Amigus
As Pontes

Campión xuvenil Miguel Alvariño, e novena posición para Xaquín Mira en arco composto

Unha fin de semana de frío e algo de vento a que acolleu ás arqueiras e arqueiros participantes nesta edición do Gran Premio de España Cidade de Boadilla del Monte. O sábado tiveron lugar as rondas clasificatorias en tódalas modalidades e categorías.
Pola mañá arco composto con dúas rondas de 36 frechas a 50 metros. Xaquín Mira, único representante do Clube Sílex nesta modalidade, non estivo todo o atinado que agardaba clasificándose na 28ª posición despois de sumar 333 e 330 puntos. Pasaba así á fase de eliminatorias directas, onde so os 32 primeiros se batirían para chegar ata a final. O mesmo sábado adiantouse o primeiro dos enfrontamentos, o de 1/16 de final, no que se tivo que ver con Sergio Martínez que rematara en 5º lugar cun total de 684 puntos. Foi moi igualada a eliminatoria chegando a gañar o galego por un so punto, 139 a 140. Melloraba así a posición acadada tras a clasificatoria e entraba entre os 16 mellores do campionato. O domingo pola mañá comezábase coas eliminatorias de 1/8, e nesa tiña como rival a Jose Ignacio Catalán. Xaquín non tivo de cara a sorte e as complicacións do tiro con disparador de xiro cando arrecia o vento apeárono da competición por 137 a 143. Así a todo o resultado foi bastante bo, dado que ao perder en 1/8 remata o primeiro GP de aire libre nesta modalidade en 9ª posición.
O outro arqueiro do clube pontés que se desprazou ata terras madrileñas foi o novo compoñente do equipo nacional absoluto, Miguel Alvariño. Con varias metas para esta competición, pouco a pouco foi bregando para acadar as máximas posibles. As tandas clasificatorias, 72 frechas a 70 metros, fíxoas a moi bo nivel. Tanto que resultou ser o segundo clasificado na competición absoluta de arco recurvo home cunha puntuación de 650 puntos. Estas dúas rondas a 70 metros daban directamente os postos da competición xuvenil, na cal o galego subía ao primeiro escalón do podio con 21 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado. Nas eliminatorias do campionato absoluto tirou tamén o sábado pola tarde a tanda de 1/16 onde gañou ante Miguel Ángel Rey por un contundente 7 a 1. O domingo pola mañá non entrou ben na competición e despois de ir gañando 4-2 fronte a José Carlos Olandía rematou perdendo 4-6. Foi a única nota negativa xa que todo o demáis foron bos resultados para o arqueiro pontés que rematou así na mesma 9ª posición que o seu compañeiro Xaquín pero en arco recurvo home. O máis destacable resultou que a puntuación acadada nas tandas de clasificación superan a “puntuación mínima de referencia” da RFETA para asistir ao Campionato do Mundo Xuvenil de 2013 que se celebrará na localidade chinesa de Wuxi no mes de setembro. Sendo o único arqueiro nacional da categoría e entre tódalas modalidades que chega a esa mínima nesta primeira competición valedeira.
2013-04-28-GP-Boadilla-01.jpg


2013-04-28-GP-Boadilla-01.jpg
2013-04-28-GP-Boadilla-01.jpg
2013-04-28-GP-Boadilla-01.jpg
2013-04-28-GP-Boadilla-01.jpg
Nova cortesía Club Sílex

También podría gustarte
Comentarios