira que desputarei o vindeiro 15 de Abril en París, co “soño” dos Xogos Olímpicos como fondo e motivación. Aínda que xa conto coa mínima “A” pra participar nos mesmos, só hai 3 prazas para España e estas van estar moi caras. Por outra banda, desfrutando do atletismo na medida do posible, pois despois dos dous anos máis duros da miña vida a nivel deportivo e persoal, polas lesións e os problemas físicos, valoras moito máis as cousas e desfrutas outras que antes nin te detiñas a pensar.
¿Cales son os teus plans a curto prazo, verémoste na liña de saída este ano?
Se é posible encaixalo, podes ter por seguro que así será!, guste ou non, a miña esencia de “atleta popular” está ahí, e non quero perdela, si ben é certo que a maratón impide que poida ofrecer o mesmo rendemento nestas probas, atópome máis lento, e aínda que a economía de carreira é moito maior, faltame esa “chispa”, proba delo é que o meu pasado “crosseiro” pasou á historia e agora cústame moito máis desenvolverme neste tipo de probas.
¿Qué significa o atletismo para ti? ¿En que proba te sintes máis a gusto?
O atletismo trocou a miña vida pra sempre, nel toquei o ceo e case que o inferno, pero ante todo, foi quen de con golpes e triunfos, educarme e ensinarme que a vida está composta de moitas cousas, e que non sempre as máis grandes son as máis importantes. Este deporte ensinoume a traballar, a loitar, a superar adversidades e moitas cousas máis que non se ensinan nos pupitres das escolas. A miña proba foi durante moitos anos o cross, pero dende que comecei a preparar a maratón, dinme conta que a mítica distancia era a miña, era esa proba na que, se logro unha preparación sen problemas físicos, podo dar o mellor de min e facer ese rexistro que penso que teñen as miñas pernas. Cometín o erro de non explotar a tope a pista e as distancias curtas, e a maratón pode ser a proba que menos penalice todos estes erros que fun cometendo desde máis novo, así pois, a pensar e soñar con ese gran rexistro ou posto no maratón, por exemplo … de Londres.

pedro_3.jpg

Pedro Nimo, Campión de Europa de Clubes co Bikila

Ogallá, actualmente estás en Bikila, é o primeiro ano que contan con equipo feminino, ¿Que opinión che merece?
É un acerto total!, ademais, a ledicia é dobre ó estar no equipo dúas galegas e unha asturiana, xa sabes o dito! Coido que o atletismo feminino merece un pulo especial e debemos mimar ás nenas pra que non deixen o atletismo nesas idades mais conflictivas.
De feito recentemente proclamacheste Campión de Europa de Cross de Clubes co Bikila, xa íades como favoritos en moitas apostas e non defraudáchedes, ¿Que supón este título para ti?
Estar no mellor equipo de Europa é outro éxito persoal, nesta ocasión, tivemos unha motivación extra, a nai do noso compañeiro Javi López está a loitar e superar un cancro e día a día nos amosa unha capacidade de loita incrible, por ela foi este triunfo … “Mari Carmen, va por ti!”
Pois claro que si, no Bikila tes de compañeiros a Landassem e Guerra entre outros, ¿Que me podes dicir do plantel do que dispón este ano o Bikila e dos teus compañeiros?¿A que aspirades?
O Bikila é moito máis que un equipo, somos unha gran familia!, entre nós hai moi boa relación, antes que compañeiros, a maioría de nós, somos amigos! O grande obxectivo do equipo xa está cumprido, que era sermos campións de Europa de Cross, despois disto, Ayad e máis eu, fomos “eximidos” de case todo pra podernos centrar nas nosas respectivas maratóns.
¿Como ves o actual estado do atletismo galego, español e o futuro?, ¿solución a falta de canteira?, ¿necesitanse cambios nas institucións?, ¿nos adestradores? ¿qué tipo de solucións ves?
Vexo un problema educacional, que comeza dende o berce, dende o punto e hora na que os pais dan todo feito ós fillos, a vida é sacrificio e superación, son momentos fantásticos e outros malos, pra valorar as cousas estas deben “ter un traballo detrás”. O atletismo ten uns valores incribles, pero os nenos so pensan “na vida fácil”. Hai que potenciar as excelencias deste deporte e escomezar xogando ó atletismo, non so pensando no alto rendemento, a clave é que os nenos desfruten, que sexan eles os que pidan máis, os que queiran mellorar as marcas.
pedro_4.jpg

