Esforzo, superación e espírito de equipo en A Coruña!
O pasado 18 de outubro, o noso equipo de barco dragón do *Grupo Xuvenil de piragüismo* desprazouse ata A Coruña para afrontar unha xornada de competición moi esixiente da Copa Galega de barco dragón.
A pesar das duras inclemencias meteorolóxicas, marcadas polo forte vento e as complicadas olas de mar de fondo, o noso equipo loitou de principio a fin. Xurdiron algúns percances, pero foi precisamente neses momentos cando se fixo máis evidente a marabillosa unión e a forza inquebrantable que caracteriza a este grupo.
Cómpre destacar tamén que para varios dos nosos pedaxeiros esta era a súa primeira regata, polo que hai que recoñecer a súa enorme valentía e entrega tendo en conta a gran dureza e as complexas condicións da proba.
O balance da xornada:
*
Equipo feminino sénior: Brillante medalla de ouro tras unha actuación maxistral.
*
Equipo feminino veterano: Un meritorio 4º posto nunha regata moi axustada, quedando a escasísimos segundos do segundo e terceiro chanzo do podio.
*
**Equipos mixto e open: Malia poñer todo o esforzo e unhas ganas enormes na auga, lamentablemente foron descalificados por saídas de pista provocadas polas complexas condicións do tempo.
Ademais, volvemos a destacar con orgullo que o Grupo Xuvenil segue a ser un dos poucos clubs de España que conta con mulleres timoneis, demostrando o noso compromiso co lideraxe e a presenza feminina na auga.
Quedámonos coa valentía, coa aprendizaxe e co orgullo de ver como este grupo rema sempre a unha, tanto nos triunfos como nos obstáculos. Isto non para e xa estamos pensando no seguinte reto!
Nova cortesía do Grupo Xuvenil

Los comentarios están cerrados, pero trackbacks Y pingbacks están abiertos.