Pedro, na chegada da maratón de Viena 2009

En 1994 España fixo triplete europeo na Maratón con Martín Fiz, Diego García (DEP) e Alberto Juzdado, nos Mundiais, en 1995, ouro de Fiz, en 1997, dobrete, ouro e prata Antón-Fiz, en 1999 ouro para Antón, prata para Julio Rey en 2003 … ¿Como ves o estado actual do maratón español e o futuro?
Penso que será unha proba que irá a máis, somos moi novos a maioría dos atletas e sobre todo, penso que temos moito marxe de mellora. De tódalas maneiras, pola inestabilidade, a maioría de nós traballamos ademáis de adestrar, e isto é un limitante, pero son outros tempos e haberá que saberse adaptar. O que está claro é que a día de hoxe co nivel africano que hai nin Abel nin Martín serían Campións do Mundo.
¿Como ves a eclosión dos africanos que xa acaparan case todas as probas?
E unha lóxica, gústenos ou non, eles teñen outra xenética e hai que saber renderse á evidencia, son superiores e nós podemos vencelos moi puntualmente. Eu son o primeiro que desfruta vendoos correr.
¿Que dominadores ves nesta proba nun futuro?
Cada ano sae un novo atleta, é unha canteira inesgotable, ademais, é unha cuestión de vida ou morte, o atletismo é a única opción de futuro para moitas destas persoas. Non obstante, estou seguro que nos próximos Xogos de Londres, 5 ou 6 atletas baixarán do record olímpico.
¿Ata onde crees que se pode baixar o record mundial?
Todos temos na mente esas 2 horas, 2 minutos, 0 segundos, e dende ahí … ata onde esas pernas de gacela os poidan levar!
pedro_5.jpg

Pedro, na chegada da maratón de Berlín 2011

¿E a túa propia marca?
Eu teño 2 horas 12 minutos 10 segundos, pero se son sinceiro, penso que nas miñas pernas hai unha marca de 2:08:00 ou 2:09:00, pero pra isto necesito que as lesións me dean un respiro e poida acumular kilómetros e tempadas sen demasiados problemas. Por outra banda, fará falla un bo circuito e que ese día o clima axude.
Non obstante, Carles Castillejo venceu hai pouco nunha media maratón a Patrick Makau, e anque o keniata seguramente non estaba no seu pico de forma, non deixa de ser o recordman mundial de maratón, ¿É unha mostra de que os africanos as veces non son invencibles? ¿Qué opinas desta xesta?
Bueno, sinxelamente Makau limitouse a adestrar forte e cobrar unha boa suma de diñeiro … hai que darse conta de que a súa marca de maratón suporía dobrar e aínda así mellorar a marca que fixo nesta media maratón, sen embargo, foi fermoso que “Casti” lle vencera, e a bo seguro, unha inxección de moral pra él. De todas formas, sigo a pensar que eles, os africanos, estan moi por riba de nós.
De feito Carles Castillejo xa ten praza segura no maratón olímpico, ¿Cales crees que serán os teus rivais españois pra as outras dúas prazas? Landassem, Chema …
Penso que haberá moitos, así como en outras probas, con acadar a mínima “B”, entras fixo, en España, na proba da maratón, non so hai que acadar a
mínima “A”, senon que hai que facelo moi folgadamente e demostrar un nivel moi alto. Proba disto é que calqueira dos que estamos “arriba” nesta proba en España seríamos fixos pra a cita olímpica no 80% de países. Pra min, os máis fortes e entre os que estarán esas duás prazas son: Landassem, Chema, Rafa Iglesias, Nacho Cáceres, Pablo Villalobos, e atención especial a “novos” atletas coma Jaume Leiva, Gamonal ou Ivan Galán.
E entre eles tamén estás ti, con respecto ó Maratón do Mundial de Berlín 2009, que foi admirable para min, en todos esos kilómetros nos que ías tan tocado físicamente, ¿En que pensaches e que foi o que che motivou para conseguir acabar?
Pensei de todo e en todos, dende o kilómetro 10 saíanme as bágoas de dor, pero esa era a carreira de moita xente, era a carreira de tódalas persoas que durante anos confiaron en min, de tódalas persoas que sempre creeron en Pedro Nimo e de tódolos atletas populares galegos, que me fixeron e fan sentir a bandeira das nosas carreiras. Aquel día tiña motivos de sobra pra rematar, e para colmo, alí tiña a amigos e amigas que me animaron e empuxaron a soportar toda aquela dor, Susi, Luisa, Dani, Santi, Eli, July, Ignacio, Jack, Paz, Sonia ou Bego sufriron tanto ou máis ca min, e o seu cariño e apoio está tan grabado no meu corazón como as secuelas físicas daquela carreira.
Vídeo do final da carreira do Mundial de Berlín 2009 http://www.youtube.com/watch?v=dQJf3D1zko0
pedro_6.jpg

Pedro, na chegada da maratón do Mundial de Berlín 2009

E tan grabado quedou que fixeches algo a priori inusual en ti, ¿non?
Pois si, fixen a tatuaxe que “reza” no meu brazo esquerdo “Berlín Agosto 2009”. É a mostra de que nunca nada poderá conmigo e que co cariño da xente que me aprecia podo logralo todo. A xente faime sentir día a día unha persoa moi especial, querida e valorada. Son un tipo con sorte!
¿Que agardas dese 15 de Abril tan trascendental para ti?
París voltará a ser a proba de moita xente, moitas persoas son ás que debo esta carreira, moito apoio e cariño, e esta carreira será adicada á miña avoa e a Mari Carmen, a nai de Javi López, sempre é bo ter motivacións e dar sentido ás cousas, de nada serven os grandes logros se non temos xente querida coa quen os compartir.
Teño entendido que che gustan moito os cabalos, ¿Que me podes dicir ó respecto?
(Risas) Son a miña paixón, e hai quen di que ata “obsesión” (risas), encántanme e constitúen a miña vía de escape, relax e tranquilidade, iso si, sempre cunha frase que me dixo un día un amigo moi presente: “Los caballos son la forma más elegante de arruinarse”. Pero teño claro que Pedro non sería o mesmo sen eles.
Durante a túa estadía na selección española compartirías estancia con moitos atletas recoñecidos, non so españois senon de outros lugares, ¿Quen che chamou a atención?
– Como gran atleta por cualidades: Usain Bolt, coincidín nos Mundiais de Berlín, e foi incrible velo correr.
– Como persoa: Paul Tergat, estiven unha semana con él en Luanda, Angola, é todo un exemplo!
– Como compañeiro/amigo: Lolo Penas, moito máis que un rival, compañeiro e amigo!
– Polo seu sacrificio como deportista: Chema Martínez, un exemplo de profesionalidade e adicación.
pedro_7.jpg

Pedro, xunto a Lolo Penas e Paul Tergat, sete veces Campión do Mundo (5 Cross, 2 Media Maratón), e doble subcampión olímpico de 10000 metros.

1. ¿Cross, ruta ou pista? Ruta! Aínda que o cross ten un aquel moi especial pra min.
2. ¿Adestrar pola mañá ou pola tarde? Inverno de mañáns e verán de tardes.
3. ¿Carne ou peixe? Chuletón!, aínda que cada vez como máis peixe, fágome maior!
4. ¿Cola-cao ou Nesquik? Paladín!, xa de perdidos, ó río!
5. ¿Mar ou montaña? ¿¡De verdade teño que elexir só unha opción!?
6. ¿Un sitio para vivir? Santiago de Compostela, e se pode ser nunha finquiña, rodeado “dos meus nenos”, os cabalos, mellor que mellor!
7. ¿Un soño por cumplir? Moitísimos!, pero o máis cercano polo que loitar, ser Olímpico!
8. ¿Unha proba atlética? Maratón!
9. ¿Un defecto confesable? Moitísimos, e aínda que algúns se foron correxindo, sigo a ser bastante “pijo”.
10. ¿Unha virtude A constancia e o sacrificio, con traballo e adicación, todo é posible!
11. ¿Doce ou salgado? Doocee … uumm …
pedro_8.jpg

Pedro, con Paula Radcliffe, 7 veces campiona do mundo (3 Cross, 3 Media Maratón e 1 Maratón).

Dende Amigus queremos agradecer a Pedro Nimo, que vai donar como agasallos diversos artículos deportivos, en nome do seu clube, Bikila, que serán entregados como premios na Carreira de San Xose, entre eles dúas camisolas, unha asinada por el. Tamén queremos agradecer a xestión da gran Susana Castro que nos posibilitou coñecer un pouco máis de cerca a dous deportistas de moitos quilates como Paula e Pedro.
Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios